Amosando publicacións coa etiqueta Diversidade familiar. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Diversidade familiar. Amosar todas as publicacións

luns, 30 de abril de 2018

Salvaje




Hugues, Emily (2014). Salvaje. lust. do autor,  trad. Regina López, Barcelona: Libros del Zorro Rojo, [ 34 pp. ] (ISBN: 978-987-1948-43-7).

Breve descrición e contido da obra: albúm ilustrado de tipo narrativo. Formato rectangular e tapa dura, cunhas medidas de 24x28 cm. A cuberta ten unha ilustración corida e chea de vida na que aparece a protagonista, unha nena co pelo de follas e flores do bosque; na parte superior vese o título “Salvaje” e ademias o nome da autora. A contracuberta segue unha continuidade cromática, nela aparece a imaxe dunha árbore nun bosque, ademais debaixo desta atópase unha frase como moralexa do conto. As gardas teñen motivos florais e froitos das árbores do bosque, lugar onde transcorre a maior parte da historia, polo que é un anticipo ó que nos vai contar.  En canto as páxinas, mesturan texto moi breve de carácter descritivo con imaxes, predominando máis as segundas, estas aparecen tamén a dobre páxina. Atopamos páxinas que soamente teñen ilustración, é dicir, ausentes de texto, e outras nas que texto e imaxes aparecen xuntos. Cabe destacar que as ilustracións están relacionadas coa narración en si, pero non son imprescindibles para a comprensión da mesma, só o complementan.
O tema relatado neste libro é bastante común na literatura infantil, pódese observar en historias como en El libro de la selva de Rudyard Kipling. En canto ao contido, o libro relata a historia dunha nena que é abandonada nun bosque ao nacer e que se cría cos animais que alí viven.A nena relaciónase con eles, aprende con eles e é tratada como unha máis durante anos, ata que un día uns humanos a adoptan e a levan á cidade, pero todos se dan conta de que non pertence a ese lugar, a pequena non é feliz.

Potencialidades: Destinado para nenos a partir dos 3 anos. Con este libro podemos traballar conceptos básicos e cruciais nestas idades como a familia, o fogar, a educación… A visión que temos da familia, como punto de partida para coñecer o mundo, pode non ser a única forma de educación, xa que a nena aprende nun ambiente distinto e os animais transmítenlle moitos valores e ela é realmente feliz alí. Para ela son a súa familia, a pesar de ser especial e non estar catalogada como familia típica. A liberdade de poder elixir o que un quere é algo que debemos inculcar aos nosos futuros alumnos e alumnas ao igual que o respeto polas opinións persoais.

Recursos en liña:

     - Contacontos: https://www.youtube.com/watch?v=2KPK8rPzsEU (Consultado o 18/03/2018).

mércores, 11 de abril de 2018

Teño dúas casas

Justo, Cristina e Rodríguez, Paloma (2013). Teño dúas casas. Ilustr. Trobec, Spela. Ferrol: Embora, col. A igualdade conta  [32 pp.]. (ISBN: 978-84-92644-51-3).

Descrición do contido e formato: conto ilustrado de tapa dura cunhas dimensións de 22x22 cm. Na cuberta mostra o título da obra en letras maiúsculas e negras, e abaixo aparece unha nena con dúas casas, unha no lado dereito da nena, que é da nai, e a outra no lado esquerdo da nena, que é a do pai. Tamén mostra os dous nomes das autoras e o da ilustradora. Na contracuberta aparece un breve resumo do conto, ademais dun círculo colorido e encima del está a nena caminando, xa que nos di que o seu irmán e ela son o centro do mundo para os seus pais e sempre van a estar para os seus fillos, e que cada familia é un mundo, coma a lúa xirando arredor da terra. Na portada repítese de novo o título do conto e os nomes das autoras e da ilustradora, e tamén o mesmo debuxo da cuberta sobre a protagonista. As ilustracións son animadas, predominan os cores vivos e claros, gardan relación coa realidade rompendo certos estereotipos e convencións sociais desde unha visión imaxinativa e coherente; vivencias cotiás dos fillos de parellas separadas. A técnica empregada é a pintura aplicada cunhas pinceladas nalgunhas páxinas, e noutras utilizando o pintado con lapis de cores como se debuxara un neno. O texto é escrito en diferentes cores e moi claros, e a linguaxe é fácil de comprender pero á vez é completa, polo que ofrece moita información e o narrador que domina é a protagonista.
A historia trata sobre unha nena chamada Ada de cinco anos. Gústalle ir ao cole e conta desde unha perspectiva feliz de que ten dúas casas, xa que os seus pais xa non son noivos e viven separados. Polo que ten a súa casa de todos os días e a súa casa de estar con papá. As dúas casas son moi bonitas e pode facer moitas cousas como xogar ou pintar nas paredes.

Potencialidades educativas: con este conto podemos traballar na aula infantil a diversidade familiar, neste caso, sobre pais separados, ensinándolles o bonito que é ter dúas casas e abordar o tema desde unha perspectiva máis humorística e feliz. Tamén podemos explicar aos nenos que a pesar de que os seus pais xa non son noivos quérense moito e sempre van a estar para os seus fillos. Ademais, cada familia é un mundo e todas son moi bonitas.

Recursos de interese:
Ramón Nicolás (2013). “Teño dúas casas”. En Caderno da crítica          

Campos, Miriam (2013). “Teño dúas casas”. En Libros familias recursos
http://paraprofesypadres.blogspot.com.es/2013/12/10-cuentos-sobre-familias-diferentes.html (Consultado: 21/03/2018).    

mércores, 4 de abril de 2018

Leopoldo e Casilda

Kulot, Daniela (2007). Leopoldo e Casilda. Ilustr. da autora, trad. Fé González. Pontevedra: Kalandraka, [25 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-618-1).


Breve descrición do formato e contido da obra: álbum ilustrado literario de carácter narrativo que nos conta unha historiada vida cotiá: formar unha nova familia entre dúas persoas que están separadas ou divorciadas. Está escrito en galego aínda que tamén o hai en castelán e ten un tamaño de 24x31 cm. As tapas son duras, polo que a encadernación é en cartoné. A cuberta e contracuberta teñen unha ilustración a páxina completa, pero só cabe destacar a cuberta, na que aparecen a Leopoldo e Casilda xogando, mentres os seus pais pasean, e ao lonxe vese unha casa. No interior do libro, vemos que o texto é sinxelo de ler e ten un tamaño grande. En todo momento está acompañado das ilustracións, xa que son moi descritivas e contan con moitos detalles o que vai acontecendo no transcurso da historia, ademáis de que amosan claramente como se senten os protagonistas. Son a páxina completa e de cores vivas (verde, vermello, azul, amarelo...).
En canto ao contido do álbum, Leopoldo e Casilda son dúas ras que son amigass. Casilda, que é unha nena só ten ao seu pai e Leopoldo, que é un neno, só ten á súa nai. Un día Leopoldo, coa axuda da súa nai, decide escribirlle unha carta a Casilda convidándoa á súa casa. Casilda e o seu pai foron á casa de Leopoldo e alí fixeron unha festa. Ao rematar a festa Leopoldo e Casilda foron durmir xuntos, semellando a relación de dous irmáns, mentres que os seus pais desfrutan da súa compañía mutua e constrúen unha nova familia.


Potencialidades educativas: serve para amosarlles aos nenos/as que en calquera momento os seus pais se poden separar e que tanto o seu pai como a súa nai poden encontrar a outra persoa, querela e que poden formar outra familia de novo. Tamén lle podemos explicar aos nenos/as que ante esta situación non teñen que ser negativos e que deben ser conscientes de que poden ser felices igual con esas persoas aínda que non sexan os seus pais/nais biolóxicos.


Recursos de interese:
Entrada a un blog sobre a obra escrita en castelán: Sacra (2014). “Lectura recomendada de la semana: Leopoldo y Casilda” en https://www.elbloginfantil.com/lectura-recomendada-semana-leopoldo-casilda.html

sábado, 31 de marzo de 2018

O camiño á casa

Cotton, Katie (2017). O camiño á casa. Ilust. Sarah Jacoby, trad. Fe González Fernández. A Coruña: Hércules de Ediciones, [32 pp.]. (ISBN: 978-84-946502-9-1 ).



