venres, 16 de marzo de 2018

Por cuatro esquinitas de nada


Ruillier, Jérôme (2005). Por cuatro esquinitas de nada. Ilust. do autor, trad: Élodie Bourgeois. Barcelona: Editorial Juventud, [32 pp.]. (ISBN: 978-84-261-3447-9).

Breve descrición do formato e contido: álbum ilustrado encadernado en cartoné cunhas dimensións de 23,5 x 23,5 cm. Na cuberta podemos apreciar o título do libro en maiúsculas e resaltado na esquina superior dereita e debaixo deste o que vai ser o escenario principal da obra, ao protagonista e a un dos seus amigos. Os personaxes son figuras xeométricas. Na contracuberta está Cadradiño, o protagonista, un amigo e a ferramenta que axuda na resolución do conflito, acompañados dun breve texto que nos somerxe na historia. Na primeira garda observamos o protagonista só fóra da casa e na última, dentro e acompañado polos demais personaxes. A estética deste volume é moi sinxela e o texto sitúase sempre na parte inferior das páxinas. As ilustracións son a dobre páxina, os fondos son dunha soa cor e maioritariamente de tons claros, contrastando coas cores vivas dos personaxes que aparecen coma recortes de cartolina, mentres que a casiña é un anaco de tea. En canto ao vocabulario pódese dicir que é moi sinxelo. O libro preséntanos a Cadradiño que quere entrar na casiña para xogar cos demais pero todos son redondos, polo que a porta é tamén redonda e Cadradiño non pode pasar por ela. Os círculos propoñen distintas solucións e Cadradiño ponse triste ata que dan coa solución: recortar catro esquiniñas de nada a esa porta que se interpoñía entre os personaxes.


Potencialidades educativas: é unha obra moi interesante para traballar en Educación Infantil, xa que todos os nenos e nenas poden suxerir posibles solucións ao conflito que se presenta e aprender que as persoas non deben cambiar para adaptarse senón que teñen que buscar solucións inclusivas. Resáltase o valor da amizade, aceptando aos demais como son, aprezando as súas diferenzas e non discriminando nin marxinando a ninguén por ser diferente. Debemos inculcarlles aos rapaces e rapazas que todos somos diferentes e iso é o que nos fai únicos e especiais. Este libro axuda a educar en valores como a tolerancia e o respecto. Por outra banda podemos introducir os conceptos das figuras xeométricas como o cadrado ou o círculo.

Recursos de interese:
-          Arellano Maté, Gemma. Versión de Por cuatro esquinitas de nada. (2012). Youtube. https://www.youtube.com/watch?v=YqRSgJFbJ1c (consultado el 10/03/2018).
-          Calavía, Maite. Narración do conto co apoio visual das imaxes de cada unha das páxinas do álbum en: https://www.youtube.com/watch?v=DBjka_zQBdQ (consultado o 10/03/2018).
-          Vázquez Abanades, Lorena. Stopmotion en catalán de Por cuatro esquinitas de nada. (2014). Youtube.https://www.youtube.com/watch?v=nw941CErrZA (consultado el 10/03/2018).
-          Libro interactivo. https://itunes.apple.com/es/app/por-cuatro-esquinitas-nada-libro-interactivo-sobre/id598573155?mt=8 (consultado el 10/03/2018).
-          Lionni, Leo (2005). Pequeño azul y pequeño amarillo, unha obra clásica contemporánea de Leo Lionni, como se pode seguir pola adaptación realizada polo alumnado do CEIP de Alpartir (Zaragoza) en https://www.youtube.com/watch?v=rb2AWbxyyaI (consultado o 10/03/2018) ou do alumnado do CEIP Severo Ochoa de Alcorcón en https://www.youtube.com/watch?v=_Z9QE5yFKjY (consultado o 10/03/2018).

Ningún comentario:

Publicar un comentario