Amosando publicacións coa etiqueta Álbumilustrado. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Álbumilustrado. Amosar todas as publicacións

martes, 24 de abril de 2018

A viaxe das bolboretas

Carbonell, Paula e Gómez Chené (2006). A viaxe das bolboretas. Ilust. José Manuel Gómez, trad. Eva María Mejuto. Pontevedra: Oqo, col. O, [33 pp.]. (ISBN: 84-96573-75-3).


Breve descrición e contido da obra: álbum ilustrado de 25x23 cm en lingua galega. A cuberta e a contracuberta son de tapa dura, con encadernación en cartoné formando unha unidade na que aparecen diferentes bechos uns detrás doutros en liña. En concreto, na cuberta aparecen algúns deses bechos rodeando unha folla, o que xa nos aporta algunha pista sobre o argumento. O título aparece na mesa en letras minúsculas en cor negra e de estilo informal. As cores empregadas para ambas son de tipo cálido, amarelos, alaranxados, vermellos e verdes oscuros, predominantemente, o que simula a vida na terra onde viven os bechos. Nas gardas dianteiras e traseiras aparecen dúas margaridas que ocupan a práctica  totalidade da páxina, empregando a mesma gama de cores que na cuberta e a contracuberta. A páxina de créditos e a portada conforman unha unidade na que se poden observar algunhas bolboretas seguindo a outras desde a páxina de créditos cara á portada, nun xesto que convida a  ler o libro seguindo a súa dirección. Ademais, na páxina de créditos aparece unha pequena dedicatoria da autora a tres persoas diferentes. 
As ilustracións son de tipo figurativo e nelas represéntase a dicotomía da superficie e o subsolo ata que os bechos chegan ao limoeiro. O argumento da historia trata sobre un vermiño que quere chegar da laranxeira ao limoeiro. Polo camiño atópase con distintos bechos que queren ir ao mesmo lugar, sumándose á viaxe nas costas do vermiño. Unha vez chegados ao destino, os compañeiros da viaxe serán os que axuden ao vermiño para poder superar certas dificultades. 
A estrutura do texto presenta dúas partes. A primeira é a que fai referencia ao camiño no que se van  sumando os distintos bechos: “onde ides amigos? da laranxeira ao limoeiro, este ano imos de primeiros, levádesme con vós? Levamos...monta!, dixo o vermiño. E a pulga, a formiga, a xoaniña, a tesoiriña, o grilo e o vermiño seguiron o camiño”. A segunda parte é a que se refire á axuda que os bechos proporcionan ao vermiño: “grazas, (becho x)! Pensei que desta non saía! A ti, pola viaxe!”. Trátase dunha historia lineal que comeza coa viaxe do vermiño ata a súa transformación en bolboreta. A linguaxe está adaptada aos lectores potenciais, facendo referencia a algúns bechos que habitan na terra (pulga, formiga, xoaniña, tesoiriña, grilo, vermiño, eiruga, avespa, araña, pulgóns, paxaro e bolboreta), dúas árbores froiteiras (limoeiro e laranxeira), algunhas partes dunha árbore (póla, tronco, folla).

Potencialidades educativas: A viaxe das bolboretas permite reflexionar sobre o valor da axuda e da solidaridade para cos demais: a importancia de axudar desinteresadamente e de devolver a axuda a aqueles que nos axudaron cando precisan de nós. Ademais, os lectores poden familiarizarse con algúns bechos que habitan na terra, coñecendo as súas características físicas, así como o proceso de metamorfose que dá lugar ás bolboretas, complementando esta información grazas ás ilustracións.

Recursos de interese:

- Curtametraxe de animación.

- Informes de literatura. Observatorio de literatura dende 1995. Para saber máis sobre A viaxe das bolboretas. (Informe 2006)
- Sobre a autora, Paula Carbonell. Información de interese.

martes, 10 de abril de 2018

OLA ADEUS





Resultado de imagen para ola adeus


.

Chedru, Delphine (2014). Ola Adeus. T,rad. Xosé Ballesteros, Pontevedra: Kalandraka: [24 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-937-3).

Descrición do formato e do contido da obra: álbum ilustrado, de tamaño grande e de formato rectangular, (28,5x 23,5) encadernado en cartón duro. Na cuberta aparece o título do libro e unhas imaxes que representan o contido do mesmo, posto que aparecen os dous antónimos (“ola” en vermello, e “adeus” en  azul).
As ilustracións sempre aparecen nas páxinas impares e móstrannos dúas imaxes distintas e superpostas, cada unha dunha cor para así poder diferencialas, por exemplo, a que representa o inverno aparece en cor azul e a que representa o verán en cor vermella. Durante todo o libro xógase unicamente con estas dúas cores opostas.
En canto ao texto, aparece nas páxinas pares e redúcese sempre as dúas palabras antónimas, que son as mesmas que representan as imaxes na páxina seguinte. Cada palabra está escrita en cor vermella ou azul, a mesma que a súa imaxe correspondente. Nas páxinas pares unicamente aparecen dúas palabras con cadansúa cor e de sentido oposto, como por exemplo noite e día.
Nas páxinas impares  aparecen dúas imaxes superpostas que, de observalas ao mesmo tempo non as entendamos, pois forman unha proposta aparentemente confusa. Para comprender o sentido de cada imaxe, o libro conta  cunha lámina de cartón con filtros ópticos bicolor (en azul e vermello), que funcionan a modo de lentes, a través das que, segundo miremos polo filtro vermello ou o azul observamos a escena que se corresponde coa cor á que fai referencia ao concepto correspondente.


Potencialidades: este libro interactivo axúdanos a traballar dunha maneira orixinal divertida e diferente cos nenos e nenas, mentres estes  estarán aprendendo os contrarios e ao mesmo tempo pasándoo ben. O feito de ter que empregar un filtro de dúas cores crea un interese maior entre os potenciais lectores, ademais de obrigalos a determinar o que desexan ver, condicionado pola cor coa que se filtra a imaxe. Deste modo o desconcerto inicial que provocan as imaxes dan paso á sorpresa, á descuberta e ao xogo de perspectivas que guiará o percorrido polas diferentes páxinas. Ademais a falta de texto propicia que se poidan crear historias diferentes cada vez que nos acheguemos á obra, imaxinando historias diferentes para os personaxes e escenas que se recrean en cada unha delas. É un libro de fácil uso que os nenos e nenas poderían manipular sen ningún tipo de problema.


sábado, 7 de abril de 2018

Éranse dúas veces o patiño feo

Gaudes, B e Macías, P. (2016). Éranse dúas veces O patiño feo. Ilustr. Nacho de Marcos, trad. Marcos Randulfe. Madrid: Cuatro Tuercas. [a partir de 4 anos], [24 pp.]. (ISBN: 978-84-17006-09-9).

Breve descrición do formato e do contido: álbum ilustrado narrativo de 22x22 cm, encadernación de tapa dura e follas resistentes. Este material permite que os nenos/as manipulen e experimenten co libro sen temor a que se rompa. A cuberta móstranos unha imaxe do protagonista principal, o Patiño feo, acompañada do título da obra que nos deixa entrever que a historia é probable que sexa unha versión do conto tradicional. Na contracuberta recóllese unha explicación de como xurdiu a colección de libros á que pertence esta obra, unha sinopse da historia e unha ilustración do protagonista, esta vez convertido en cisne. Ambas gardas teñen un fondo vermello: as dianteiras realizan a función de portada e as traseiras recompilan os agradecementos.  

Os textos caracterízanse por ser bastante extensos, empregar unha linguaxe da vida cotiá e enriquecer os diálogos con ensinanzas morais coma “diferente non é nin bo nin malo. É sinxelamente iso, diferente” ou “pechar os ollos ante situación inxustas é posicionarse do lado do agresor” que fan reflexionar sobre o que estamos a ler. Estes aparecen mesturados con ilustracións a dobre páxina.

As imaxes destacan sobre un fondo branco, empregan cores suaves que transmiten unha sensación de tenrura e, sobre todo, son moi expresivas. As facianas dos protagonistas representan con claridade os seus sentimentos e estados anímicos. Por iso, considero que estas ilustracións acompañan, reforzan e clarifican perfectamente o que se vai narrando.


Partindo do clásico do Patiño feo, esta obra relata a historia de Cuasi, un patiño moi diferente aos seus irmáns. Dende o seu nacemento, Cuasi é xulgado continuamente polos seus veciños da granxa polo mero feito de ser distinto que o resto de patos. A súa nai Ánxela, cun forte carácter e conciencia moral, defende a seu fillo continuamente, facendo comprender aos demais animais que estaban a emitir prexuízos e logrando que “acepten a aquel estraño patiño como un membro máis da comunidade”. Esta actitude valente cara ás inxustizas sérvelle de inspiración a Cuasi cando comeza a ir á escola. No patio do colexio hai un gran pato, ao que todos coñecen como Patote, que empuxa, pega e trata moi mal ao resto de patiños. Un día, a vítima das súas agresións foi Cuasi e ningún dos amigos que estaban ao seu carón, nin sequera o seu irmán, fixo nada por axudalo. Cando Patote marchou, o irmán pequeno díxolle a Cuasi que non se enfrontase con el para non ter problemas, porén este fíxolle entender que “se non tomas partido nunha situación inxusta, estás permitindo que suceda. En realidade, tamén é culpa túa”. Estas palabras dan voltas na cabeza do irmán pequeno e cando ao día seguinte parecía que volvería repetirse a mesma escena, este saíu a defender a Cuasi. A sorpresa foi que detrás del foron moitos outros patiños logrando que a partir dese día a convivencia na escola fose moito máis sinxela. Aprenderon deste modo que non se pode instalar a indiferenza e o silencio ante as inxustizas, senón que é preciso actuar. Pasou o tempo e Cuasi converteuse nun precioso cisne tanto por fóra coma  por dentro. Tamén é de salientar que na obra se homenaxea á activista Ánxela Davis, que é  representada e caricaturizada a través da nai de Cuasi.

Potencialidades educativas: é un libro que, a través de cada unha das súas páxinas, invita a reflexionar sobre condutas que acostumamos repetir. Ao tratarse dun clásico, é moi probable que os cativos/as xa coñezan a historia tradicional, polo que este novo enfoque os vai sorprender e atrapar durante toda a lectura, manténdoos intrigados ata o final. Ao caracterizarse por ter poucos personaxes unha forma atractiva de mostrar a historia ao alumnado sería cun teatro de sombras. A través das siluetas podemos marcar as diferenzas de tamaños, nun primeiro momento entre Cuasi e os seus irmáns e despois entre Patote e o resto de compañeiros da escola. Ademais, estariamos favorecendo o desenvolvemento da imaxinación dos rapaces/as para que cada un representase mentalmente as imaxes dos diversos e diferentes personaxes.

Este libro ofrece a oportunidade de educar en valores, xa que con el podemos traballar os prexuízos, a diversidade, o acoso, a amizade, o compañeirismo, a cooperación, o respecto...

En relación ao acoso, creo que mostra claramente a realidade dos centros educativos ademais de ofrecer solucións e pautas para combatelo. Unha vez rematada a súa lectura, poderíase crearse con toda a aula un decálogo contra o acoso. Ademais, convida a traballar o concepto de amizade, reflexionando que para que dúas persoas sexan amigas non é imprescindible ser iguais (tanto en gustos coma fisicamente) o único requisito é quererse, coidarse, respectarse mutuamente, como acaban facendo estes animaliños.

Por outro lado, que na obra se faga unha homenaxe a Anxela Davis, convídanos a buscar información sobre este personaxe e entender porqué os autores quixeron agasallala. Así mesmo, ofrece a oportunidade para comezar a traballar sobre diferentes mulleres brillantes que, como din Gaudes e Macías (2016), “ocupan un segundo lugar nos libros de historia”.

Por último, creo que é unha obra que tamén fará reflexionar aos adultos (profesorado, familias...) sobre todo a través das últimas páxinas nas que nos fai comprender que somos os modelos a seguir dos máis pequenos/as. Ao igual que lle acontece aos cisnes máis pequenos, os cales pensaban que “aqueles patos non eran feos... eran distintos a eles, pero especiais e únicos”, os nosos cativos/as tampouco nacen con prexuízos, son as nosas actitudes as que toman coma referencias e as que acaban por convertelos  en persoas que xulgan e sentencian a aqueles que non responde ao patrón do que a sociedade considera como “normal”.

Recursos de interese:

Millán, Beatriz (2017). “Los cuentos de “Érase una vez”. Recuperado de http://www.beatrizmillan.com/cuentos-erase-dos-veces/ a 03/04/2018. Reseña da colección de libros “Éranse dúas veces…”.

TEDx Talks. (2017). “Seamos felices sin comer perdices”| Belén Gaudes | TEDxBarcelonaWomen. Recuperado de https://www.youtube.com/watch?v=mh7bkKy17nk a 03/04/2018. Conferencia da autora da obra sobre a colección “Éranse dúas veces…”

Una mamá novata. (2017). “Érase dos veces, la colección de libros infantiles que da la vuelta a los clásicos para romper estereotipos”. Recuperado de https://www.unamamanovata.com/2017/11/11/erase-dos-veces-cuentos-igualitarios/ a 03/04/2018. Reseña da colección de libros “Éranse dúas veces…”.