Breve descrición do formato e contido: álbum ilustrado con tapas duras. O texto, en forma de versos rimados moi sinxelos, vai acompañado de ilustracións en acuarela a dobre páxina. Nelas combínanse gammas de cores moi diversas e cargadas de detalles, á par de que se xoga con diversas perspectivas e planos, o que lle confire maior dimensión. Como indica o título da obra, cóntase a historia do camiño á casa das familias de animais que hai nun bosque pola chegada do inverno. O libro é unha metáfora das diferentes formas de familiasque existen, das peculiaridades que teñen e das adversidades que deben superar, sempre desde o cariño e o traballo cooperativo. Cada viaxe é diferente, segundo o refuxio que buscan, os membros que ten a familia ou os animais dos que foxen. Todo isto intégrase dentro dun bosque onde conviven fauna e flora dun xeito harmonioso.



Potencialidades: destaca a calidade das ilustracións e da linguaxe sinxela que permite facer deste álbum unha obra accesible desde idades temperás. Pese a que destaca o tema da familia non é o único que se pode traballar. A obra permítenos coñecer distintos animais, facer asociacións entre uns e outros e o contexto no que viven, o trato adecuado e o respecto co que debemos coidar o ambiente natural que nos rodea, o amor entre as personaxes e o traballo colaborativo… quedar só coa metáfora das distintas familias é pechar os ollos a moitos significados igual de útiles. É un libro que non só serve para pequenos, tamén para adultos e sobre todo para lelo guiando a lectura dos pequenos, facendo fincapé en temas e interpretando os significados.


Recursos en liña:







luns, 19 de marzo de 2018

Con Tango son tres



Richardson, Justin; Parnell, Peter (2005).Con Tango son tres. Ilustr. Cole Henry. Pontevedra: Kalandraka, col. Libros para soñar, [32 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-984-7).

Breve descrición do formato e contido da obra: volume de formato rectangual, de tapa dura e cunhas dimensións de 22x27 cm, no que xa dende a cuberta se nos presenta aos tres personaxes principais: dous pingüíns adultos e a súa filla. Na  contracuberta obsérvase unha gran familia de pingüíns, que deixa entrever que van a ter relación cos personaxes principais. Dende o punto de vista paratextual é de salientar  unha nota dos autores na que confesan que a historia do conto está baseada en  feitos reais.
Ao longo do volume as cores predominantes son neutras e cálidas, as imaxes corresponden á vida real, interpretando os lugares nos que transcorre a historia tal e como son.. A estreita relación das ilustracións co texto e o enriquecemento mutuo que supoñen ambas as lecturas permítenos cualificar a obra como álbum ilustrado, combinándose as ilustracións a toda páxina con outras parciais e acompañadas dun texto ou dunha frase simple.
A obra está dispoñible en diversos idiomas: castelán, Tres con Tango; catalán, Amb la Tango són tres; euskera, Tango iritsita, hiru dira;  ouportugués, Três com Tango. Ademais conta con premios como: Premio Henry Bergh 2005 (Sociedad Americana para la prevención de la crueldad contra os animales); Libro infantil distinguido 2006 (Asociación Americana de Bibliotecas); Mejor libro familiar de 2006 (Nickelodeon Magazine); Mejor libro del año 2006 (Premios Bank streetcollege of education); ou o recoñecemento como Finalista do premio Lambda 2006.
Dende o punto de vista do contido, a historia céntrase na cidade de Nueva York e concretamente no zoo de Central Park, no cal residen diferentes familias de animais. A dos pingüíns é unha familia moi grande, onde se van emparellando machos e femias para procrear. Non obstante, entre eles aparece unha parella de machos  que sempre fan todo xuntos ata o seu fogar, Roi e Silo. O coidador do zoo, ao observar a situación decide pór un ovo que encontrara  no seu niño e despois de chocalo naceu Tango: coidárono, alimentárono e foi a primeira pingüín en ter dous pais.

Potencialidades educativas: esta obra permite aos nenos/as coñecer as familias de animais e que pode haber diferentes integrantes dentro delas, ademais de onde habitan. Ensínanos a respectar as diferenzas e a diversidade, neste caso de opción sexual. Tamén axuda a explicar que cada crianza pode ser reproducida de diverso modo, como a adopción, e a entender a tolerancia como un valor necesario ante calquera diversidade para respectala.

Recursos de interese:
Mora Trujillo (2015). Tres con Tango. En Youtube https://www.youtube.com/watch?v=R0xnuDjjCao (consultado 25/02/2018).
Biblioteca Municipal da Coruña (2014). Contacontos: Tres con Tango. En Youtube https://www.youtube.com/watch?v=7zPAdrVR33U  (consultado 25/02/2018).

venres, 16 de marzo de 2018

As dúas casas de Alicia

https://lh4.googleusercontent.com/oT7VaaYE--ZNPPHdiErUbKL-3tVVqdkmw1oNLUeH8Qx1xQRDmqa_ml18vQ-fFfRFrLYFXChM3gpwLpWUengZy4eiTYuSbI75G0JSnrq4UDxNPOjASL18wPtqQxNecRSjkTAbKBdT



Vallat, Christelle (2013). As dúas casas de Alicia. Ilustr. Martina Peluso, trad. Marica Campo. A Coruña: Baía Edicións, [25 pp.]. (ISBN: 978-84- 9995-067- 9).

Breve descrición do formato e contido da obra: álbum ilustrado de carácter literario que nos narra unha historia da vida cotiá: a separación ou o divorcio. Está escrito en galego e ten un tamaño de 21x26 cm. As tapas do libro son duras, polo que está encadernado en cartoné. Na cuberta vemos a Alicia, a protagonista, suxeitando dúas casas, unha en cada man. Cabe destacar que esta ilustración e o título do libro están feitos dun material diferente que brilla e reflexa coa luz. Na contracuberta, o máis salientable é a imaxe dun corazón partido que está pendurado dun fío, simbolizando a fotografía que está rota á metade e que Alicia coloca nas súas habitacións. En canto ao corpo do texto, sempre vai acompañado das ilustracións e hai algunhas frases que se atopan en negriña. No tocante ao contido, nárrase a historia dunha nena, Alicia, que vive a separación ou o divorcio dos seus pais.
Eles explicáronlle que xa non se querían e Alicia púxose triste. Pola noite, atopou unha foto de seus pais rota pola metade e colleuna e arranxouna porque pensaba que ese era o motivo polo que non se querían. Alicia botaba de menos ao seu pai e quería que volvera á casa pero el non volveu ata unha mañá. Viñera para recoller a Alicia e pasar a fin de semana xuntos. O seu pai amosoulle a nova casa que ía ter e explicoulle que tería dúas casas: unha na que vive coa súa nai e outra na que vive co seu pai e nas dúas casas ía ter as mesmas cousas. Alicia estaba feliz nas dúas casas pero botaba de menos á súa nai cando estaba na casa do pai e viceversa, polo que Alicia colocou a metade da fotografía da súa nai na casa do pai, e na casa da súa nai, o anaco da imaxe na que sae o pai. Así Alicia estaba feliz porque os tiña aos dous sempre con ela en ambas as casas.

Potencialidades educativas: serve para que os nenos/as saiban encaixar mellor a separación ou o divorcio dos seus pais e que entendan que aínda que non estean vivindo xuntos na mesma casa que eles os queren moitísimo. Ademais, con este libro comprenderán mellor que para estar tempo cos dous teñen que vivir en dúas casas e que para non botar de menos ao pai ou á nai, poden facer como Alicia, poñer unha foto deles en cada casa e así sempre estarán acompañados polos seus pais e serán igual de felices ca antes de que se separasen. A obra é unha boa ferramenta para traballar a afectividade, os estados de ánimo e as emocións que se viven ante conflitos, neste caso o divorcio, nos que os máis novos non poden xestionar as situacións, senón asimilalas e encaixar a nova realidade. O feito de traballar o coñecemento de experiencias ficcionais coas que se poidan identificar cos protagonistas, como Alicia, e coas situacións que viven axudaralles a comprender mellor as súas propias circunstancias e a se enfrontaren con máis información e recursos a estas situacións, dado que a literatura ten a capacidade de proporcionarnos imaxes coas que sentirnos identificados e nas que proxectar os nosos propios medos e angustias.

