Amosando publicacións coa etiqueta emocións. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta emocións. Amosar todas as publicacións

sábado, 12 de maio de 2018

Bágoas debaixo da cama




Meilán, Ana (2016). Bágoas debaixo da cama. Ilust. Mayo, Marta. Lugo: Ana Meilán, [34 pp.]. (ISBN: 978-84-617-9969-5).

Breve descrición do formato e contido: álbum ilustrado encadernado en cartoné cunhas dimensións de 23 x 25 cm. Na cuberta podemos observar o título da obra con letras grandes entre as que destaca a palabra “Bágoas” polo que xa se anticipa cal será o elemento principal da historia que se contará no interior do libro. No fondo podemos ver ao protagonista cun boneco e un pano cheo de bágoas e a claridade que deixa pasar a porta aberta do cuarto do protagonista. Nunha esquiniña está un anaco da cama do protagonista e debaixo desta o bote de lágrimas que será outro dos elementos principais da historia. Na contracuberta vemos a Simón, o protagonista, de costas camiñando cara ao mundo que o espera fóra daquelas catro paredes. Ademais, podemos apreciar como os botes nos que gardaba as bágoas esta vez están abertos. Na contracuberta tamén podemos ler a seguinte frase: “Que ocorrería se o mundo quedase sen bágoas?”. Nas gardas iniciais tan só vemos un bote ao que aínda non se lle ve a etiqueta, esta revélasenos ao longo do conto e nas gardas finais onde o bote para as “bágoas de chorón” está aberto espallando as bágoas. Na portada podemos ver a Simón recollendo as bágoas do seu boneco. Existen algunhas imaxes a dobre páxina pero a maioría non o son. As ilustracións son moi atractivas debido ás cores intensas que se utilizan e ao perfil en cor negra que lles da profundidade aos personaxes. Nesta obra cóntasenos a historia de Simón, un neno que choraba moito e ao que todos lle dicían “Simón, es un chorón!” e a Simón non lle gustaba que lle dixeran iso. Ata que canso de que todos lle dixesen o mesmo decidiu non volver a chorar diante da xente e gardar todas as súas bágoas, e as dos demais, en botes etiquetados. Cando deixou de chorar por todo, seu pai díxolle que era “un home feito e dereito” e Simón pensou que os homes non choraban, ata que se deu conta de que todas as persoas choran, incluso seu pai. Pasado un tempo Simón chegou á conclusión de que sen bágoas a xente non se entende e que hai bágoas de moitos tipos.

Potencialidades educativas: esta obra é moi adecuada para traballar as emocións e os sentimentos en Educación Infantil e a calquera idade. Ademais, sérvenos para traballar a necesidade de transmitir o que sentimos porque nos axuda a que nos entendan e a comprender o que lle ocorre aos demais. Ás veces, reprimimos as emocións por temor das mofas dos compañeiros ou dos adultos. No conto Simón vese obrigado a cambiar para gustar aos demais ata que comprende a importancia de mostrar as emocións para saber o que sente o outro e poder axudalo cando o precisa, grazas a isto tamén se desenvolve nos nenos a solidariedade e a empatía. Ademais é un libro que rompe cos estereotipos de xénero xa que se nos mostra a un home chorando e a unha muller fontaneira, traballo tradicionalmente asociado ao xénero masculino.

Recursos de interese:
- Cuentos en la nube (2018). Lectura do conto. Youtube. https://www.youtube.com/watch?v=08uPXq_cr1I (Consultado el 12/05/2018).
- Ana Meilán (2017). Descargables para traballar o conto con nenos. https://www.entrenubesycuentos.com/descargas/ (Consultado el 12/05/2018).

luns, 7 de maio de 2018

A xoaniña rosmona




Carle, Eric (2005). A xoaniña rosmona Trad. Chema Heras e Pilar Martínez. Pontevedra: Kalandraka Editora/ Kókinos, [24 pp.]. (ISBN 84 - 8464 - 558 - 4).

Breve descrición do formato e contido da obra: neste álbum ilustrado dunha historia orixinal de Eric Carle destaca a súa maquetación, con páxinas de diferentes dimensións, máis grandes canto máis avanzan as horas do día, e a estrutura circular que se emprega: a mesma acción inicia e finaliza a historia. Na cuberta do libro aparece a personaxe protagonista do conto, unha xoaniña, sobre un fondo verde, o que nos anuncia que o contexto en que se vai desenvolver a narración vai a ser a natureza. Na contra-cuberta o que atopamos é unha síntese das ensinanzas que o autor busca que nenos e nenas acaden con este relato, entre as que me gustaría destacar a aprendizaxe das formas de cortesía e o feito de aprender a compartir. As gardas tamén se empregan con esta mesma finalidade de suscitar a curiosidade do lector.
No interior do álbum descubrimos un tratamento especial das imaxes moi propio de Carle, que se basea en papeis pintados a man. A variación das cores de fondo, que pasan de ser claras a escuras, dan conta do avance da xornada, información que se recalca co reloxo analóxico que aparece na parte superior de cada páxina. O hábitat dos animais cos que a xoaniña entaboa un acto comunicativo reflíctese co uso das cores que se lles atribúen comunmente á terra, mar e aire: un ton alaranxado ou marrón, o verde e o azul, respectivamente. En canto ao texto, o uso continuado de repeticións e rimas ofrece unha maior interacción para co público máis novo.

Potencialidades educativas: a utilidade deste libro para o tratamento das emocións, especialmente das descoñecidas para o público infantil como neste caso é a falta de seguridade nun mesmo, escondida baixo a capa da vaidade, e o aparente exceso de confianza é moi recomendable. A miúdo, o que lles sucede a nenos e nenas que levan á práctica estas actitudes de egoísmo, prepotencia e despotismo que se plasman no conto, é que non son capaces de recoñecer a súa carencia de auto-estima e, polo tanto, tentan solventar esa necesidade de afecto para consigo mesmos tratando con aires de superioridade e de maneira pouco amable a quen está ao seu redor.
O noso papel como futuras docentes ten unha dobre funcionalidade: por un lado, expoñerlles aos cativos e cativas que quizais se atopan nunha situación similar á da xoaniña rosmona que actuando de malas formas non se conseguen uns resultados óptimos, como ben se exemplifica no conto e, por outro lado e o que aínda resulta de máis valor aínda que recoñecemos que é complexo, procurar que as persoas afectadas por estas actitudes desagradables adopten unha posición de calma ou incluso de pasividade ante estas condutas aversivas para colaborar, na medida do posible, a extinguir ese comportamento negativo que desexamos que non se volva a producir.

Recursos en liña
Dramatización en linguaxe de signos do conto A xoaniña rosmona para nenos e nenas de segundo ciclo de Educación Infantil realizada no CEIP Sobrada. Recuperado do blog do CEIP Sobrada http://ceipsobrada.blogspot.com.es/2011/12/xoanina-rosmona.html (Consultado o 07/05/18).

Representación teatral do conto A xoaniña rosmona realizada na Escola Infantil de Xinzo de Limia para nenos e nenas de 0 a 3 anos. Recuperado do blog da Escola Infantil de Xinzo de Limia http://www.escolasinfantisdegalicia.es/xinzo/2012/05/04/a-xoanina-rosmona/ (Consultado o 07/05/18).

Conta-contos de A xoaniña rosmona realizada por nenos e nenas de 4ª de Educación Infantil dun colexio de Coristanco, A Coruña. Recuperado do blog Cativadas no Pichel http://cativadasnopichel.blogspot.com.es/2017/02/a-xoanina-rosmona.html (Consultado o 07/05/18).



martes, 1 de maio de 2018

Vacío

Resultado de imagen de vacío


Llenas, Ana ( 2015), Vacío, Alborote: Barbara Fiore Editora, ( +5 anos), [76pp], (ISBN 9788415208723).

Breve descrición do formato e contido da obra: álbum ilustrado de medidas 230 x 280 cm. A súa cuberta dura, imita ó cartón que tan a miúdo usa a autora nas súas ilustracións e que é unha das súas sinais de identidade. Malia ter bastantes páxinas, no interior presenta un breve texto que acompaña ás fermosas ilustracións en forma de collage. Ilustracións que, na maioría dos casos, ocupan ámbalas dúas páxinas -dereita e esquerda- e que cobran todo o protagonismo na obra. Aparece tamén algunha páxina practicamente en branco só cunha pequena frase, para darlle máis énfase ou crear no espectador a expectativa de que pasará na seguinte páxina. Álbum dunha grande plasticidade e beleza que xoga coas cores, identificándoas coas emocións e que nos transportan a eses estados de ánimo só con virar a folla.
A protagonista é Xulia, unha nena cunha vida apracible e feliz que, de súpeto, un día ve como todo muda, ó sufrir unha inesperada perda. A súa perfecta vida tranquila esvaece e ela fica cunha sensación de baleiro no seu interior que non sabe como encher. Un baleiro, que a autora e ilustradora simboliza maxistralmente como un burato que atravesa o peito da nena na cuberta do libro e que continuará debuxado nesta ao longo de toda a historia. Ese oco non fará máis que medrar e medrar, invádeo todo, cada día vai facéndose máis e máis grande e enchéndose tamén de todo tipo de monstros e friaxe, enchéndoa a ela de tristura.


A súa pesadume levaraa a saír na procura de posibilidades para pechalo, tapalo ou borralo para que desapareza e todo volva ser coma antes. Próbao todo: a comida, un novo amor, moitos agasallos... Mais nada funciona e o oco segue aí, medrando e medrando. O desacougo que lle produce comprobar que non existe nada que poida eliminalo para sempre, conduciraa a unha profunda tristura que lle servirá para espertar a unha nova realidade: a solución para encher ese oco non a atopará en nada material, senón que deberá buscar no seu interior, nos mundos marabillosos que alí se agochan. Asumir esa descuberta e acéptala serviralle para poder acadar de novo a felicidade e superar a súa perda. 

Potencialidades: Esta obra ofrécenos unha xenial ferramenta para traballar as emocións cos nenos, dándolles recursos que lles axuden a xestionalas. A vida está chea de encontros, risos, retrincos de felicidade; pero tamén de desencontros, de perdas que provocan en nós un sentimento de baleiro. Sensacións tristes que nun determinado intre nos poden semellar imposibles de superar ou enfrontalas. Para conseguilo deberemos atopar forza no noso interior para acadar de novo a felicidade. A autora, neste fermoso álbum ilustrado, fálanos desa capacidade de sobrepoñerse á adversidade e de poder atopar un sentido o que temos, ou mellor dito o que somos. Convídanos a reflexionar sobre a necesidade de asumir que toda perda produce un baleiro e que por moito que queiramos non o poderemos encher con cousas materiais. Fronte a unha perda deberemos buscar no noso interior, só aí atoparemos as chaves para ser felices, querernos a nós e aos demais. Estamos polo tanto, ante unha obra estupenda para falar de perdas, das emocións que nos provocan e no xeito de asumilas e seguir cara adiante.


Todos temos ou teremos algún día que afrontar unha perda ao longo da nosa vida, teremos un baleiro ou unha vivencia que nos doa e nos marque para sempre. A autora pon de manifesto a importancia do proceso que debemos asumir despois desa perda, da importancia de mirar cara o interior de nós mesmos e non cara fóra, porque aí, acharemos o que nos fai especiais e únicos. O libro non especifica que lle acontece a nena, cal é a súa perda, así que cada lector pode identificarse con ela e atribuír o baleiro á causa que mellor se axuste á súa vivencia persoal. Que nos pasa cando nos sentimos así e o que estamos tentados a facer ou non… Por iso, o mellor desta obra é que non só é para os máis cativos, senón tamén para o público de todas as idades, porque, todos sufrimos algunha vez unha perda que nos provoca unha grande tristura, que non sabemos como xestionar ou superar. Pero tamén algo que nos gusta ou apaixona, que dá sentido á nosa vida. A protagonista descobre a importancia de coñecerse e quererse a ela mesma e iso acercaraa tamén ós demais. A fin o seu baleiro farase cada vez mais pequeno, pero sen chegar a desvanecerse, nunha metáfora de que todo o que vivimos nos marca e muda a nosa esencia. Tamén as perdas deixan unha pegada en nós, que dalgún xeito nos fai especiais e diferentes aos demais. En definitiva, este álbum configura unha ferramenta formidábel para falar das perdas, de pasar o duelo, de como superalo e seguir cara adiante. Nun proceso que nos mudará para sempre, pero que nos fará entender o fermoso que hai dentro de nós e do mundo que nos rodea. Por último sinalar a infinidade de posibilidades artísticas, plásticas e visuais que nos ofrece esta obra: permitiranos traballar cos nenos na produción de manualidades de todo tipo,  personalizar os nosos propios personaxes, crear monicreques ou mesmo collages, axudándonos a profundar no tema das emocións á vez que confeccionamos todo un universo creativo con eles.





















domingo, 29 de abril de 2018

Os fantasmas non petan na porta


Canal, Eulàlia (2016). Os fantasmas non petan na porta. Ilust. Rocio Bonilla Raya, trad. Elvira Riveiro Tobio. Alzira: Algar Editorial, [40 pp] (ISBN: 978-84-9142-116-0).

Descrición do formato e contido da obra: álbum ilustrado de forma cadrada e de tapa dura e grosa. Na cuberta atopamos o título en letras grandes e aos tres protagonistas da historia. O oso con expresión de dúbida, de non entender nada, e a marmota e o pato con expresión de medo, intentando predicir o que acontecera durante a historia. Na contracuberta aparece un breve resumo da obra e un debuxo, feito con carbón, dunha casa de onde sae unha pantasma da cheminea. As gardas son de cor branco e a portada presenta o mesmo debuxo que a contracuberta acompañado do título do libro. No interior as ilustracións son realmente expresivas e simpáticas, con moitos detalles e texturas que resaltan ademais do gran colorido que presentan. Realizadas con trazos finos e pintadas ca técnica das acuarelas. Esta obra é a historia de dous grandes amigos que sempre xogan xuntos, Oso e Marmota. Encántalles atopar tesouros xuntos ou cantar e bailar coma se fosen estrelas. Pero unha tarde, Oso dille a Marmota que invitou a Pato a xogar con eles. Marmota lonxe de alegrarse, entristecese moito. A Marmota non lle gusta Pato. Nin Pato, nin ningún outro animal que poda romper a súa amizade con Oso. Por iso está decidida a evitar que Pato xogue con eles. E será capaz de facer todo o que sexa necesario.

Potencialidades educativas: é unha obra centrada nunha historia de amizade, pero tamén nun tema moi importante coma o son os celos. Con esta historia os máis pequenos e pequenas aprenderán que abrir o círculo a outros amigos non ten porque ser negativo nin botar nada a perder. Os sentimentos que sente Marmota están escritos detalladamente e con moita compresión, o que facilitará a identificación dos cativos e cativas ca protagonista. Ademais é moi importante destacar que o xeito no que se resolve a historia é moi adecuado e pode servir de exemplo para nenos e nenas que sintan celos. Tamén dicir que o humor que envolver toda a obra, incluídos os diálogos, non deixa indiferente a ninguén e consegue que os nenos desfruten e se metan na historia por completo.  

Nacido del Corazón




Serrano Vreugde, Berta (2015). Nacido del corazón. Ilust. Alfonso, Serrano Vreugde. Madrid: Kókinos, col. Emociones. [35 pp], (ISBN: 978-84-16126-10-1).

Breve descrición do formato e contido: álbum ilustrado, de forma rectangular (23,5x29 cm) e de pouco volume. Consta dunha cuberta e contracuberta de tapa grosa.
Na cuberta, no centro, móstrasenos o título en letras maiúsculas, nun ton alaranxado e cun paxaro pequeno pousado na letra “D”. Ao carón pódese ver unha muller co corazón sobresaíndo do seu peito. Na parte inferior, atópanse os nomes da autora, do ilustrador e mais da editorial. Todo isto, sobre un fondo que simula unha paisaxe; un ceo azul moi claro, polo que voa outro paxaro e un solo laranxa do que medra unha flor-bolboreta. Na contracuberta preséntase a mesma paisaxe cun paxaro voando na parte esquerda e, pola contra, na parte dereita atópase a un home collendo ás costas á mesma muller que aparece na cuberta e un bebé.
As gardas seguen a mesma paisaxe que as anteriores pero nun ton azul máis forte e o un prado verde. Na portada, ao igual que na cuberta, aparecen o titulo na parte superior, no lado esquerdo o nome da autora coa flor-bolboreta e no dereito a editorial e o ilustrador cun paxaro voando. No centro aparece a muller co corazón sobresaíndo do seu peito.
As páxinas do interior son grosas e de textura suave. As imaxes son moi coloristas e os personaxes teñen siluetas surrealistas. A narración mostrase nunha das páxinas cun fondo de cor sólido e na outra, aparecen as ilustracións.
A protagonista, Rosa, xunto ao seu marido ansían converterse en pais e deciden visitar ao médico. Este proporciónalles unha receita e Rosa maxicamente nota uns golpiños no peito. Pouco a pouco o seu corazón vaise facendo máis e máis grande, ata non lle serve a roupa! E, de súpeto, un día soa o teléfono, é hora de ir buscar ó seu bebé!

Potencialidades educativas: con este álbum podemos achegar aos máis pequeno e pequenas unha historia baseada en feitos reais, en concreto a da autora. A historia duns pais e o seu fillo adoptado. Serve para explicarlles este proceso de amor incondicional polo que pasan varias familias, tanto a esas crianzas adoptadas coma ao resto de nenos e nenas para que medren en diversidade e comprendan as diferentes orixes e clases de familias que hai.
É un libro que salienta o amor sobre todas as cousas.

Recursos:




luns, 23 de abril de 2018

El viaje de Pipo



Tone, Satone (2014). El viaje de Pipo. Ilust. da autora, trad. Teresa Tellechea. Madrid: Ediciones SM, [41 pp.]. (978-84-675-6962-9).

Breve descrición do formato e contido: álbum ilustrado. A imaxe que se amosa na cuberta é a do protagonista deste conto, o cal é a ra Pipo, que nun principio parece que está perdido no lugar no que se atopa. Nas gardas atopamos follas de flores e árbores que aparecerán ao longo de todo este volume. En canto á portada, volvésenos a ensinar ao protagonista deste conto, nunha situación similar á da cuberta; pero, neste caso a imaxe preséntasenos en proporcións moi pequenas e a cor é distinta. Todas as ilustracións son imaxes a dobre páxina. As cores destas varían ao longo deste volume, xa que dependendo no sitio no que se atopa o protagonista, a tonalidade será diferente. En relación ao texto, este está sempre dentro das imaxes, polo tanto, existe unha interacción moi profunda entre estes dous elementos ao largo de todo este libro; cabe destacar que en función da cor de fondo, as cores das letras serán diferentes, isto farase para que poidan ser visibles e recoñecibles polos nenos e nenas. Nesta historia existen dúas voces: a do narrador e a dos personaxes que van aparecendo. A letra na que aparece as intervencións destes dous compoñentes do volume é a mesma. Cando falan os personaxes, as súas participacións aparecen entre guións, para diferencialos da persoa que conta a historia. O narrador presenta e introduce a todos os personaxes que aparecen neste volume, e tamén narra a historia. Por outra parte, os personaxes interveñen para dialogar entre eles e mostrar as súas apreciacións. En canto á sinapse, este conto xira ao redor de Pipo, que se atopaba triste porque non podía soñar ata que atopou unha ovella que lle dixo que podía viaxar polos soños, deste modo o protagonista acompañouna durante toda súa viaxe. E xa para rematar neste apartado, é necesario dicir que este libro foi premiado en 2013 co “Premio Internacional de Ilustración Feria de Bolonia – Fundación SM”.

Potencialidades educativas: unha das potencialidades que se observa son as emocións, xa que ao principio do conto a ra Pipo estaba triste por no poder soñar; con isto podemos traballar este tema cos máis cativos e preguntarlles como se senten cando non poden facer algo que lles gusta. Outra cousa que podemos resaltar é a fantasía que presenta este libro, cos alumnos e alumnas de Educación Infantil o que se podería traballar é que teñan creatividade para imaxinar cousas fantásticas, tamén serviría para presentarlles seres mitolóxicos como poden ser os unicornios, as sereas, os centauros e moitos outros máis. Un aspecto a ter en conta son os meses e as estacións do ano, xa que aparecen ao largo de todo este volume. E por último, non debemos pasar por alto o tema da amizade neste libro; penso que isto é moi importante porque nesta etapa, unha competencia que os alumnos e alumnas deben adquirir é a interacción social entre iguais, tamén hai que dicir que se lle debe explicar a amizade aos máis pequenos, para que sepan como coidar e manter a un bo amigo ou amiga.

Recursos de interese:
- Canción “La hora de los sueños”:
https://www.youtube.com/watch?v=DvkSqWOS7nM (Consultado o 22/04/2018).
- Conto “Monsterbox” que trata sobre o valor da amizade e tamén trata a educación emocional:
https://www.youtube.com/watch?v=OczEHXRU9WU (Consultado o 22/04/2018).

mércores, 11 de abril de 2018

A avoa adormecida






Parmeggiani, Roberto (2015). A avoa adormecida, ilust. Joao Vaz de Carvalho, trad. Xosé Ballesteros, Pontevedra: Kalandraka, (0-6 anos), [40 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-914-4).

 
Descrición do formato e contido da obra: álbum ilustrado de formato rectangular (28x19 cm), de gran tamaño e tapa dura. Na cuberta observamos unha imaxe dunha avoa durmindo que ocupa toda a paxina. No cabelo aparece o título (A avoa adormecida) e, enriba dela, ao carón, o autor do libro e ao outro lado, o ilustrador. Na contracuberta aparece no medio, dentro dun círculo branco, a avoa e o príncipe azul que a levou e na parte superior, ao lado, a colección (maremar). Nas gardas aparecen diversos debuxos de cometas con diferentes tonalidades de marróns, todo sobre un fondo branco, que representa a morte da avoa. No interior do libro as páxinas son grosas e as ilustracións son orixinais, alegres, coloridas, de gran tamaño e os debuxos están pintadas en acuarela. Os textos son sinxelos, breves e de cor negra, situados nas diferentes páxinas. Algúns aparecen na parte superior e outros na parte inferior.

A historia recrea o alzheimer dunha avoa, que anteriormente facía moitas cousas co seu neto como era cociñar, ler e contar contos etc. Ata que un día botou moitas horas durmindo é un príncipe azul levouna con el. Desde a súa casa os familiares ven a cometa, que recorda.

Potencialidades: atopámonos ante unha obra que trata diferentes temas de interese (familia, alzheimer, morte, emocións etc), coa a cal os nenos e nenas poden interaccionar. O que se pode traballar con ela son: facer unha pequena asemblea, preguntándolle aos cativos e cativas ao principio se saben de que pode tratar este libro e ao acabar facer preguntas sobre el; traballar o alzheimer e outros procesos que afectan de preto aos nosos maiores e como presentarllos aos pequenos, que moitas veces non entenden o que está a pasar no seo familiar, con naturalidade e exquisito coidado emulando a bela adormecida do conto; traballar as emocións e se pode fomentar o emprego e aprendizaxe da nosa lingua. 


Recursos de interese:

-Brabádegos (2015). A avoa adormecida. Bradágos. Recuperado de: http://brabadegos.blogspot.com.es/search?q=a+avoa+adormecida (Consultado o 6/ 02/2018).

-Kalandraka: a avoa adormecida (s.f.). Recuperado de: https://librosparasonhar.wordpress.com/2015/01/22/mecos-mimos-e-alouminos-para-a-avoa-adormecida/ (Consultado o 6/ 02/2018).


-Mociño, I. & Roing, B. (2010). Libros en galego de onte e hoxe para a nenez e a mocidade. Recuperado de: http://www.usc.es/libros/index.php/spic/catalog/book/846 (Consultado o 6/ 02/2018).


-Pena, M. (s.f). Crítica a avoa adormecida. Recuperado de: http://www.criaturas.gal/critica-avoa-adormecida/ (Consultado o 6/ 02/2018).

-Roig, B. (2015). Informe de Literatura. Recuperado de: http://www.cirp.gal/rec2/informes/upload/ver/inf2015/Informe_Literatura_2015.pdf (consultado o 28/04/2018)