Amosando publicacións coa etiqueta Agradecemento. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Agradecemento. Amosar todas as publicacións

martes, 24 de abril de 2018

A viaxe das bolboretas

Carbonell, Paula e Gómez Chené (2006). A viaxe das bolboretas. Ilust. José Manuel Gómez, trad. Eva María Mejuto. Pontevedra: Oqo, col. O, [33 pp.]. (ISBN: 84-96573-75-3).


Breve descrición e contido da obra: álbum ilustrado de 25x23 cm en lingua galega. A cuberta e a contracuberta son de tapa dura, con encadernación en cartoné formando unha unidade na que aparecen diferentes bechos uns detrás doutros en liña. En concreto, na cuberta aparecen algúns deses bechos rodeando unha folla, o que xa nos aporta algunha pista sobre o argumento. O título aparece na mesa en letras minúsculas en cor negra e de estilo informal. As cores empregadas para ambas son de tipo cálido, amarelos, alaranxados, vermellos e verdes oscuros, predominantemente, o que simula a vida na terra onde viven os bechos. Nas gardas dianteiras e traseiras aparecen dúas margaridas que ocupan a práctica  totalidade da páxina, empregando a mesma gama de cores que na cuberta e a contracuberta. A páxina de créditos e a portada conforman unha unidade na que se poden observar algunhas bolboretas seguindo a outras desde a páxina de créditos cara á portada, nun xesto que convida a  ler o libro seguindo a súa dirección. Ademais, na páxina de créditos aparece unha pequena dedicatoria da autora a tres persoas diferentes. 
As ilustracións son de tipo figurativo e nelas represéntase a dicotomía da superficie e o subsolo ata que os bechos chegan ao limoeiro. O argumento da historia trata sobre un vermiño que quere chegar da laranxeira ao limoeiro. Polo camiño atópase con distintos bechos que queren ir ao mesmo lugar, sumándose á viaxe nas costas do vermiño. Unha vez chegados ao destino, os compañeiros da viaxe serán os que axuden ao vermiño para poder superar certas dificultades. 
A estrutura do texto presenta dúas partes. A primeira é a que fai referencia ao camiño no que se van  sumando os distintos bechos: “onde ides amigos? da laranxeira ao limoeiro, este ano imos de primeiros, levádesme con vós? Levamos...monta!, dixo o vermiño. E a pulga, a formiga, a xoaniña, a tesoiriña, o grilo e o vermiño seguiron o camiño”. A segunda parte é a que se refire á axuda que os bechos proporcionan ao vermiño: “grazas, (becho x)! Pensei que desta non saía! A ti, pola viaxe!”. Trátase dunha historia lineal que comeza coa viaxe do vermiño ata a súa transformación en bolboreta. A linguaxe está adaptada aos lectores potenciais, facendo referencia a algúns bechos que habitan na terra (pulga, formiga, xoaniña, tesoiriña, grilo, vermiño, eiruga, avespa, araña, pulgóns, paxaro e bolboreta), dúas árbores froiteiras (limoeiro e laranxeira), algunhas partes dunha árbore (póla, tronco, folla).

Potencialidades educativas: A viaxe das bolboretas permite reflexionar sobre o valor da axuda e da solidaridade para cos demais: a importancia de axudar desinteresadamente e de devolver a axuda a aqueles que nos axudaron cando precisan de nós. Ademais, os lectores poden familiarizarse con algúns bechos que habitan na terra, coñecendo as súas características físicas, así como o proceso de metamorfose que dá lugar ás bolboretas, complementando esta información grazas ás ilustracións.

Recursos de interese:

- Curtametraxe de animación.

- Informes de literatura. Observatorio de literatura dende 1995. Para saber máis sobre A viaxe das bolboretas. (Informe 2006)
- Sobre a autora, Paula Carbonell. Información de interese.

mércores, 7 de marzo de 2018

La noisette



Battut, Éric. (2014). La noisette. Ilust. do autor. Paris: Didier Jeunesse, col. Les PEtits Didier, [23 pp.]. (ISBN: 978-2-278-07602-4).

Breve descrición e contido da obra: libro ilustrado de 16x16 cm de tipo narrativo en lingua francesa. A cuberta e a contracuberta son de tapa branda. Na cuberta aparece o título en letra minúscula, en cor negra, sobre un fondo amarelo. Ao lado do título, aparece o protagonista principal da historia, Souris Verte, portando unha abelá mentres se está lambendo, o que nos proporciona xa unha pista do argumento da historia. O protagonista está colocado fronte ao título, mirando cara á esquerda, de modo que a figura da abelá queda xusto ao carón da palabra que a representa. Na contracuberta pódese observar un breve resumo da historia ao carón de Souris Verte, saltando enriba da abelá, tamén sobre un fondo amarelo. A portada é a mesma que a cuberta sobre un fondo branco, onde aparecen ademais os créditos.
As ilustracións son de tipo figurativo, xa que representan a realidade. Os animais preséntanse sobre un fondo branco de forma animada mediante debuxos con cores vivas que semellan feitos á técnica de rotulador. Nas páxinas impares aparecen os animais encadeados uns enriba doutros, mentres que nas páxinas pares aparece o animal que se vai unir á cadea. O argumento baséase na historia dun pequeno rato verde que encontra unha abelá. O seu desexo é comela e para iso é necesario abrila. Decátase de que el só non é capaz, polo que solicita axuda doutros animais para saltar enriba dela. Finalmente descobren que dentro da abelá vive alguén e consideran que o máis acertado é pedirlle desculpas polas molestias causadas.
As ilustracións acompáñanse con texto que se distribúe maioritariamente sobre as páxinas pares, aínda que tamén nalgún caso nas páxinas impares. Consta de repeticións ás que se van sumando os distintos animais pouco a pouco, seguindo a mesma estrutura ata que o habitante da abelá aparece (“Le lion, le zèbre, le lapin, la tortue et Souris verte sautent, sautent sur la noisette. Ils ont beau sauter, la noisette ne veut pas se casser”).


Potencialidades educativas: destaca neste conto a solidariedade, o traballo en equipo e a axuda, así como a capacidade e a importancia de pedir desculpas. Ás veces non somos conscientes de que podemos estar molestando a alguén, por iso cando ocorre, é preciso saber desculparse. Ademais, permite que o lector poida familiarizarse con distintos animais e o froito da abeleira (asociación de froito coa árbore froiteira) en lingua francesa coa axuda dea repeticións, que dan musicalidade e facilitan a memorización dos conceptos.

Recursos de interese:

·         Contacontos: Médiathèque Loudun: “La noisette” (06/06/2014) en https://www.youtube.com/watch?v=6Nk6k0rxpYo (Consultado o 21/02/2018)

·         Fichas para imprimir e colorear: Didier Jeunesse. “Les coloriages de Éric Battut” en Didier Jeunesse http://www.didier-jeunesse.com/parents-enfants/coloriages/?illustrateur=eric-battut-coloriages (Consultado o 21/02/2018)