domingo, 8 de abril de 2018

Quen é ese becho?





Queralt, Carmen (2014). Quen é ese becho? Trad. Manuela Rodríguez. Pontevedra: Kalandraka,
[23 pp.], (ISBN: 978-84-8464-899-4).

Descrición breve do formato e contido da obra: este álbum ilustrado ten a cuberta, a contracuberta e mais o resto das páxinas de cartón groso, o que fai que os nenos poidan manipular o libro dunha maneira moito máis cómoda. No referido ás ilustracións, as tonalidades empregadas son moi variadas, aínda que predominan o vermello e o verde nos fondos. Os debuxos son abstractos e, aínda que pode parecer que buscan facer referencia a insectos, en realidade o que se pretende con estes personaxes aleatorios é dar a coñecer a diversidade como algo bo que aporta riqueza ao mundo. Tal como destacan no Informe de Literatura 2014 (Roig, 2015), nas ilustracións emprégase a técnica da colaxe a partir de texturas que lle ofrecen os diferentes papeis e tamén as ceras de cores. As personaxes están realizadas dun xeito moi sinxelo e recordan ós debuxos infantís, mentres que as cores son saturadas e de tons escuros, combinados con vermello ou rosado, e o texto aparece sobre fondos planos da imaxe cunha tipografía que lembra o estampado.
En canto ao texto, utilízanse letras maiúsculas grandes que poden facilitar a comprensión e
recoñecemento dos máis pequenos, pois aínda que hai algunhas páxinas nas que aparecen frases,
na maioría dos casos só aparece unha palabra (un adxectivo), de maneira que chama a atención dos
nenos e fomenta que se busque o recoñecemento. Na última páxina a cor do texto cambia e vólvese
branco, para destacar a mensaxe: “o becho máis becho de todos es ti”. Isto faise coa intención de
interpelar ó lector para que este se decate de que tamén ten algo único e especial que aportarlle ao
mundo e por iso debería engadir unha foto súa no libro. Por todo o dito, a lectura desta obra pon en
valor a diversidade e ao aprender a apreciar aos demais, os nenos tamén deberán valorarse a si mesmos,
de aí a imaxe final do libro.

Potencialidades educativas: o que se pretende principalmente con este libro é que os nenos e as nenas sexan capaces de ver que son especiais e únicos, e non por iso mellores ou peores que os demais. Desta maneira poderemos mellorar as relacións entre os nenos, potenciando o respecto e a colaboración entre eles. Á parte, grazas a este libro poderán aprender partes do corpo e non só do seu, senón tamén dalgúns insectos, o que lles servirá para coñecer mellor o medio no que viven. Por todo isto consideramos que é un bo material para traballar nunha xornada ao aire libre, potenciando aspectos como a interacción coa contorna e o coñecemento dos animais.

Recursos de interese:
  • Martínez Montero, Pili (2017). Quen é ese becho. Interpretación do conto, personalizándoo coas
imaxes do alumnado dun colexio galego. En https://www.youtube.com/watch?v=cbZt9wrj6hU
(consultado o 30/03/2018).
  • Roig Rechou, Blanca-Ana (2015). Informe de literatura 2014. En
http://www.cirp.gal/rec2/informes/informes.html (consultado o 06/04/2018).

1 comentario:

  1. Ola Iria. Como mostras na descripción desta obra, serve para ensinarlles aos nenos que ser único é unha vantaxe. Este é un valor que se debe ensinar dende os inicios da vida. Ben escollida a obra. Ademais, gústame a túa idea de poder facer unha xornada ao aire libre a partir do libro. Un saúdo

    ResponderEliminar