Amosando publicacións coa etiqueta Soidade. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Soidade. Amosar todas as publicacións

luns, 14 de maio de 2018

Ola, ola la!


Sánchez, Gloria (2011), Mamá Cabra Ola, Ola, La! Ilust. Kirstina Sabaite. Vigo: Editorial Galaxia, col. Sonárbore, [28pp.]. (ISBN: 978-84-9865-307-6).

Breve descrición do formato e contido: Mamá Cabra Ola, ola, la! é moito máis que un libro xa que inclúe un CD de música para cantar xunto co grupo musical Mamá Cabra ademais dun DVD-Karaoke. O libro é de formato rectangular (24x21 cm.). Posúe unha cuberta e contracuberta de cartón duro para favorecer a manipulación por parte dos nenos e nenas. A cuberta fainos intuír como serán as ilustracións que atoparemos ao longo de todo o volume. Trátase de imaxes moi vistosas, incluso semellan estar debuxadas por rapaces e rapazas, convidan a deterse minutos observando cada un dos elementos presentes. Así mesmo, as imaxes reforzan e clarifican o que se narra no texto, facilitando a interpretación do conto. 
Este conto relata a historia de Mamacabra e as súas cinco cabritas, que marcharon vivir á cidade. Pouco a pouco as cabritas van marchando ata que Mamacabra fica soa. É entón cando dedica ir a buscar as súas cinco cabritas. Atopa á primeira no mar, á segunda no monte, á terceira en París, á cuarta navegando... pero ningunha volve á casa así que Mamacabra triste e sen ánimo afastouse da cidade. En cada unha das secuencias da historia atopamos unha canción relacionada co texto presente. 

Potencialidades educativas: en canto as potencialidades da obra podemos destacar: 
  • A forma rimada das cancións que facilita á memorización e permite traballar a conciencia fonolóxica. 
  • Vocabulario relacionado coa música, cos alimentos, coas partes do corpo, coas cores, coas formas, coas nocións espaciais, cos animais e plantas e tamén diversas accións. 
  • Traballa os números ata o 5, tanto cardinais como ordinais. 
  • Aborda o tema dunha alimentación saudable. 
  • Podemos traballar o tema das emocións, facendo fincapé na tristeza, presente de forma explícita practicamente durante todo o libro. 
  • Traballar o baile, o canto, os xestos e a imitación a partir de diversas cancións do libro.
Recursos de interese:
  • CEIP Plurilingüe "Anxo da Garda" (2013). Canción "As mans" con pictogramas. https://www.youtube.com/watch?v=xMpK_mlQxUs (Recuperado o 30 de abril de 2018).
  • Mamá Cabra (2011). Ola, Ola, la! https://vimeo.com/22996145 (Recuperado o 30 de abril de 2018).
  • Sonárbore (2015). Canción "Eu son un artista " https://soundcloud.com/sonarbore/eu-son-un-artista (Recuperado o 30 de abril de 2018).

mércores, 21 de marzo de 2018

Otra Cosa



Cave, Kathryn (2003). Otra cosa. Ilust. Chris Ridell, trad. Rita Schnitzer Loeher. Barcelona:
Ediciones Elfos, [25 pp.]. (ISBN:84- 8423-152-6).

Breve descrición do formato e contido: álbum ilustrado. A imaxe que se nos mostra na cuberta é a mesma que aparece na portada -o noso protagonista sentado nun sillón-. Nas gardas aparece unha cor escura, que é a cor de Otra Cosa, que representa esa diferenza co resto dos animais; e tamén atopamos unha cor máis clara, que simboliza a todos aqueles que non se relacionan con el. Algunhas imaxes son a dobre páxina. Tamén aparecen ilustracións que están divididas dentro da mesma páxina, pero que gardan unha relación entre elas. En canto o texto, ás veces está dentro da imaxe e noutras está fóra dela, en ocasións mesmo nun cadro a parte desta á que se refire, pero a excepción disto, o texto garda unha profunda relación coa ilustración que se nos está a mostrar. Existen dúas voces nesta historia: a do narrador e a dos protagonistas. A letra na que aparece as intervencións destes dous compoñentes do volume é a mesma, a excepción de cando o narrador nos presenta ao protagonista principal, xa que escribe o nome deste en letras maiúsculas. O narrador conta a historia e introduce aos personaxes, mentres que os protagonistas interveñen para dialogar entre eles e mostrar as súas consideracións. A historia xira en torno de Otra Cosa  que non é aceptado polo resto de animais por ser diferente a eles. Por último, neste apartado, debemos destacar que este libro foi premiado co “UNESCO Prize for Children's and Young People's Literature in the Service of Tolerance”.

Potencialidades educativas: a maior potencialidade deste libro é a educación en valores. Isto é unha lección de tolerancia e aceptación para facernos ver de que todas as persoas, xa sexa polas súas características físicas ou por calquera outra cousa, somos diferentes. Poderíamos utilizalo en casos  onde haxa un neno doutra etnia, ou mesmo un alumno que teña calquera tipo de discapacidade. Este asunto é máis fácil de tratar e tamén é máis sinxelo de comprender coa presenza de animais, como é o caso deste volume, xa que se intenta eludir unha posible identificación excesiva cos personaxes humanos. Por último, cómpre dicir que as emocións están presentes neste libro, e é primordial facerlle ver aos máis cativos cales son as accións que debemos evitar para que os outros nenos non estean tristes e desolados.

Recursos de interese:
- Curtametraxe “For the Birds” de Disney Pixar para educar en valores:
       https://www.youtube.com/watch?v=pWIVoW9jAOs (Consultado o 02/03/2018).

A Guerra dos Números


Darién, Juan (2009). A guerra dos números. Ilust. do autor, trad. María Luísa Núñez Álvarez. Pontevedra: OQO editora, col. O, [41 pp.]. (978-84-9871-154-7).

Breve descrición do formato e contido: numerario cunhas dimensións de 25×23 cm. A imaxe da cuberta xa nos empeza a dar algunha que outra pista do que nos podemos atopar dentro deste volume, ao ensinarnos un helicóptero e dentro deste ao número un co símbolo da resta. Nas gardas volvemos atopar un  vehículo aéreo –esta vez unha avioneta- dentro dela podemos observar como hai dous números un. Todas as ilustración que aparecen neste volume, son imaxes a dobre páxina. Polo que respecta ao texto, está sempre en permanente contacto coas ilustracións, é dicir, está dentro delas, polo que existe unha interacción entre estes dous elementos que permite entender a historia que se nos está a contar. As voces que aparecen neste libro son dúas: a do narrador e as dos protagonistas. A voz do narrador vainos presentando os distintos personaxes que van aparecendo ao largo da historia, a parte disto cóntanos o que vai sucedendo en cada momento e tamén nos relata que é o que pensan os propios personaxes. Por outra parte, a voz dos protagonistas aparecen en poucas ocasións, pero cando se manifestan fano para expresar unha determinada acción que teñen pensado levar a cabo. A temática da obra xira arredor dos conceptos numéricos e a linguaxe matemática. Para iso cóntase a historia do número un que se sempre estaba só, xa que os demais números non lles facían caso, pero todo isto cambiou cando chegou o Rei Menos.

Potencialidades educativas: este volume preténdenos ensinar que non hai que deixar a ningunha persoa de lado, isto amósasenos neste conto co número un, o cal ao principio deste volume se atopa só xa que ninguén quere estar con el. Dende o meu punto de vista é unha forma moi correcta de explicar isto a través dos números. Un aspecto moi importante a resaltar é o  conflito que aparece neste libro, porque o que lle deberíamos facer chegar ao noso alumnado é que as pelexas non levan a ningún lado e que todo se debe solucionar falando con aquela persoa coa  que se tivo ese problema. Neste álbum a final os números atopan a razón da súa forza, que é a través da unión, por iso o número un e o cero acaban xuntándose para formar o número dez. Tamén permite a lectura desta obra reflexionar sobre problemas de agora e de sempre, como son os conflitos bélicos, as ditaduras, a autoridade e o sometemento, valores que se critican a través da visión pacifista da historia. Por último, dado que este libro tamén pode ser concibido coma un numerario poderiámolo utilizar para iniciar aos máis pequenos nos números, neste caso ata o dez, que é a cifra máxima que se nos mostra.

Recursos de interese:
-          - “A guerra dos números” narrada polo colexio C. E. I. P. Mestre Rodríguez Xixirei:
https://www.youtube.com/watch?v=il6dkU0XqyY (Consultado o 09/03/2018).
-          - Canción para aprender os números de “Sonárbore”:
      https://www.youtube.com/watch?v=NGrFgQ4trxU (Consultado o 09/03/2018).

luns, 5 de marzo de 2018

Unha pantasma con asma


Gil, Carmen (2008). Unha pantasma con asma. Ilust. Sarah Webster, trad. Marisa Nuñez. Pontevedra: Kalandraka Editora [40 pp.] (ISBN: 978-84-8464-012-7).

Descrición do formato e contido da obra: é un álbum ilustrado de forma cadrada e de tapa grosa e dura, o que permite unha mellor manipulación para os nenos e nenas. A obra conta cunha cuberta e contracuberta que forman unha única unidade. No título sobresaen as sílabas “asma”, xa que se trata dun relato en verso. Na cuberta do libro encóntrase a protagonista que é a pantasma. Esta, está mirando cara á esquerda, incitándonos desta maneira a entrar no libro e descubrir o que lle ocorre. Na portada amósase un gatiño, deste xeito, vainos introducindo no conto. O gatiño aparece en case todas as ilustracións do conto, o que demostra ser unha personaxe de suma importancia na obra, representando a soidade. As ilustracións son relevantes na obra, posto que se complementan co texto. É moito máis doado para un neno ou nena de descubrir o que acontece mediante as imaxes. Grazas a elas, espertaremos o seu interese pola obra. Ao longo do relato hai  moitos elementos simbólicos, neste caso representando o movemento, como na imaxe que se presenta de seguido:


Con este conto coñeceremos a historia de Godofredo, o matasáns, que irá visitar a unha enferma un pouco peculiar: unha pantasma que tose e esbirra moito. Esta pantasma está sempre metida na cama do mal que se sente. Vive nunha casa moi fría, húmida e solitaria, apartada de todo e de todos. Descóbrese que a pantasma non ten ningún mal, o que lle pasa é que necesita cariño. Golfredo encargarase de darlle a receita que cura todos os males.


Potencialidades educativas: esta obra é unha historia rimada chea de humor e ilustracións impresionistas nas que o amor e os bos sentimentos se enfrontan coa soidade e o mal humor. Ata as pantasmas poden chegar a contraer enfermidades, sobre todo se viven en ambientes solitarios. Grazas ás rimas desta historia irase receitando o remedio infalible que cura todos os males, que é o cariño e o amor, e non só iso, senón tamén a achega dos alumnos á fantasía e a xogar cos poemas. Os nenos gozarán moito da obra co humor, este xoga un papel moi importante na historia. Ademais, atoparanse cunha personaxe estrafalaria e excéntrica que, aínda que está moi necesitada de agarimo e de amizade, os animará a estimular a súa imaxinación. Outro aspecto importante a destacar son as ilustracións, xa que recrean un ambiente fantasmagórico para unha historia poética e esdrúxula.

Recursos de interese:
·       Blog no que se conta a obra e se realizan manualidades:
http://la-bichera.blogspot.com.es/2013/11/materiales-para-un-cuento-el-fantasma.html (blog chamado: la bichera, publicado o 5-11-2013 (visto o 23-02-2018).

Blog no que utilizan esta historia para o día de Halloween. Ademais diso, realízanse manualidades co fin de elaborar unhas pantasmas: https://myriam-elbaldelosrecursos.blogspot.com.es/2012/10/un-fantasma-con-asma.html. Este blog corresponde ao CEIP Fray Albino de Santa Cruz de Tenerife (visto o 23-02-2018).

 Dramatización da obra publicada o 27-10-2015 por biblioteca biblioteca: https://www.youtube.com/watch?v=0Ot392-kk2w (visto o 23-02-2018).
·         
      Dramatización da obra, realizada polo alumnado da escola de Paradela CRA de Meis, publicado o 22-10-2018: https://www.youtube.com/watch?v=mi_AOtZZwVI (visto o 23-02-2018).

·  Narración dunhas nenas que contan a historia da pantasma: https://www.youtube.com/watch?v=DrrgzKScLdA publicado por Maruje o 28-05-2014 (visto o 23-02-2018).
  
  O seguinte recurso é un video no que se vai contando o que ocorre na historia: https://www.youtube.com/watch?v=4Y7at-V8OCQ recollido na conta de Youtube de David Francisco publicado o 14-04-2012 (visto o 23-02-2018).

· Representación do conto, publicado o 10-01-2015 por Lucía Castellano Valverde: https://www.youtube.com/watch?v=Yqm5REEXylc (visto o 23-02-2018).





domingo, 4 de marzo de 2018

Perdido?



Jeffers, Oliver (2005). Perdido?. Ilust. do autor, trad. Laura Sáez, Mónica Pazos e Saleta Fernández. China: Patasdepeixe, [38 pp.] (ISBN: 978-84-936842-1-1).

Descrición do formato e contido da obra: álbum ilustrado de forma cadrada e de tapa dura e grosa. A cuberta e a contracuberta compóñense dunha imaxe formando unha única unidade. Na cuberta aparece a imaxe dos protagonistas con dous dos obxectos representativos da obra, o paraugas e a maleta, e cada un deles observa cara ao lado oposto: o pingüín representando o perdido que se atopa e o neno orientándonos e incitándonos a descubrir a historia. As gardas  son de cor azul representando deste xeito a cor do mar e antes da portada podemos atopar unhas segundas gardas onde aparece a imaxe da maleta. Na portada obsérvase a ilustración dos dous protagonistas paseando preto do mar simbolizando o gratificante da súa compaña. Xa no interior preséntanse ilustracións en ambas as caras, algunhas delas formando unha unidade e outras  independentes, acompañadas de pouco texto. Podemos atopar elementos simbólicos coma o movemento, sobre todo naquelas imaxes onde se representan as ondas do mar. Nesta  obra narrativa sobre a amizade, a soidade e a tristeza, nas  ilustracións coloridas predominan os azuis, o branco e o vermello e os personaxes teñen  formas redondeadas, o que lles imprime un aspecto entrañable e tenro. O contido da obra conta que un día calquera na porta da casa dun rapaz aparece un pingüín perdido. O neno ao velo só e triste decide axudalo para devolvelo á súa casa. Primeiro intenta descubrir de onde veñen os pingüíns e despois buscar a formar para devolvelo ao seu fogar. Durante a longa viaxe fanse moi bos amigos e cando chegan ao seu destino despídense para emprender os seus camiños por separado. O neno durante a viaxe de volta dáse conta de que bota de menos o animal e regresa a buscalo.

Potencialidades educativas: con esta obra podemos traballar a amizade xunto cos sentimentos e necesidades dos demais, xa que en todo momento o neno protagonista empatiza co pingüín e non para ata conseguir axudalo. Deste xeito poderiamos explicar o significado da amizade verdadeira. Tamén podemos traballar as segundas oportunidades, arranxar aquelas situacións que ata un momento preciso non nos deramos conta. É unha gran ferramenta para poder traballar as emocións, en especial a soidade e a tristeza, e ser capaces de poñerse no lugar dos demais, intentando axudalos en todo o que estea nas nosas mans.

Recursos de interese: 
Un recurso interesante da obra pode ser a película creada polo StudioAKA. No enlace seguinte atopamos o tráiler da película https://www.youtube.com/watch?v=IwwrrZnmCb0 (visto o 24-02-2018) recollido na conta de Youtube de TheCGBros e nestoutro enlace podemos mercar o filme https://itunes.apple.com/gb/tv-season/lost-and-found/id462247460 (visto o 24-02-2018).

Outro recurso interesante é o vídeo seguinte, que consiste nunha musicalización do conto levada a cabo nun colexio fóra de España e recollido na conta de Youtube de Aníbal Vera https://www.youtube.com/watch?v=0IkC0JFOZok (visto o 24-02-2018).


Por último, existe outra proposta que é unha curtametraxe obra levada a cabo por alumnado da Academia de Ciencias e Artes Cinematográficas do Pobo Rural de Contreras pertencente á Universidade Nacional Autónoma de México recollido na conta de Vimeo pertencente a Pedream https://vimeo.com/6809334 (visto o 24-02-2018).