Recursos de interese:
Contacontos realizado por nenos: Biblioteca (2014). “As dúas casas de Alicia” en Biblioleroucho http://bibliotecameicende.blogspot.com.es/2014/05/as-duas-casas-de-alicia.html  (consultado o 07/03/2018).

mércores, 7 de marzo de 2018

Unha familia normal



Kulot, Daniela (2011). Unha familia normal. Ilust. da autora, trad. Carlos Heras. Pontevedra: Faktoría K de libros, [25 pp.]. (ISBN: 978-84-15250-08-1).

Breve descrición do formato e contido da obra: álbum ilustrado de tipo narrativo. De 23x30 cm e tapa dura, escrito en lingua galega. Na cuberta aparece o título da obra e os personaxes protagonistas do relato, adiantando o tema a tratar na obra. O fondo da contracuberta é o mesmo que se pode observar na imaxe, pero nela só se atopa un breve resumo do libro.
Nas gardas podemos encontrar distintas manchas da cor da pel dos animais mencionados no relato (crocodilo e xirafa). Na portada atopamos outra vez o título do libro acompañado dunha imaxe que nos achega información sobre o que lle vai acontecer a esta familia. As páxinas están compostas de fondo branco, texto con letras negras e imaxes coloridas, estas últimas nalgunhas ocasións ocupan toda a páxina ou sáense dela, é dicir, o que se denomina rebordamento. A historia é moi doada de ler, xa que as imaxes representan claramente o que está a dicir o texto, este é moi curto e preciso. Outro aspecto a destacar é a presenza de dous personaxes que aparecen en todas as follas deste libro, un caracol e un verme, aínda que aparezan nun segundo plano saen ata na cuberta.  
No referido ao contido da obra, ao inicio atopámonos ante a presentación dos personaxes: un pai, unha nai e dous bebés, o que semella unha familia como outra calquera. Sempre permanecen unidos e máis aínda cando ocorren situacións como as que relata este libro. Esta aventura desarróllase na piscina que eles fixeron para que todos puideran vivir xuntos sen ningún tipo de problema. Unha inesperada avería provoca un gran revuelo do que logran saír grazas ao inxenio e audacia dos dous bebés xirafa e crocodilo, e sobre todo grazas á gran unión desta familia e ao traballo en equipo.

Potencialidades educativas: Este libro é adecuado para traballar con nenos de 4 a 6 anos. A obra serve para explicarlle aos pequenos que non todas as familias son iguais, non todas teñen que corresponderse co modelo tradicional de proxenitores e fillos. Trata temas moi útiles na aula de Infantil como pode ser a aceptación das diferenzas, tolerancia e convivencia; o respeto aos demais, a superación das dificultades e os sentimentos
Os nenos e nenas tamén verán o importante que é estar unidos á súa familia e o importante que é a comunicación e o cooperativismo. Tamén comprenderán que nos momentos difíciles sempre terán aos seus para axudalos. 
Recursos: 
Ficha técnica da editorial Kalandraka: http://www.kalandraka.com/fileadmin/images/books/dossiers/Una-familia-normal-C_01.pdf (Consultado o 02/03/2018) 
Daniela Kulot (ilustración)- Kalandraka (2013): http://www.kalandraka.com/es/autores/detalle/ficha/kulot/
(Consultado o 07/03/2018)

mércores, 28 de febreiro de 2018

Con Tango son tres



Richardson, Justin e Parnell, Peter (2016). Con Tango son tres. Ilust. Henry Cole. Trad. Sandra Senra Gómez e Óscar Senra Gómez. Pontevedra: Kalandraka, col.Tras os montes, [28pp.]. (ISBN: 978-84-8464-985-4). 

