Amosando publicacións coa etiqueta Cooperar. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Cooperar. Amosar todas as publicacións

venres, 16 de marzo de 2018

Por cuatro esquinitas de nada


Ruillier, Jérôme (2005). Por cuatro esquinitas de nada. Ilust. do autor, trad: Élodie Bourgeois. Barcelona: Editorial Juventud, [32 pp.]. (ISBN: 978-84-261-3447-9).

Breve descrición do formato e contido: álbum ilustrado encadernado en cartoné cunhas dimensións de 23,5 x 23,5 cm. Na cuberta podemos apreciar o título do libro en maiúsculas e resaltado na esquina superior dereita e debaixo deste o que vai ser o escenario principal da obra, ao protagonista e a un dos seus amigos. Os personaxes son figuras xeométricas. Na contracuberta está Cadradiño, o protagonista, un amigo e a ferramenta que axuda na resolución do conflito, acompañados dun breve texto que nos somerxe na historia. Na primeira garda observamos o protagonista só fóra da casa e na última, dentro e acompañado polos demais personaxes. A estética deste volume é moi sinxela e o texto sitúase sempre na parte inferior das páxinas. As ilustracións son a dobre páxina, os fondos son dunha soa cor e maioritariamente de tons claros, contrastando coas cores vivas dos personaxes que aparecen coma recortes de cartolina, mentres que a casiña é un anaco de tea. En canto ao vocabulario pódese dicir que é moi sinxelo. O libro preséntanos a Cadradiño que quere entrar na casiña para xogar cos demais pero todos son redondos, polo que a porta é tamén redonda e Cadradiño non pode pasar por ela. Os círculos propoñen distintas solucións e Cadradiño ponse triste ata que dan coa solución: recortar catro esquiniñas de nada a esa porta que se interpoñía entre os personaxes.


Potencialidades educativas: é unha obra moi interesante para traballar en Educación Infantil, xa que todos os nenos e nenas poden suxerir posibles solucións ao conflito que se presenta e aprender que as persoas non deben cambiar para adaptarse senón que teñen que buscar solucións inclusivas. Resáltase o valor da amizade, aceptando aos demais como son, aprezando as súas diferenzas e non discriminando nin marxinando a ninguén por ser diferente. Debemos inculcarlles aos rapaces e rapazas que todos somos diferentes e iso é o que nos fai únicos e especiais. Este libro axuda a educar en valores como a tolerancia e o respecto. Por outra banda podemos introducir os conceptos das figuras xeométricas como o cadrado ou o círculo.

Recursos de interese:
-          Arellano Maté, Gemma. Versión de Por cuatro esquinitas de nada. (2012). Youtube. https://www.youtube.com/watch?v=YqRSgJFbJ1c (consultado el 10/03/2018).
-          Calavía, Maite. Narración do conto co apoio visual das imaxes de cada unha das páxinas do álbum en: https://www.youtube.com/watch?v=DBjka_zQBdQ (consultado o 10/03/2018).
-          Vázquez Abanades, Lorena. Stopmotion en catalán de Por cuatro esquinitas de nada. (2014). Youtube.https://www.youtube.com/watch?v=nw941CErrZA (consultado el 10/03/2018).
-          Libro interactivo. https://itunes.apple.com/es/app/por-cuatro-esquinitas-nada-libro-interactivo-sobre/id598573155?mt=8 (consultado el 10/03/2018).
-          Lionni, Leo (2005). Pequeño azul y pequeño amarillo, unha obra clásica contemporánea de Leo Lionni, como se pode seguir pola adaptación realizada polo alumnado do CEIP de Alpartir (Zaragoza) en https://www.youtube.com/watch?v=rb2AWbxyyaI (consultado o 10/03/2018) ou do alumnado do CEIP Severo Ochoa de Alcorcón en https://www.youtube.com/watch?v=_Z9QE5yFKjY (consultado o 10/03/2018).

martes, 6 de marzo de 2018

Despois da chuvia

Cerro, Miguel (2015). Despois da chuvia. Ilust. do autor, trad. Manuela Rodríguez. Pontevedra: Kalandraka [32 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-968-7).

Despois da chuvia é un album narrativo en galego gañador do VII Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados no 2015. Este libro trata temas tan importantes como a cooperación, a necesidade de aceptación dentro dun grupo, a solidariedade ou os prexuízos.

Descrición do formato e contido: a historia agóchase tras unha cuberta e contracuberta de tapas duras que se unen amosando unha ilustración na que aparece o protagonista  e que augura o que virá dentro da obra. Atopamos cores intensas que contrastan entre si no medio da escuridade ou na claridade do día. As ilustracións a dobre páxina acompañan e completan a linguaxe textual sinxela coa que se conta a historia. O libro tamén inclúe unha figura do raposo en cartón tal e como o representa o autor.
Dende o punto de vista do contido, o volume recolle como un tremendo diluvio cae sobre un bosque e obriga aos habitantes a sobrevivir nunha cova. Todos os animais deben colaborar para adaptarse á nova situación e conseguir auga e comida, pero ao raposo protagonista négaselle a oportunidade de contribuír e axudar o grupo. Sen que ninguén confíe nel, sorprende a todos e todas conseguindo algo moi desexado.


Potencialidades: ademais dunhas ilustracións fermosas, as diversas lecturas que se poden facer desta historia completan o álbum e permiten que se use con nenos e nenas desde curta idade ata  outros maiores. Nunha lectura menos profunda podemos ver unha historia de sobrevivencia onde coñecer animais, funcións vitais ou a capacidade de adaptación grazas ao traballo colaborativo. Se imos máis aló podemos chegar a unha historia onde os prexuízos e os estereotipos impiden que un individuo se sinta cómodo e integrado nun grupo. O raposo, personaxe do que se debe desconfiar na literatura tradicional, racha coas ideas preconcibidas e demostra que non podemos xulgar a ninguén sen coñecelo. Tamén se pode traballar na aula a autoestima ou a soidade, protagonistas na obra. A lectura simbólica tamén nos remite cara a unha actualización/recreación do diluvio universal dende unha perspectiva infantil, o que contribúe a que os máis novos coñezan elementos da cosmovisión cristiá da nosa cultura de forma adecuada á súa comprensión.


Recursos en liña:
O audioconto está subido á plataforma Ivoox pola librería online Los Libros de la Luciérnaga. Podedes consultar na súa web información sobre libros educativos e centrados na infancia.

A cabra boba


Bruno, Pep (2006). A cabra boba. Ilust. Roger Olmos, trad. Antón Fortes. Pontevedra: OQO Editora, col O, [ 30 pp.]. (ISBN: 849657320-6).

Descrición breve do formato e contido da obra: álbum ilustrado encadernado en cartoné, cunhas dimensións de 25x23 cm. Na cuberta aparece o debuxo dunha cabra correndo cara ao interior do conto, o que nos convida a abrilo e descubrir a historia que se narra no seu interior; o título enriba da ilustración e os datos dos creadores e da editorial. Na contracuberta obsérvase ao lonxe unha ilustración da aldea, que se abrimos o libro completamente descubrimos que esta forma unha unidade coa cuberta e fai referencia á imaxe da cabra mentres foxe da aldea. Ao abrir o libro atopamos as gardas: nas primeiras vemos un debuxo da cabra balando cara a unha señora maior que apunta co brazo esquerdo ao ceo; nas últimas,  unha parella de anciáns está mirando cara ao  traseiro da cabra. Xa no interior, atopamos un texto dialogado, con letra en cor negra. Os debuxos, a dobre páxina, son caricaturescos e dinámicos, pois buscan o movemento. O fondo das páxinas é claro para evitar a saturación, mentres que as ilustracións están coloreadas con tons máis rechamantes para captar a atención. Acompañan o texto e dan información que nel non se menciona, estimulando así a imaxinación tanto de lectores coma de oíntes; como por exemplo o gato que acompaña o protagonista e o seu avó nalgunhas escenas. As imaxes mostran conceptos espaciais que guían o ritmo da narración, como o paso do día e a chegada da noite. O álbum conta a historia de Miguel, un cativo que perdeu a súa cabra e precisa axuda para poder atopala. Na súa procura axuda aos distintos personaxes cos que se encontra polo camiño, que como agradecemento lle dan unha recompensa: sal, flores e un libro de contos; obxectos que utilizará despois para recuperar o animal, que estaba subido no alto do tellado. A historia remata dun xeito inesperado e cómico que aporta a ilustración. É unha historia moi acaída para lles contar aos máis pequenos antes de ir durmir.

Potencialidades educativas: este álbum ilustrado conta con abundantes recursos: onomatopeas, diálogos entre os personaxes e repeticións, que favorecen a implicación e a rápida memorización da historia por parte dos nenos e nenas. Tamén cómpre destacar que o álbum se atopa dispoñible en sete idiomas: galego, castelán, catalán, inglés, francés, italiano e portugués, polo que é facilmente accesible en todo o territorio español e en países europeos. Entre os valores que transmite o conto podemos atopar o de salientar  a importancia de axudar aos demais, aínda que sexa con pequenos detalles.

Recursos en liña: