Amosando publicacións coa etiqueta Intelixencia emocional. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Intelixencia emocional. Amosar todas as publicacións

sábado, 12 de maio de 2018

Bágoas debaixo da cama




Meilán, Ana (2016). Bágoas debaixo da cama. Ilust. Mayo, Marta. Lugo: Ana Meilán, [34 pp.]. (ISBN: 978-84-617-9969-5).

Breve descrición do formato e contido: álbum ilustrado encadernado en cartoné cunhas dimensións de 23 x 25 cm. Na cuberta podemos observar o título da obra con letras grandes entre as que destaca a palabra “Bágoas” polo que xa se anticipa cal será o elemento principal da historia que se contará no interior do libro. No fondo podemos ver ao protagonista cun boneco e un pano cheo de bágoas e a claridade que deixa pasar a porta aberta do cuarto do protagonista. Nunha esquiniña está un anaco da cama do protagonista e debaixo desta o bote de lágrimas que será outro dos elementos principais da historia. Na contracuberta vemos a Simón, o protagonista, de costas camiñando cara ao mundo que o espera fóra daquelas catro paredes. Ademais, podemos apreciar como os botes nos que gardaba as bágoas esta vez están abertos. Na contracuberta tamén podemos ler a seguinte frase: “Que ocorrería se o mundo quedase sen bágoas?”. Nas gardas iniciais tan só vemos un bote ao que aínda non se lle ve a etiqueta, esta revélasenos ao longo do conto e nas gardas finais onde o bote para as “bágoas de chorón” está aberto espallando as bágoas. Na portada podemos ver a Simón recollendo as bágoas do seu boneco. Existen algunhas imaxes a dobre páxina pero a maioría non o son. As ilustracións son moi atractivas debido ás cores intensas que se utilizan e ao perfil en cor negra que lles da profundidade aos personaxes. Nesta obra cóntasenos a historia de Simón, un neno que choraba moito e ao que todos lle dicían “Simón, es un chorón!” e a Simón non lle gustaba que lle dixeran iso. Ata que canso de que todos lle dixesen o mesmo decidiu non volver a chorar diante da xente e gardar todas as súas bágoas, e as dos demais, en botes etiquetados. Cando deixou de chorar por todo, seu pai díxolle que era “un home feito e dereito” e Simón pensou que os homes non choraban, ata que se deu conta de que todas as persoas choran, incluso seu pai. Pasado un tempo Simón chegou á conclusión de que sen bágoas a xente non se entende e que hai bágoas de moitos tipos.

Potencialidades educativas: esta obra é moi adecuada para traballar as emocións e os sentimentos en Educación Infantil e a calquera idade. Ademais, sérvenos para traballar a necesidade de transmitir o que sentimos porque nos axuda a que nos entendan e a comprender o que lle ocorre aos demais. Ás veces, reprimimos as emocións por temor das mofas dos compañeiros ou dos adultos. No conto Simón vese obrigado a cambiar para gustar aos demais ata que comprende a importancia de mostrar as emocións para saber o que sente o outro e poder axudalo cando o precisa, grazas a isto tamén se desenvolve nos nenos a solidariedade e a empatía. Ademais é un libro que rompe cos estereotipos de xénero xa que se nos mostra a un home chorando e a unha muller fontaneira, traballo tradicionalmente asociado ao xénero masculino.

Recursos de interese:
- Cuentos en la nube (2018). Lectura do conto. Youtube. https://www.youtube.com/watch?v=08uPXq_cr1I (Consultado el 12/05/2018).
- Ana Meilán (2017). Descargables para traballar o conto con nenos. https://www.entrenubesycuentos.com/descargas/ (Consultado el 12/05/2018).

domingo, 8 de abril de 2018

Onde ti esteas...


Tillman, Nancy. (2012). Onde ti esteas. Ilustr. do autor, Traduc. Millán Picouto. Ourense: Ediciones Linteo, [a partir de 4 anos], [44 pp.], (ISBN: 978-84-96067-71-4).

Breve descrición do formato e contido: álbum narrativo ilustrado de 25x25 cm, encadernación de cartoné e follas consistentes. Este tamaño e material permite un fácil manexo e manipulación da obra para os máis cativos/as. A cuberta móstranos o título da obra, que simula estar escrita a man, e unha ilustración dun neno e un oso que parece que están a bailar. A contracuberta, de fondo azul escuro, recolle imaxes doutros títulos da autora. Ambas as gardas, dianteira e traseira, só amosan un fondo verde auga. A portada recolle o nome do autor, o título do libro e desvela unha da imaxes que posteriormente aparece no corpo do libro.

Mentres que os textos da versión orixinal Wherever you go I will find you teñen un carácter poético e rítmico, a súa tradución ao galego mudounos en breves composicións narrativas que carecen de rima. Aínda así, manteñen a brevidade e estrutura que define os textos orixinais. Empregan constantemente metáforas e xogos de palabras, polo que en ocasións considero que a linguaxe non está moi adaptada á competencia lingüística dos destinatarios, dificultade que se pode compensar acompañando a lectura das explicacións pertinentes. Os textos aparecen, case sempre, nunha das páxinas, sendo as ilustracións a dobre páxina as que gozan de protagonismo.

As ilustracións semellan estar pintadas ao óleo e teñen un carácter realista. As cores predominantes son suaves (azuis, verdes, brancos, grises..), as cales transmiten ao lectorado unha sensación de calma e tranquilidade. Ademais, contaxian tenrura a través da complicidade que semellan ter as personaxes representadas.



A temática deste álbum ilustrado xira ao redor do amor, pero non un amor romántico, senón un amor fraternal, o amor no sentido máis amplo da palabra. A súa historia non conta cunha estrutura tradicional (introdución, nó e desenlace), senón que  a través da súas páxinas nos fai entender que cando queremos a alguén “non hai ningún lugar onde o noso amor non o atope”. É unha historia para transmitir que o amor entre un fillo e os seus pais, entre dous amigos, entre dono e mascota... “nunca se perde, nin se gasta nin se termina” e “sempre te ha de encontrar, alí onde ti esteas”.

Potencialidades educativas: Dende un punto de vista conceptual, este libro, permítenos traballar co mundo da natureza e os animais. Todas as  ilustracións teñen como fondo un medio natural e o neno protagonista aparece acompañado por diferentes animais (oso, elefante, pavo real, foca...). Ademais, á hora de traballar o tema do amor, ofrece a oportunidade de desmitificalo e entender que o concepto «amor» non alude só a un amor romántico entre un home e unha muller, senón unha visión activa de respecto e emotividade de cara ao mundo que nos rodea e os elementos que o integran e constitúen os nosos referentes.

Moi relacionado con isto estaría o concepto de intelixencia emocional. O remate da lectura daranos pé a afondar sobre a expresión dos nosos sentimentos. Son moitas as ocasións nas que rexeitamos mostrar o que sentimos porque consideramos que nos fai débiles e desprotexidos, por iso, sería interesante que os nenos/as se decaten da importancia de saber recoñecer, aceptar e expresar os sentimentos (sobre todo, o amor e o cariño).

Por último, ofrécenos a oportunidade de traballar o concepto de amizade. Permite que transmitamos aos máis pequenos/as que o máis bonito de ter amigos/as é sentirnos queridos por eles/as e para iso temos que dar e recibir amor de modo libre e voluntario.

Recursos de interese

Books Read Aloud For Children. (2017). Wherever You Are My Love Will Find You by Nancy Tillman Read Aloud by Books Read Aloud For Children.
Recuperado de https://www.youtube.com/watch?v=1nTypwhfs5s a 03/04/2016. Vídeo-conto da historia orixinal en versión inglesa.

venres, 16 de marzo de 2018

Por cuatro esquinitas de nada


Ruillier, Jérôme (2005). Por cuatro esquinitas de nada. Ilust. do autor, trad: Élodie Bourgeois. Barcelona: Editorial Juventud, [32 pp.]. (ISBN: 978-84-261-3447-9).

Breve descrición do formato e contido: álbum ilustrado encadernado en cartoné cunhas dimensións de 23,5 x 23,5 cm. Na cuberta podemos apreciar o título do libro en maiúsculas e resaltado na esquina superior dereita e debaixo deste o que vai ser o escenario principal da obra, ao protagonista e a un dos seus amigos. Os personaxes son figuras xeométricas. Na contracuberta está Cadradiño, o protagonista, un amigo e a ferramenta que axuda na resolución do conflito, acompañados dun breve texto que nos somerxe na historia. Na primeira garda observamos o protagonista só fóra da casa e na última, dentro e acompañado polos demais personaxes. A estética deste volume é moi sinxela e o texto sitúase sempre na parte inferior das páxinas. As ilustracións son a dobre páxina, os fondos son dunha soa cor e maioritariamente de tons claros, contrastando coas cores vivas dos personaxes que aparecen coma recortes de cartolina, mentres que a casiña é un anaco de tea. En canto ao vocabulario pódese dicir que é moi sinxelo. O libro preséntanos a Cadradiño que quere entrar na casiña para xogar cos demais pero todos son redondos, polo que a porta é tamén redonda e Cadradiño non pode pasar por ela. Os círculos propoñen distintas solucións e Cadradiño ponse triste ata que dan coa solución: recortar catro esquiniñas de nada a esa porta que se interpoñía entre os personaxes.


Potencialidades educativas: é unha obra moi interesante para traballar en Educación Infantil, xa que todos os nenos e nenas poden suxerir posibles solucións ao conflito que se presenta e aprender que as persoas non deben cambiar para adaptarse senón que teñen que buscar solucións inclusivas. Resáltase o valor da amizade, aceptando aos demais como son, aprezando as súas diferenzas e non discriminando nin marxinando a ninguén por ser diferente. Debemos inculcarlles aos rapaces e rapazas que todos somos diferentes e iso é o que nos fai únicos e especiais. Este libro axuda a educar en valores como a tolerancia e o respecto. Por outra banda podemos introducir os conceptos das figuras xeométricas como o cadrado ou o círculo.

Recursos de interese:
-          Arellano Maté, Gemma. Versión de Por cuatro esquinitas de nada. (2012). Youtube. https://www.youtube.com/watch?v=YqRSgJFbJ1c (consultado el 10/03/2018).
-          Calavía, Maite. Narración do conto co apoio visual das imaxes de cada unha das páxinas do álbum en: https://www.youtube.com/watch?v=DBjka_zQBdQ (consultado o 10/03/2018).
-          Vázquez Abanades, Lorena. Stopmotion en catalán de Por cuatro esquinitas de nada. (2014). Youtube.https://www.youtube.com/watch?v=nw941CErrZA (consultado el 10/03/2018).
-          Libro interactivo. https://itunes.apple.com/es/app/por-cuatro-esquinitas-nada-libro-interactivo-sobre/id598573155?mt=8 (consultado el 10/03/2018).
-          Lionni, Leo (2005). Pequeño azul y pequeño amarillo, unha obra clásica contemporánea de Leo Lionni, como se pode seguir pola adaptación realizada polo alumnado do CEIP de Alpartir (Zaragoza) en https://www.youtube.com/watch?v=rb2AWbxyyaI (consultado o 10/03/2018) ou do alumnado do CEIP Severo Ochoa de Alcorcón en https://www.youtube.com/watch?v=_Z9QE5yFKjY (consultado o 10/03/2018).

xoves, 15 de marzo de 2018

El pez arcoiris



Pfister, Marcus. (2013). El pez arcoirirs. Ilustr. do autor, Traduc. Paloma Blanco Aristín. Barcelona: Beascoa, Col. El pez Arcoiris. [a partir de 4 años], [32 pp.], (ISBN: 978-84-488-2191-3).

Breve descrición do formato e contido: álbum ilustrado de 29x29 cm, encadernación de tapa dura e follas consistentes. Este tamaño e material permite un fácil manexo e manipulación da obra para os máis cativos/as. A cuberta simula o fondo dun océano e preséntanos, a través dun gran debuxo, ao protagonista. A contracuberta, de fondo branco, recolle tamén unha ilustración do peixe a menor escala (a mesma que aparece na portada) e unha sinopse da historia da obra. Ambas gardas, ao igual que ocorría na cuberta, volven simular o fondo oceánico e contan cunha pequena imaxe do protagonista no fondo dereito da páxina. A garda anterior, recolle o nome da persoa a quen o autor dedica o libro, mentres que a garda posterior revela unha breve biografía do autor.


Os textos son bastantes extensos e empregan unha linguaxe adaptada á competencia lingüística dos destinatarios. Os continuos diálogos ofrecen a oportunidade de teatralizar a historia e dramatizar esaxeradamente as emocións que viven os personaxes. Case sempre aparecen só nunha das páxinas, sendo as ilustracións a dobre páxina as que gozan de protagonismo As ilustracións semellan estar realizadas con acuarelas e recrean o fondo do océano. As cores predominantes son as azuis, violetas, verdes…, as cales transmiten ao lector unha sensación de calma e tranquilidade. Ademais, algunhas das escamas do peixe protagonista teñen un aspecto metálico e brillante que atrae notablemente a atención dos nenos/as. Así mesmo, están feitas dun material diferente ao do resto da páxina, polo que tamén permite xogar cás texturas.
A temática deste álbum ilustrado xira ao redor do valor de compartir e do ben que nos sentimos cando o facemos, así como da amizade. A historia  desenvolve a evolución do “Pez Arcoiris”, o cal comeza sendo un peixiño egoísta, altivo e solitario que só se preocupa por facer brillar as súas preciosas escamas, e remata converténdose nun peixe amigable e querido por todos porque aprende a compartir e gozar da vida en compañía.

A obra conta cunha estrutura tradicional: unha introdución, un nó e un desenlace. Comeza ca frase “érase unha vez...” e descríbesenos como era o protagonista, tanto física como persoalmente. A continuación prodúcese o conflito, diversas situacións nas que o seu protagonista se mostra egoísta e reticente a ter amigos. Por último, no desenlace, prodúcese un cambio na forma de ser do peixiño converténdose en alguén que aprendeu a compartir cos seus novos amigos.

Potencialidades educativas: Dende un punto de vista conceptual, este libro, permítennos traballar co mundo do océano. Antes de comezar a lelo, para producir motivación, poderíase preguntarlle aos pequenos/as que animais cren que viven no fondo do mar, de que color son, o seu tamaño... Durante a  lectura podemos teatralizar e dramatizar as emocións dos personaxes: o peixiño séntese triste porque ninguén quere xogar con el, cando lle din que debería compartir as escamas séntese furioso, cando ten amigos séntese feliz... Con isto logramos unha participación activa que favorece que os cativos/as estean motivados e atentos durante toda a lectura. Ao rematar, daranos pé a afondar moito máis sobre o tema da intelixencia emocional: cando se senten así, porqué, se lles gustan ou non eses sentimentos...

Ademais as escamas brillantes do peixe están feitas cun material diferente ao do resto das páxinas, polo que, ademais de chamar a atención dos cativos, nos permite  traballar co sentido do tacto.

Por último, ofrécenos a oportunidade de traballar o concepto de amizade, respecto, diversidade, aparencia física, aprender a compartir… Permite que transmitamos aos máis pequenos/as que para ter amigos non podemos ser egoístas e que a maioría das veces as cousas compartidas saben mellor. 

Recursos de interese:
Akasha. (2017). El pez aroiris. Marcus Pfister. Recuperado do Blogue Sabor a Tinta o 08-03-2018 de: http://saboratintaliteraria.blogspot.com.es/2017/09/el-pez-arcoiris-marcus-pfister.html Reseña do libro.

Cuentos Cuentos Anika Díaz. (2015). El Pez Arcoiris. Recuperado o 08-03-2018 de: https://www.youtube.com/watch?v=Dr92P3eXvAM&t=8s Curtametraxe do conto.

El pez arcoiris. (2017). El pez arcoiris. Recuperado o 08-03-2018 de: https://www.youtube.com/watch?v=YeKDKj8FoMQ&list=PLXH96R-AQYzg19AaS4VdJeVwP9cqcpG0t Lista de reprodución dunha mini-serie de seis capítulos basada no libro.

Esser, S. (2016). Cuento El pez arcoirira. 12 actividades y manualidades. Recuperado do Blogue Mundo de Rikkia o 08-03-2018 de: http://www.mundoderukkia.com/2016/10/pez-arcoiris-actividades-manualidades.html Manualidades e actividades para facer na aula sobre o libro.

Juega conmigo Toys. (2016). El cuento del Pez Arcoiris. Recuperado o 08-03-2018 de: https://www.youtube.com/watch?v=2eNJnD9B4mw Vídeo no que se recolle a narración do conto.

Pfister, Marcus. (2016). Pinta con el pez arcoiris. Ilustr. do autor, Traduc. FENIX CAMALEÓN S.L.. Barcelona: Beascoa. Col. El pez arcoiris. [a partir de 3 años], [32 pp], ( ISBN: 978-84-019-0641-1). Libro de colorear.

RAKELINF. (2013). El pez arcoiris. de 6º A Infantil. Recuperado o 08-03-2018 de: https://www.youtube.com/watch?v=hkBHaHvB4-c . Teatro de marionetas.