Amosando publicacións coa etiqueta Igualdade. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Igualdade. Amosar todas as publicacións

martes, 24 de abril de 2018

O libro dos porcos



Browne, Anthony (1986). O libro dos porcos. Ilust. da autora, trad. Xosé M. González, Pontevedra: Kalandraka Editora, col. Tras os montes, [40 pp.]. (ISBN: 987-84-8464-571-9).

Breve descrición do formato e contido da obra: Trátase dun álbum ilustrado de tipo narrativo da vida cotiá, de 21 x 25 cm e tapa dura. Escrita en lingua galega. Na cuberta podemos observar aos catro protagonistas da obra sobre un fondo rosa. Nesta imaxe pódese observar que a nai é a que leva o peso de toda a familia no seu lombo, unha representación do verdadeiro papel que desempeña a nai nun fogar. Esta ilustración está encadrada e sobre ela, aparece o título da obra. Debaixo, aparece o nome do autor e a editorial. Na contracuberta atópase o mesmo fondo pero esta vez mostrando a nota que deixou a nai “Sodes uns porcos”. As páxinas do libro mesturan texto moi breve de carácter descritivo con imaxes, predominando máis as segundas. Atopamos páxinas que soamente teñen ilustración, é dicir, ausentes de texto, e outras nas que texto e imaxes aparecen xuntos. Cabe destacar que as ilustracións están relacionadas coa narración en si, pero non son imprescindibles para a comprensión da mesma, só o complementan.
En canto ao contido, trata sobre unha familia composta por un pai, unha nai e os seus dous fillos, vivían todos xuntos nunha casa. A nai era a encargada de facer todas as comidas e os demais membros da súa familia sempre lle metían présa para que as fixese, e ademais nunca a axudaban a recoller nin a fregar. Unha vez que os fillos marchaban á escola e o pai ía ao traballo, a nai quedaba na casa facendo ela soa as tarefas domésticas para despois marchar ao seu traballo. Un día, cando o pai e os fillos volvían á casa, percatáronse de que a nai xa non estaba alí e tras buscala atoparon unha nota que dicía: "Sodes uns porcos" e a partir de entón tivéronse que encargar eles de facer tódalas comidas e as tarefas da casa. Sen embargo, sempre as facían mal e cando a situación era xa insostible para eles, apareceu pola porta a nai. O seu marido e os seus fillos suplicáronlle que volvese e ela accedeu pero a situación na casa cambiou porque tras isto todos comezaron a colaborar e a nai quedou satisfeita.

Potencialidades: Con este libro os nenos aprenderán o importante que é colaborar todos nas tarefas domésticas e o necesarias que estas son, xa que normalmente non apreciamos o esforzo que pon a persoa que as realiza e o importante que é a súa labor. O conto fai referencia á situación de moitas amas de casa, moitas delas sen axuda por parte dos demais membros da familia sen que o seu traballo sexa recoñecido como realmente se merece. Os nenos dende unha idade moi temperá verán que deben axudar no que poidan nas tarefas da casa. É unha forma de educar en igualdade.

Recursos en liña:


luns, 9 de abril de 2018

Soy un punto.


Giancarlo, Macri (2016). Soy un punto. Ilust. Carolina Zanotti, Barcelona: San Pablo, col. Libros cívicos. [46pp]. (ISBN: 978-84-2854-906-6). 

Descrición do formato e contido: álbum ilustrado de textos moi sinxelos en negriña e de fácil comprensión polas suxestivas ilustracións. Ten as tapas de cartón, con cantos redondeados e de tamaño 33x24cm. Na cuberta observamos o título no medio dun fondo con puntos brancos e negros e na contra-cuberta, ademais do nome da editorial, podemos ler a frase “Los puntos nos enseñan que un mundo mejor es posible”. As ilustracións orixinais están feitas a man e predominan a cor branca e negra. A páxinas, que son de papel fino, narran a aventura duns puntos brancos e negros que se fan amigos para construír un mundo mellor. O primeiro personaxe que aparece é un punto negro nunha páxina en branco. Este punto ten numerosos amigos, moita comida e diversión, en contraposición co seguinte personaxe que aparece, que é un punto branco que vive nun mundo arrodeado de inxustizas e soidade. A historia comeza cando o punto branco lle pide ao punto negro se pode ir á súa páxina.





Este respóndelle afirmativamente pero, ao non haber espazo para todos, os puntos negros múdanse de páxina para proporcionarlles aos brancos todo o que lles fai falta.

Potencialidades educativas:
Aínda que pareza unha obra sinxela, ten un gran transfondo e fará que os nenos e nenas comecen a coñecer a realidade a través dunha forma gráfica onde podemos traballar valores como a desigualdade, a amizade e solidariedade. Ademais disto, chama a atención que os de cor branca sexan os que teñen menos privilexios que os de cor negra, xa que na realidade é totalmente ao contrario. Poderiamos facer un obradoiro con relación á inmigración e ás diferentes etnias que podemos atopar nunha aula de Educación infantil e traballar cos nenos e nenas a importancia de respectarnos, compartir, axudar aos demais, independentemente da cor da nosa pel, do noso sexo, do noso idioma, da nosa clase social e da nosa ideoloxía. Como probablemente na nosa aula existan diferentes culturas, podemos facer unha tarde de convivencia ao mes onde cada neno ou nena e algún membro da súa familia nos fale dalgunha tradición do seu país, traía algunha comida típica, etc.


Recursos de interese:

• Audioconto: https://www.youtube.com/watch?v=fyRpTVucUo8

• O conto narrado en Linguaxe de Signos polos
alumnos/as de 4º de Educación Primaria do CEIP Ponce de León. https://www.youtube.com/watch?v=NcYX7O4Vz58 (consultado
o 05/04/18)

luns, 12 de marzo de 2018

Rosa caramelo



Turin, Adela (2012). Rosa Caramelo. Ilust. Nella Bosnia. Trad. Xosé Ballesteros. Pontevedra: Kalandraka, col. Libros para soñar, [Idade +6], [40pp.]. (ISBN: 978-84-8464-798-0).

Breve descrición do  formato e contido da obra: Conto de tapa dura composto por 40 páxinas, todas elas ilustradas empregando cores vivas para poder captar mellor a atención dos cativos/as. O texto podémolo atopar situado nalgunhas páxinas na parte superior e noutras na inferior. Todo o relato está escrito en galego. As cubertas  son grosas e duras de cartón. Nelas podemos atopar na parte de adiante o nome da autora ademais do título do conto, acompañado dunha ilustración na que observamos a elefanta Margarida apoiada pola súa familia, esta ilustración pódenos dar un adianto do contido do conto, xa que podemos ver a protagonista dunha cor diferente á dos demais. Na contracuberta podemos ver unha ilustración onde aparecen unhas flores e insectos variados, ademais dun pequeno texto que nos informa sobre a colección á que pertence (“En favor das nenas). No lombo aparece o título da obra, a autora, a ilustradora e a editorial. É unha historia dunha elefanta que vivía nunha manda cos seus pais. Na manda os elefantes son grises e libres mentres que as elefantas deben comer unhas flores determinadas para conseguir un color rosa caramelo e están privadas de liberdade. A nosa protagonista esfórzase e non o consegue, é recriminada e debido a isto decide marchar cara á liberdade que gozan os elefantes grises. Esta  decisión de Margarida fará que todas as demais elefantas decidan facer o mesmo ca ela, gozando da súa liberdade co resto da manda.

Potencialidades: Esta historia baséase principalmente na non discriminación por razón de sexos, a liberdade e a igualdade, acompañada das ilustracións, que potencian a mensaxe do texto a base de figuras realistas e cores vivas. Aínda que tamén se tratan outras importantes cuestións como un superficial culto á imaxe ou unha crítica a unha sociedade que predestina o futuro dos seus individuos e os clasifica en función do seu xénero. A través deste conto podemos crear nos nenos/as un pensamento crítico que dará lugar a que se loite contra os estereotipos sexistas e a discriminación de sexos. Desta maneira pouco a pouco conseguirase cambiar a mentalidade da sociedade e construír un mundo máis coeducativo. A través da elefanta Margarida recréanse sentimentos onde se reflicten o malestar de que existan cores,xoguetes,xogos ou roupa que se clasifiquen en función do sexo.

