mércores, 14 de marzo de 2018

Soños de nenos


Varela Gestoso, Mónica Inés (2017). Soños de nenos. Ilustr. María Brenn, Premio Arume de Poesía 2015. Ferrol: Edicións Embora, col. Fardel dos soños, [37 pp.]. (ISBN: 978-84-16456-47-5).

Breve descrición do formato e do contido da obra: álbum ilustrado de carácter literario e poético. Está escrito en galego e ten un tamaño de 21 x 21 cm. O título da obra sepárase para dar nome ás dúas partes do libro: “soños” e “nenos”. Na cuberta atopamos unha nena sentada sobre unha esfera de auga que semella representar o mundo. Será o único momento no que a cor estea presente nas imaxes. Na contracuberta atópanse outros títulos das obras da colección que incitan á lectura. En canto ás gardas son de fondo negro con raias e manchas en branco e gris que simbolizan o percorrido dun foguete no espazo exterior. En canto ao contido do libro, comeza cun limiar de Luís Reimóndez da Fundación Xosé Neira Vilas. Despois do limiar, atopamos un verso de Álvaro Cunqueiro que fai referencia aos soños. O álbum consta de dous apartados ben diferenciados, conformando o título do libro: catorce poemas relacionados cos “soños” e dezasete relacionados cos “nenos”. Os poemas invitan a soñar e expandir os pensamentos máis alá da nosa mente ata quedar durmidos/as. Polo xeral, en cada páxina hai un poema e o acompaña a ilustración correspondiente. No tocante ás ilustracións, son en branco e negro, nas que o fondo branco predomina e as imaxes recrean aspectos do poema. Nelas combínanse diferentes técnicas que se achegan ao collage con detalles moi definidos.


Potencialidades educativas: serve para fomentar a imaxinación infantil. A linguaxe rimada serve para a  memorización e a musicalidade. Ademais podemos traballar distintas emocións. O fío condutor fainos viaxar polo mundo dos soños e nos invita a querer durmir para comezar a soñar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario