Amosando publicacións coa etiqueta Imaxinación. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Imaxinación. Amosar todas as publicacións

luns, 30 de abril de 2018

Os tres amigos



Viana, M. (2004). Os tres amigos. Ilust. Xan López Domínguez, trad. Ignacio Chao. Pontevedra: Xerais, col Paseniño. [22 pp.]. (ISBN: 84-9782-153-X).

Breve descrición do formato e contido da obra: Libro ilustrado cunha dimensión de 19x17 cm. As páxinas son de papel normal a excepción da cuberta que é de cartón. Na cuberta, aparecen a fada e a anguía que son dous dos personaxes principais da historia sobre un fondo de cor azul escura. Na contraportada, podemos visualizar todos os títulos da colección e tamén un debuxo dunha anguía que vai aparecer en todas as páxinas impares. Trátase dun libro que mantén a mesma estrutura ao longo do desenvolvemento da obra. Por unha banda, nas páxinas impares atopamos un breve texto, xeralmente dunha ou dúas liñas, que aparece escrito tanto en letra minúscula na parte superior da páxina e en maiúscula na parte inferior e, no centro da mesma atopamos un debuxo dunha anguía que cobra animación ao pasar as follas de corrido. Por outra banda, nas páxinas pares podemos ver diferentes ilustracións que nos axudan a aclarar o contido do texto. Con respecto ao texto, é de tipo poético buscando ao longo da obra a rima que vai ser consonante. En canto ás ilustracións, estas ocupan a totalidade da páxina e están representadas con cores apagadas como diferentes tons de grises, marróns, laranxas, cun maior dominio de azuis a excepción da balea que é de cor vermella, branca e azul sendo estes tres cores os que máis chaman a atención en toda a obra. 


Ao longo das súas páxinas, nárrase a historia dunha fada e dunha anguía que lle gustaba ir ó mar a xogar. Un día, no seu paseo polo mar, atopáronse cun golfiño e fixéronse os tres amigos. Como o golfiño coñecía moi ben o mar, ofreceuse a ensinarlle os diferentes animais e as moreas de cousas que se poden atopar no seu interior. 

Potencialidades: Con este libro favorécese a introdución dos/as nenos/as no xénero da poesía xa que se trata dunha historia que está narrada buscando a rima continuamente, aspecto que lles chama a atención e os/as anima a seguir lendo. Ademais, estamos ante un libro interactivo que ten como obxectivo fomentar o hábito da lectura chamando a atención dos máis pequenos/as cás diferentes imaxes que lle axudan a comprender a historia que se está narrando. En relación á imaxe das páxinas pares, a través da mesma preténdese potenciar, por unha banda, o desenvolvemento cognitivo mediante a experiencia ao poder visualizar por eles/as mesmos/as que a imaxe se move ao pasar as páxinas moi rápido e, por outra banda, a motricidade fina ao practicar esta técnica para poder observar a imaxe moverse. O alumnado pode seleccionar a modalidade de texto que prefira e lles sexa máis sinxelo para ler, ou en minúscula ou en maiúscula, fomentando o desenvolvemento da súa autonomía. A través da historia que se narra, foméntase o valor da amizade xa que divertíndose os tres personaxes descobren os segredos que agocha o fondo mariño. Ademais, introduce aos máis pequenos/as no mundo mariño comezando a ensinarlle os diferentes animais que se poden atopar, como por exemplo, baleas, polbos, etc. A través da obra, podemos traballar diferentes aspectos do currículo, destacando a área de coñecemento do contorno xa que grazas aos tres personaxes podemos coñecer os diferentes elementos que conforman o mundo mariño sendo este parte do seu entorno. Para rematar, hai que destacar o final aberto da historia que axuda a estimular a imaxinación e creatividade dos/as máis pequenos/as ao deixar que eles/as mesmos/as imaxinen outras cousas que se poden encontrar no fondo mariño. Grazas a este final aberto, pódese realizar unha asemblea na aula onde cada un/unha exprese as diversas opinións que teña, axudando a estimular a súa expresión oral. 





sábado, 28 de abril de 2018

Amora


Garabana, Anxos. (2003), Amora. Ilust. Óscar Villán. Pontevedra: Kalandraka,
col. Os contos do trasno, [40 pp.]. (ISBN:978-84-8464-185-8.).

Descrición do formato e contido: é un conto popular, de estrutura acumulativa,
repetitiva e circular que mostra, de forma simbólica o ciclo da vida: desde o
nacemento ata a morte, aínda deixando a porta aberta a un novo renacer. É unha
obra con raíces históricas, da que se conservan versións na cultura sefardí. A base
de retrousos e fórmulas simétricas que aportan musicalidade. Desde os animais
mais pequenos até os mais grandes, pasando polos elementos da natureza e o
ser humano, todos forman parte deste conto rimado. A orixinalidade das ilustracións
e impactante, a dobre páxina que destaca polo seu potente colorido e
expresividade; figuras robustas de trazos perfilados nas que o ilustrador logra
plasmar a diferenza entre personaxes dominantes e dominados.

Potencialidades: con esta obra pódese traballar a poesía, o ritmo e a rima
dende moi tenra infancia. As imaxes coloristas e de marcado ton infantil
contribúen a interesarse polo seu contido aos máis pequenos, ao tratar cuestións
como a imaxinación e a creatividade. Ademais permítelles aos nenos e as nenas a
coñecer dunha maneira simbólica o ciclo da vida, algo que se lle debe explicar
desde moi cativos.

Recursos:
É de interese para os mediadores a colección destes  libros, que leva por título
“Os contos do trasno” e que conta con varias entregas, das cales só vou mencionar
dúas. É o caso de
  • Ballesteros, Xosé (adapt.) (2007). O coelliño branco. Ilust. Óscar Villán. Pontevedra: Kalandraka, col.  Os contos do trasno, [25 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-548-1).
  •  Rubio, Antonio (2006). O poliño da abeleira. Ilust. Gabriel Pacheco, trad. Silvia Pérez. Pontevedra: Kalandraka Editora, col. Contos do trasno, [32 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-531-3).

xoves, 8 de marzo de 2018

Piñeiro




Rubio, Antonio (2014). Piñeiro. Ilust. Óscar Villán, trad. Manuela Rodríguez. Pontevedra: Kalandraka, col. Do berce á lúa, [18 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-856-7).

Descrición do formato e o contido: álbum ilustrado de marcado carácter poético. Realizado en cartoné, con  tapas duras e bordes redondeados, ten unhas dimensións de 16x16 cm, tamaño moi acaído para o fácil manexo dos máis cativos. As súas ilustracións son moi expresivas e de carácter figurativo. Acompañan e recrean uns versos moi breves que asentan na repetición o marcado ritmo musical, identificándose de modo unívoco imaxes e texto. A escasa presenza textual permite  que as imaxes adquiran toda a forza comunicativa. Ademais son imaxes lexibles, que se articulan de igual modo que as palabras, coas súas sílabas contadas. Imaxes que se dispoñen á maneira dos versos; ordenadas, medidas, con ritmo e rima final. Imaxes que poden ser lidas de forma autónoma dende a idade máis temperá. Trátase dun poema completo que se constrúe en base a unha estrutura poética do cancioneiro infantil, no que o autor tamén se serve de recursos propios da tradición oral. . O elemento central é un piñeiro que aparece en cada unha das páxinas e ao que se van asociando outros elementos próximos ao universo infantil, como os xoguetes, a través dos que se abordan conceptos espaciais, como arriba ou abaixo, converxendo todos eles na referencialidade final a un eu protagonista.  Este libro está dispoñible nos seguintes idiomas: galego, castelán e éuscaro.

Potencialidades: 
Con esta obra pódese traballar a poesía, os xogos de rima e os conceptos moi sinxelos. Permite xogar co recoñecemento da disposición espacial dos obxectos (arriba, debaixo, ao lado) que aparecen ao carón do elemento central, o piñeiro. Tamén se presta o volume para facer diversas actividades lúdicas cos nenos e coas nenas como poden ser saídas ao campo, para que eles mesmos experimenten e observen a natureza, fomentando así o seu interese por ela.

Recursos:
É de interese para os mediadores a colección completa destes pequenos pero suxestivos libros, que
leva por título “Do berce á lúa” e que conta con oito entregas. É o caso de
  • Rubio, Antonio (2014). Zapato. Ilust. Óscar Villán, trad. Manuela Rodríguez. Pontevedra: Kalandraka, [14 pp.]. (ISBN: 978-84-92608-77-5).
  • Rubio, Antonio (2009). Crocodilo. Ilust. Óscar Villán . Pontevedra: Kalandraka, [14 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-545-0).
  • Rubio, Antonio (2010). Cinco. Ilust. Óscar Villán. Pontevedra: Kalandraka, [12 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-542-9).
  • Rubio, Antonio (2012). Lúa. Ilust. Óscar Villán. Pontevedra: Kalandraka, [16 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-541-2).
  • Rubio, Antonio (2012). Miau. Ilust. Óscar Villán. Pontevedra: Kalandraka, [16 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-543-6).
  • Rubio, Antonio (2012). Paxariña de papel. Ilust. Óscar Villán. Pontevedra: Kalandraka, [16 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-544-3).
  • Rubio, Antonio (2014). Violín. Ilust. Óscar Villán, trad. Manuela Rodríguez.  Pontevedra: Kalandraka, [14 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-855-0).

mércores, 7 de marzo de 2018

O pito Cairo



 

Núñez, Marisa (2010). O pito Cairo. Ilust. Helle Thomassen. Pontevedra: Kalandraka, col. Os contos do trasno Comodín, (+3 anos), [40 pp.]. (ISBN: 978-84-95124-85-5).

Breve descrición do formato e do contido: trátase dun álbum ilustrado de tipo narrativo con encadernación en cartoné e tapas duras, dun tamaño de 20.5x20.5 cm. Na cuberta aparece a personaxe principal, un pito moi alegre chamado Cairo, mentres que na contracuberta aparece unha pequena ilustración da viaxe emprendida polo pito Cairo. Nas gardas aparecen reflexados a modo de cómic distintos estados anímicos do protagonista. Unha característica que o fai distinto as demais obras é que na portada aparece un debuxo dun trasno chamado comodín acompañado dun poema co que presenta os libros da súa colección.
As súas cores son rechamantes e cun formato que representa a pintura a acuarela. No interior do libro pódese atopar unha páxina na que se narra o texto en letra grande e de forma sinxela e ao seu carón a ilustración da situación que se está a describir.
Ao longo do volume pódese observar unha adaptación do conto popular portugués que recrea a historia do pito Cairo, o cal un día buscando comida e fortuna no monte atopou unha bolsa chea de moedas de ouro. Ao achar semellante fortuna pensou que o mellor sería entregarlla ao rei e así gañar a súa amizade. Polo camiño atópase con diferentes impedimentos aos que se enfronta comendo todo canto se lle pon de por medio. Cando consegue chegar ao palacio real o rei decide quedar coas moedas e manda que preparen o pito para comer. Pero el, moi astuto, comeza a botar fóra da súa barriga todo canto comera. Grazas a isto, consegue salvarse e decide compartir as súas moedas cos animais que o axudaron a salvarse.

Potencialidades: con esta historia pódense traballar valores como a amizade, a honradez, a confianza, o egoísmo e o enxeño. O contido do álbum invita a reflexión e a imaxinación ou fantasía. O feito de incluír partes do texto iguais fai posible a repetición por parte do público lector, desta forma fainos partícipes da narración e a súa atención é maior. Este álbum encontrase dispoñible en tres idiomas: portugués (versión orixinal), galego e castelán.

Recursos en liña:
·         Lectura do libro realizada por un alumno do CEIP Castrelo de Miño de Lalín (Pontevedra): https://www.youtube.com/user/cruzestevez/videos (Consultado o 20/02/2018)
·         Lectura versionada por un alumno do CEIP Ponte dos Brozos de Arteixo (A Coruña): http://kuentalibros.blogspot.com.es/2012/06/o-pito-cairo-el-pollito-pelao.html (Consultado o 20/02/2018)