Descrición do formato e contido da obra: conto ilustrado, encadernado con tapa dura, de forma rectangular con cantos rectos e con láminas grosas.
Na cuberta aparecen dous pingüíns maila 
súa cría, o título do libro aparece arriba á dereita formando parte do ceo e, tipograficamente, a palabra Tango destaca sobre o resto, xa que é de maior tamaño. O nome dos autores e o do ilustrador aparecen abaixo á dereita, mentres o da editorial aparece no lado esquerdo, integrado no hábitat dos pingüíns.
Na contracuberta hai unha breve descrición dos autores e do ilustrador da obra e de fondo pingüíns.
O conto ten 28 páxinas nas que o texto e os signos sempre aparecen na parte esquerda e as ilustracións ocupan todas as páxinas. As imaxes son atractivas e divertidas e captan a atención. 
As ilustracións presentan cores vivas nas primeiras páxinas, nas que explica a ambientación e o lugar onde acontece esta historia. Nas páxinas onde vemos o lugar onde viven os pingüíns, predominan as cores grises, azuladas e brancas.  Algunhas imaxes presentan unha forma ovalada, que esvaece no seu contorno e recorda a imaxe dun ovo. As ilustracións son fieis á realidade.
No que respecta ao texto, é moi sinxelo, con frases curtas e un claro predominio da imaxe sobre este. Presenta onomatopeas, como a que avisa a rotura do ovo.  
Esta historia está baseada nun feito real ocorrido no zoo de Central Park, en Nova York. Os protagonistas do conto son Roi e Silo, dous pingüíns machos aos que Rob Gramzay, o coidador do zoo, descobre  como parella. Despois de observalos como intentaban incubar unha pedra decide darlles a oportunidade de crear unha familia. Para iso, colleu un ovo doutra parella, que nunca fora capaz de ocuparse de dous ou máis ovos, e colocouno no niño baleiro que construíran Roi e Silo. Así é como nace Tango, nome co que foi bautizada a cría e que fai referencia ao baile, xa que se precisan de dous para bailar un tango.
Esta obra foi moi criticada e incluso censurada por abordar unha temática como é a homosexualidade.
Ademais, na garda final do libro preséntase unha nota na que se explica que a historia ocorreu de verdade.

Potencialidades. Con este conto pódese traballar o coñecemento do medio, en especial os  pingüíns dun zoo. É unha historia que trata o amor, o coidado e a tolerancia e a aceptación das diferenzas a partir dunha parella peculiar. Ademais de ser sinxelo e claro pódenos servir para explicar ás crianzas conceptos como a adopción ou a diversidade familiar. 
Con esta historia tamén aprenden novo vocabulario como incubación e pode aproveitarse para ensinarlle os distintos lugares onde viven os animais. Podemos tamén preguntarlles como coidan eles a súa familia e ensinarlle a importancia desta, ademais da diversidade de familias que hai, o respecto e a tolerancia.

Recursos didácticos de interese e estudos sobre a obra:
Costa, M (15 de setembro do 2009). Libros para niños e ideas para su utilización. Recuperado de http://librosparaninosyninas.blogspot.com.es/2009/09/tres-con-tango.html (consultado o 24/02/2018).

Mora, J (2015).Tres con Tango [Arquivo de vídeo]. Recuperado de https://www.youtube.com/watch?v=R0xnuDjjCao (consultado o 24/02/2018).


martes, 27 de febreiro de 2018

Con Tango son tres


Richardson, Justin e Parnell, Peter (2016) Con Tango son tres. Ilustr. Henry Cole. Trad. Sandra Senra Gómez y Óscar Senra Gómez. Pontevedra: Kalandraka, [28 pp.] (ISBN:978-84-8464-984-7)


Breve descrición do formato e contido da obra: álbum ilustrado, de forma rectangular (22x27cm). A cuberta e a contracuberta son de tapa dura. Na cuberta aparece a imaxe de Roi e Silo co seu fillo Tango, os protagonistas do conto e na contracuberta aparecen o resto de pingüíns do zoo de Nova York, lugar onde se sitúa a historia. O título aparece na marxe superior dereita da cuberta, o nome da editorial na marxe inferior esquerda e a autoría do texto e das ilustracións na marxe inferior dereita. As páxinas do álbum presentan breves textos e unhas expresivas ilustracións que ademais dunha función descritiva da historia narrada, tamén amplían información. Son imaxes realistas e algunhas composicións aparecen a modo de viñetas para representar paso a paso algunhas situacións que se describen ou mesmo o transcurso temporal do tempo. Predominan as cores frías (tons azuis, brancos e negros) a excepción das primeiras páxinas nas que se describe o zoo nas últimas, co ceo dunha cor alaranxada A historia está contada en terceira persoa por un narrador externo. Ao final da historia hai unha nota dos autores nas que se explica que os feitos que narra o conto son reais. En canto ao contido da obra, preséntasenos a historia de dous pingüíns machos do zoo de Nova York (Roy e Silo) que están namorados e queren formar unha familia como o resto de pingüíns do zoo. Coma calquera parella destas aves tentan incubar unha pedra, coma se fose un ovo, e só a intervención de Gramzy, un coidador do zoo que observou aos dous animaliños, lles permite contar cun ovo que foi abandonado por outra parella para incubalo. Roy e Silo coidaron o oviño ata que naceu a súa ansiada cría: Tango.