Recursos:


martes, 6 de marzo de 2018

Oiver Button es un nena.








De Paola, Tomie (1982). Oliver Button es un nena. Madrid: Susaeta Ediciones, col. Colección Duende, [46 pp.].  (ISBN:84-305-6077-7).

Breve descrición do formato e contido da obra: álbum ilustrados con 46 páxinas, todas elas unha breve frase acompañada coa súa respectiva ilustración, baseadas en debuxos moi expresivos e que mostran moi ben a historia. As cores empregadas son cores vivas, alegres e moi rechamantes. Iso axudará a captar a atención do lectorado. O texto desta proposta é en castelan.
En canto á encadernación, trátase dun formato cadrado de tamaño mediano con cantos acabados en punta. É moi fácil de manipular e de ver polos nenos e nenas. Presenta unhas cubertas de cartón grosas, resistentes.
A dianteira está ilustrada cun debuxo do protagonista, o cal aparece pintando (unha das cousas que máis lle gusta facer) ao igual que tamén aparece o título da obra en letras grandes, o nome da autora, da ilustración e da editorial.
Na contracuberta  podemos observar unha pequena ilustración que representa o conto, xa que aparecen os zapatiños de baile de Oliver máis un sombreiro. Ademais tamén está o nome da colección e da editorial.
O contido, Oliver Button es un nena é a historia dun neno, chamado Oliver, ao que non lle diverte nin emocionan “as cousas que deberían facer os nenos”. Pola contra gústalle coller flores, ler libros, pintar cadros, saltar á comba, bailar e disfrazarse. Ao seu pai non lle gusta que Oliver teña este tipo de gustos, e dille que practique algúns xogos con pelota. Os nenos, no colexio, métense con el e non queren que xogue con eles porque pensan que lle vai prexudicar que Oliver estea no seu equipo. Co apoio da súa nai, do seu pai e máis tarde da señorita Leah, comeza a ir a unhas clases de baile. Cando os nensos do colexio o miran cos zapatiños de baile, riense del e son as nenas quen o defenden. Uns días máis tarde aparece unha pintada nunha parede do colexio que pon “Oliver Button es un nena”. Como o baile se lle dá moi ben a profesora proponlle participar nun concurso de baile, ao que asiste pero non gaña. Un  día despois do concurso, Oliver teme a volta ao colexio, xa que pensa que os seus compañeiros se van rir del. A súa sorpresa foi que ao chegar ao colexio, na pintada que os seus compañeiros fixeran anteriormente, estaba tachada a palabra “nena” e agora decía: “Oliver es un fenómeno”.


Potencialidades para traballar coa infancia: a gran potencialidade deste conto é o tema. É moi importante inculcarlle aos nenos/as desde que son pequenos que non importan os gustos das persoas. Non hai xoguetes para nenos e xoguetes para nenas ou actividades para nenos e actividades para nenas. Cada persoa é única e terá uns gustos determinados, e iso non pode dar lugar a exclusións, é decir que a pesar dos nosos gustos, todos somos iguais e temos os mesmos dereitos.
Outra potencialidade que atopamos nesta proposta é que no conto aparecen as historias reforzadas cos debuxos. Isto ofrece unhas posibilidades expresivas, comunicativas e narrativas moi gratas para os nenos máis pequenos.
Este libro debería estar presente nas casas ou aulas de colexios de todos os nenos/as, xa que é un libro que ten como finalidade inculcar a todos os nenos/as unha visión igualitaria e respectuosa coas persoas, lonxe de modelos sexistas, discriminatorios e intolerantes con respecto ao feito de ser “diferente”.

Recursos didácticos de interese e estudos sobre a obra:
-          CEIP EL ENEBRAL: Oliver Button es un nena. Animación a la lectura: Tolerancia cero al maltrato.