Amosando publicacións coa etiqueta relacións sociais. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta relacións sociais. Amosar todas as publicacións

luns, 30 de abril de 2018

Irmáns



Bonilla, Rocío (2018). Irmáns. Ilust. Da autora, trad. Elvira Riveiro. Alzira: Algar [48 pp.]. (ISBN: 978-84-9142-149-8).
Breve descrición do formato e contido da obra: álbum ilustrado de tapa dura, cunhas dimensións de 24 x 26,5cm. Está encadernado en cartón duro cunha tapa de pintura vernizada polas dúas caras. Este libro está composto por dúas cubertas, en sentidos diferentes, unha está cara arriba e outra cara abaixo. Unha é de cor amarela e outra de cor azul claro. En ambas, aparece o título da obra en branco, centrado na parte superior da portada, o nome da autora, e no centro aparece a imaxe de dous irmáns. Na portada de cor azul, aparece a ilustración da irmá maior chamando macaco ao seu irmán, o cal aparece con trazos característicos dun macaco. Na portada de cor amarela, aparece a ilustración do irmán pequeno chamando rinoceronte á súa irmá, a cal aparece con trazos característicos dun rinoceronte.
En canto as ilustracións, o autor das mesmas é o propio creador do conto. A maioría das ilustracións encóntranse sobre un fondo branco. A cara dos personaxes  transmítenos en todo momento as súas emocións e nós mesmos podemos imaxinar o que pensan tan só observando a súa imaxe, sen necesidade de ningunha explicación, son debuxos moi expresivos. As ilustracións están feitas con lapis, detalle a detalle e empréganse cores suaves.
Por outra banda, en canto ao texto, podemos observar que está escrito en galego, que hai pouco texto e que este ten unha letra clara e fácil de ler. A nivel lingüístico, utiliza unha linguaxe fácil e concisa, adecuada para os máis pequenos. O contido da historia está narrada desde dous puntos de vista diferentes, o da irmá maior e por outro lado o do irmán pequeno. Cando fala a nena, esta cóntanos que non lle gusta o seu irmán pequeno, para ela é un “macaco”, que sempre estraga os plans coas súas amigas, é un estorbo. Sempre toca as súas cousas e  acaba rompéndoas, nunca para quieto, aínda que, cando non está, sempre o bota de menos, no fondo sabe que non é tan malo. Cando narra a historia o neno, este comeza dicindo que a súa irmán é unha “rinoceronte”, porque o fai sentir pequeno, el é moi enxeñoso e divertido, pero ela...unha aburrida, sempre se enfada con el, é unha abusona, pero sempre lle axuda a superar obstáculos, e ademais, non ten medo aos monstros polas noites, é unha valente, no fondo ser tres para o irmán pequeno tampouco é tan malo, pero...Tressss?
Potencialidades: esta obra ilustrada móstranos a relación tan especial que hai entre irmáns, que a pesar de pasar moito tempo pelexados, quérense máis que a nada. Moitos nenos pódense sentir reflexados con estas historias, pero tamén, adolescentes e persoas máis maiores. Este libro podería ser unha boa maneira de traballar a rivalidade que ás veces aparece entre irmáns. Outro aspecto a destacar é a estrutura que ten este libro, pódese considerar que hai dous contos dentro dun, pois a historia está contada desde dúas perspectivas diferentes, a da irmá e a do irmán, ambas unidas na metade do conto coa aparición do que parece ser un novo irmán. Cabe destacar que a historia se pode comezar tanto pola portada narrada pola nena como pola narrada polo neno.
Recursos en liña:

Impliquo (2018). Reseña libro Hermanos (Rocío Bonilla). Recuperado de: https://www.youtube.com/watch?v=Tb4vElvwpz4 (Consultado el 13/04/2018).