Potencialidades educativas: Esta obra ofrece a oportunidade de explicarlles aos nenos de forma sinxela e natural que existen diferentes tipos e formas nas que se pode presentar o amor, que existen diferentes familias, como as homoparentais. Desta forma podemos fomentar os valores de respecto, tolerancia e empatía dende os primeiros anos cara á diversidade familiar. Así mesmo podemos traballar a importancia da familia e do cariño que esta profesa sexan quen sexan os seus integrantes (monoparentais, homoparentais, pais divorciados; etc.).Coa lectura de contos coma este demóstrase que o amor dunha familia trascende os condicionamentos sociais.

Recursos de interese:
R. María (2017). "Tres con Tango", Primeiraslecturas, en: https://primeiraslecturas.blogspot.com.es/2017/03/tres-con-tango.html (consultado o 21/01/2018).

luns, 26 de febreiro de 2018

Familiario

https://lh5.googleusercontent.com/1dRBhZYucvsAWEfJogpvKFrmIBkRpTemjNVF-qMS1OqpolccOS9r-u1AHpjEQyRjidGI9hOA-UE6RehHwVa_oQeG4u9nioIV-Ydm72KvFwj_H3-Q8CrPkzUBMaXjHIqFuygunMoq

Cerdá Albert, Mar (2014). Familiario. Ilustr. da autora. Barcelona: Comanegra, [38 pp.]. (ISBN: 978-84-16033-42-3).

Breve descrición do formato e contido da obra: libro-xogo con espiral, de forma rectangular, tamaño medio (26x15 cm.) e apaisado. A cuberta e a contracuberta son duras, polo que está encadernado en cartoné. Na cuberta vemos o título do libro en cor azul dentro dunha figura cun fondo amarelo. Tamén podemos observar unha imaxe dunha familia moi grande, na que ningún dos membros son iguais. Esta cuberta está encadrada coma se se tratase dunha imaxe dentro dun marco de fotos, sobre un fondo amarelo claro. Na contracuberta, que ten o mesmo fondo que a cuberta atopamos un resumo e unha reflexión sobre o libro feitos pola editorial. Adentrándonos no libro, nas primeiras páxinas atopamos unha historia entre dous bichos, mentres que o corpo do libro está formado por 15 láminas divididas, á súa vez en catro partes, o que permite combinalas para formar múltiples tipos de familias. Cada lámina ten na páxina anterior escrita a palabra do membro da familia ao que fai referencia (na lámina que eliximos sae a imaxe dunha muller, na páxina anterior poderemos ler, mamá/madrasta/avoa/tía...). En canto ao contido da obra, trátase dun bicho que sae do seu lugar de orixe para coñecer como é o mundo. Cando volve, outro bicho pregúntalle como son os seres humanos ao que lle responde que non hai dúas persoas iguais tanto no físico, na idade… Só son idénticos os xemelgos. Tamén lle explica que viven preto uns dos outros, agrupados en cidades ou vilas e que en cada casa viven un grupo de persoas, ás que lle chaman familias. Estas familias nunca son idénticas nin similares: pode haber un pai, unha nai e un gato, dous pais e un fillo etc. Con este libro poden facer os nenos e nenas 83.521 combinacións de familias. Ao final do libro hai unha páxina só cun fondo dunha habitación, para que os nenos e nenas poidan debuxar as súas propias familias e crear máis combinacións e chegar a formar ata 104.976 familias diferentes.

Potencialidades educativas: esta obra serve para explicarlle aos nenos e nenas que non todas as persoas somos iguais, e polo tanto, ningunha familia vai ser igual, nin vai estar formada do mesmo xeito. Desta maneira, as crianzas entenderán que cada familia é única e especial pero todas teñen en común un elemento: o amor e o cariño que se teñen entre si os membros que as integran. Estes conceptos de diversidade de familias entenderanos dun xeito diferente a través do xogo de interacción e combinación que propicia este libro.

Recursos de interese: