Tillman, Nancy. (2012). Onde
ti esteas. Ilustr. do autor,
Traduc. Millán Picouto. Ourense: Ediciones Linteo, [a partir de 4 anos], [44
pp.], (ISBN: 978-84-96067-71-4).
Breve descrición do formato e
contido: álbum narrativo ilustrado de 25x25 cm, encadernación
de cartoné e follas consistentes. Este tamaño e material permite un fácil
manexo e manipulación da obra para os máis cativos/as. A cuberta móstranos o
título da obra, que simula estar escrita a man, e unha ilustración dun neno e
un oso que parece que están a bailar. A contracuberta, de fondo azul escuro,
recolle imaxes doutros títulos da autora. Ambas as gardas, dianteira e
traseira, só amosan un fondo verde auga. A portada recolle o nome do autor, o
título do libro e desvela unha da imaxes que posteriormente aparece no corpo do
libro.
Mentres que os textos
da versión orixinal Wherever you go I
will find you teñen un carácter poético e rítmico, a súa tradución ao
galego mudounos en breves composicións narrativas que carecen de rima. Aínda así,
manteñen a brevidade e estrutura que define os textos orixinais. Empregan
constantemente metáforas e xogos de palabras, polo que en ocasións considero
que a linguaxe non está moi adaptada á competencia lingüística dos destinatarios,
dificultade que se pode compensar acompañando a lectura das explicacións
pertinentes. Os textos aparecen, case sempre, nunha das páxinas, sendo as
ilustracións a dobre páxina as que gozan de protagonismo.
As ilustracións
semellan estar pintadas ao óleo e teñen un carácter realista. As cores
predominantes son suaves (azuis, verdes, brancos, grises..), as cales
transmiten ao lectorado unha sensación de calma e tranquilidade. Ademais, contaxian
tenrura a través da complicidade que semellan ter as personaxes representadas.
A temática deste
álbum ilustrado xira ao redor do amor, pero non un amor romántico, senón un
amor fraternal, o amor no sentido máis amplo da palabra. A súa historia non
conta cunha estrutura tradicional (introdución, nó e desenlace), senón que a través da súas páxinas nos fai entender que
cando queremos a alguén “non hai ningún lugar onde o noso amor non o atope”. É
unha historia para transmitir que o amor entre un fillo e os seus pais, entre
dous amigos, entre dono e mascota... “nunca se perde, nin se gasta nin se
termina” e “sempre te ha de encontrar, alí onde ti esteas”.
Potencialidades educativas: Dende un punto de vista conceptual, este libro,
permítenos traballar co mundo da natureza e os animais. Todas as ilustracións teñen como fondo un medio natural
e o neno protagonista aparece acompañado por diferentes animais (oso, elefante,
pavo real, foca...). Ademais, á hora de traballar o tema do amor, ofrece a
oportunidade de desmitificalo e entender que o concepto «amor» non alude só a
un amor romántico entre un home e unha muller, senón unha visión activa de
respecto e emotividade de cara ao mundo que nos rodea e os elementos que o
integran e constitúen os nosos referentes.
Moi relacionado con
isto estaría o concepto de intelixencia emocional. O remate da lectura daranos
pé a afondar sobre a expresión dos nosos sentimentos. Son moitas as ocasións
nas que rexeitamos mostrar o que sentimos porque consideramos que nos fai
débiles e desprotexidos, por iso, sería interesante que os nenos/as se decaten
da importancia de saber recoñecer, aceptar e expresar os sentimentos (sobre
todo, o amor e o cariño).
Por último, ofrécenos
a oportunidade de traballar o concepto de amizade. Permite que transmitamos aos
máis pequenos/as que o máis bonito de ter amigos/as é sentirnos queridos por
eles/as e para iso temos que dar e recibir amor de modo libre e voluntario.
Recursos de interese
Books Read Aloud For Children. (2017). Wherever You Are My Love Will Find You by Nancy Tillman Read Aloud by Books Read Aloud For Children. Recuperado de https://www.youtube.com/watch?v=1nTypwhfs5s a 03/04/2016. Vídeo-conto da historia orixinal en versión inglesa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario