Rubio, Antonio (2014). Piñeiro. Ilust. Óscar Villán, trad.
Manuela Rodríguez. Pontevedra: Kalandraka, col. Do berce á lúa, [18 pp.].
(ISBN: 978-84-8464-856-7).
Descrición do formato e o contido: álbum ilustrado de marcado carácter poético. Realizado en cartoné, con tapas duras e bordes redondeados, ten unhas dimensións de 16x16 cm, tamaño moi acaído para o fácil manexo dos máis cativos. As súas ilustracións son moi expresivas e de carácter figurativo. Acompañan e recrean uns versos moi breves que asentan na repetición o marcado ritmo musical, identificándose de modo unívoco imaxes e texto. A escasa presenza textual permite que as imaxes adquiran toda a forza comunicativa. Ademais son imaxes lexibles, que se articulan de igual modo que as palabras, coas súas sílabas contadas. Imaxes que se dispoñen á maneira dos versos; ordenadas, medidas, con ritmo e rima final. Imaxes que poden ser lidas de forma autónoma dende a idade máis temperá. Trátase dun poema completo que se constrúe en base a unha estrutura poética do cancioneiro infantil, no que o autor tamén se serve de recursos propios da tradición oral. . O elemento central é un piñeiro que aparece en cada unha das páxinas e ao que se van asociando outros elementos próximos ao universo infantil, como os xoguetes, a través dos que se abordan conceptos espaciais, como arriba ou abaixo, converxendo todos eles na referencialidade final a un eu protagonista. Este libro está dispoñible nos seguintes idiomas: galego, castelán e éuscaro.
Potencialidades:
Con esta obra pódese traballar a poesía, os xogos de rima e os conceptos moi sinxelos. Permite xogar co recoñecemento da disposición espacial dos obxectos (arriba, debaixo, ao lado) que aparecen ao carón do elemento central, o piñeiro. Tamén se presta o volume para facer diversas actividades lúdicas cos nenos e coas nenas como poden ser saídas ao campo, para que eles mesmos experimenten e observen a natureza, fomentando así o seu interese por ela.
Recursos:
É de interese para os mediadores a colección completa destes pequenos pero suxestivos libros, que
leva por título “Do berce á lúa” e que conta con oito entregas. É o caso de
- Rubio, Antonio (2014). Zapato. Ilust. Óscar Villán, trad. Manuela Rodríguez. Pontevedra: Kalandraka, [14 pp.]. (ISBN: 978-84-92608-77-5).
- Rubio, Antonio (2009). Crocodilo. Ilust. Óscar Villán . Pontevedra: Kalandraka, [14 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-545-0).
- Rubio, Antonio (2010). Cinco. Ilust. Óscar Villán. Pontevedra: Kalandraka, [12 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-542-9).
- Rubio, Antonio (2012). Lúa. Ilust. Óscar Villán. Pontevedra: Kalandraka, [16 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-541-2).
- Rubio, Antonio (2012). Miau. Ilust. Óscar Villán. Pontevedra: Kalandraka, [16 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-543-6).
- Rubio, Antonio (2012). Paxariña de papel. Ilust. Óscar Villán. Pontevedra: Kalandraka, [16 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-544-3).
- Rubio, Antonio (2014). Violín. Ilust. Óscar Villán, trad. Manuela Rodríguez. Pontevedra: Kalandraka, [14 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-855-0).
Ningún comentario:
Publicar un comentario