Amosando publicacións coa etiqueta Soños. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Soños. Amosar todas as publicacións

luns, 7 de maio de 2018

Un gran soño

Ugalde, Felipe (2009). Un gran soño. Ilust. do autor, trad. Manuela Rodríguez, Vigo: Kalandraka. [36 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-655-6 ).

Descrición do formato e o contido: álbum ilustrado, de forma rectangular (27x21) en lingua galega.
A cuberta e a contracuberta son de tapa dura con encadernación de cartoné.

Na cuberta e a contracuberta aparece o universo cos planetas e as estrelas con tons azulados. O título aparece en letras maiúsculas e de cor branca para que predominen no fondo, coas mesmas características pero cun tamaño máis pequeno aparece por debaixo do título o nome do autor e na esquina inferior dereita a editorial.
En case todo o libro o fondo é de cores azuis e verdes, os debuxos de cada páxina son claros e vivos para destacar. As ilustracións son continuas, grandes, a toda páxina e moi vistosas. A estrutura do albúm organízase a través de oracións breves e claras.
A historia narra a vida dun crocodilo, é a única persoaxe que aparece no libro. Tiña un gran soño, quere trascender. El quería que ese soño chegase a cumprirse.

Potencialidades: este libro axúdanos a viaxar a un mundo máxico e de astronomía a través do tempo e do espazo. A figura do cocodrilo é unha metáfora da especie humana e dos seus individuos, no seu afán por medrar e deixar unha fonda pegada do seu paso pola vida.
Tamén nos mostra que se tes un soño e queres conseguilo, tes que esforzarte, concenciarte e ter a convicción para logralo.

Con este albúm ilustrado podemos adentrarnos no mundo do universo e podemos falarlles aos nenos de todos os planetas, estrelas, galaxias e constelación que hai no universo, e inclusive nalgúns casos podemos ver a simple vista mirando a ceo.

domingo, 22 de abril de 2018

Adelaida


Ungerer, Tomi  (2014). Adelaida. Trad. Sandra Senra, Óscar Senra. Pontevedra:Kalandraka, col. Tras os montes, [38 p.p]. (ISBN:978-84-4884-821-5).

Breve descrición do formato e do contido da obra: álbum ilustrado de tapas duras e grosas que está escrito en lingua galega. Consta de cuberta e contracuberta en cor laranxa, na dianteira atópase a ilustración dunha canguro con ás, o que pode adiantarnos de que pode tratar a historia. Ademais, na parte superior, aparece o título da obra en letras grandes e de cor negra. Penso que o título da obra  pode ser o nome da canguro que aparece na imaxe. Na contracuberta atópase a ilustración dun helicóptero que vai voando e, enriba del, a mesma canguro con ás que atopamos na cuberta. As gardas son de cor laranxa o que non nos adianta o que pode acontecer na historia, simplemente exerce a función de protexer o libro. A portada volve mostrar a mesma imaxe que se atopa na cuberta, ca diferenza de que o fondo é de cor branco. A historia utiliza ilustracións nas dúas follas coidando todos os detalles, os debuxos parecen feitos a man, utilizando só catro cores, marrón, azul, negro e branco. Esas cores son moi claras, o que fai que sea máis visible para a lectora ou o lector. O texto é curto en cada folla, tendo coherencia ca ilustración que contén, dando estas máis información. A voz narrativa está en terceira persoa, e dicir, a historia está contada por un narrador.  
Centrándonos no contido da obra, trata sobre Adelaida, unha canguro que naceu diferente as súas irmás porque ela naceu con ás o que lle sorprendeu aos seus pais. Gustáballe ollar como os avións e os paxaros voaban, ela quería facer o mesmo. Un día despediuse dos seus pais e marchou. Voou cun avión e realizou moitas aventuras coma ir a India, a París, ata rescatou a unha nenas e a uns nenos dun incendio grazas a ter ás, pero por levar demasiado peso, caeu e quedou ferida. Levárona ao hospital para curala. A miúdo, visitaba un zoo para ver a León, un canguro coma ela pero a diferencia de que el non tiña ás.  Pediulle ao director do zoo que liberaran a León e así poder casar con el e formar unha familia. Neste libro podemos ver reflexada a autoestima, a superación de un mesmo e a busca da felicidade xa que, Adelaida a pesar de ser diferente aos outros canguros e canguras, as súas ás a axudan a perseguir os seus soños.


Potencialidades: esta historia está chea de valores e emocións coas que se poden traballar cos máis cativos e cativas, como pode ser a aceptación de un dun mesmo, con  defectos e virtudes, e saber valorar aos demais tal e como son. Ademais tamén aparecen reflexados outros valores como son a amizade, a soidade, a compasión, a valentía ou a axuda aos demais que son moi importantes para traballar dende a infancia e así conseguir unha boa autoestima nos máis pequenos e pequenas.

Recursos:



sábado, 31 de marzo de 2018

A fiestra dos soños



Boquete, Manuel (2018). A fiestra dos soños. Ilust do autor. Vigo: Galaxia, [ 24 pp.]. (ISBN: 978-84-9151-079-6). Libro acompañado por CD.

Descrición do formato e do contido: álbum ilustrado de marcado carácter lírico, que pon en contacto aos máis novos coa estrutura poética dende unha visión musical, literaria e plástica. Encadernado en cartoné de tamaño rectangular (24x21cm) e tapas duras, os seus textos implican  unha esixencia por parte do lector pouco habituado á poesía, obsequiándonos cunhas ilustracións de tipo figurativo, alegres e coloridas, pintadas en acuarela. O contido deste texto vai acorde coas imaxes que amplían os contidos. Consta de 13 poemas acompañados de música. Todos os elementos que aparecen no libro están presentes no contorno diario dos nenos e das nenas, o que favorece o recoñecemento e a identificación con eles. Nalgúns casos o retrouso das composicións está en cor vermella e noutros en laranxa, o que permite identificalo para acompañar o ritmo das cancións e poder repetir estes versos. Algunhas das composicións presentan  versos longos, mentres que outras son máis curtas, o que incide no ritmo de cada poema, nuns casos máis demorado,noutros mais rápido.

Potencialidades: con esta obra pódese traballar a poesía, a música, o ritmo e a rima dende moi tenra infancia. As imaxes coloristas e de marcado ton infantil contribúen a interesarse polo seu contido aos máis pequenos, ao tratar cuestións como a imaxinación, a creatividade, o ludismo e as ganas de aprender, aspectos que xa se intúen polo propio título, que anuncia a entrada ao mundo dos soños. Con esta e outras obras da colección “sonárbore” a editorial Galaxia pon en mans dos docentes e os mediadores unhas ferramentas imprescindibles para  coñecer e valorar o traballo das distintas agrupacións musicais que compoñen en Galica para a infancia.

Recursos:
É de gran interese para os mediadores consultar os seguintes libros:
  • Blanco, Magin e Senlle, Uxía (2015). Canta o cuco. Ilust. Leandro Lamas. Vigo: Galaxia, [28 pp.]. (ISBN: 978-84-9865-648-0 ). Libro acompañado por CD.

  • Uxía (2013). Rosalía pequeniña. Ilust. Marina Seoane. Vigo: Editorial Galaxia, col. Sonárbore, [28 pp.]. (ISBN: 978-84-9865-484-4). Libro acompañado por CD.

mércores, 14 de marzo de 2018

Soños de nenos


Varela Gestoso, Mónica Inés (2017). Soños de nenos. Ilustr. María Brenn, Premio Arume de Poesía 2015. Ferrol: Edicións Embora, col. Fardel dos soños, [37 pp.]. (ISBN: 978-84-16456-47-5).

Breve descrición do formato e do contido da obra: álbum ilustrado de carácter literario e poético. Está escrito en galego e ten un tamaño de 21 x 21 cm. O título da obra sepárase para dar nome ás dúas partes do libro: “soños” e “nenos”. Na cuberta atopamos unha nena sentada sobre unha esfera de auga que semella representar o mundo. Será o único momento no que a cor estea presente nas imaxes. Na contracuberta atópanse outros títulos das obras da colección que incitan á lectura. En canto ás gardas son de fondo negro con raias e manchas en branco e gris que simbolizan o percorrido dun foguete no espazo exterior. En canto ao contido do libro, comeza cun limiar de Luís Reimóndez da Fundación Xosé Neira Vilas. Despois do limiar, atopamos un verso de Álvaro Cunqueiro que fai referencia aos soños. O álbum consta de dous apartados ben diferenciados, conformando o título do libro: catorce poemas relacionados cos “soños” e dezasete relacionados cos “nenos”. Os poemas invitan a soñar e expandir os pensamentos máis alá da nosa mente ata quedar durmidos/as. Polo xeral, en cada páxina hai un poema e o acompaña a ilustración correspondiente. No tocante ás ilustracións, son en branco e negro, nas que o fondo branco predomina e as imaxes recrean aspectos do poema. Nelas combínanse diferentes técnicas que se achegan ao collage con detalles moi definidos.


Potencialidades educativas: serve para fomentar a imaxinación infantil. A linguaxe rimada serve para a  memorización e a musicalidade. Ademais podemos traballar distintas emocións. O fío condutor fainos viaxar polo mundo dos soños e nos invita a querer durmir para comezar a soñar.