Turin, Adela (2012). Rosa Caramelo. Ilust. Nella Bosnia. Trad. Xosé Ballesteros. Pontevedra: Kalandraka, col. Libros para soñar, [Idade +6], [40pp.]. (ISBN: 978-84-8464-798-0).
Breve descrición do formato e contido da obra: Conto de tapa dura composto por 40 páxinas, todas elas ilustradas empregando cores vivas para poder captar mellor a atención dos cativos/as. O texto podémolo atopar situado nalgunhas páxinas na parte superior e noutras na inferior. Todo o relato está escrito en galego. As cubertas son grosas e duras de cartón. Nelas podemos atopar na parte de adiante o nome da autora ademais do título do conto, acompañado dunha ilustración na que observamos a elefanta Margarida apoiada pola súa familia, esta ilustración pódenos dar un adianto do contido do conto, xa que podemos ver a protagonista dunha cor diferente á dos demais. Na contracuberta podemos ver unha ilustración onde aparecen unhas flores e insectos variados, ademais dun pequeno texto que nos informa sobre a colección á que pertence (“En favor das nenas). No lombo aparece o título da obra, a autora, a ilustradora e a editorial. É unha historia dunha elefanta que vivía nunha manda cos seus pais. Na manda os elefantes son grises e libres mentres que as elefantas deben comer unhas flores determinadas para conseguir un color rosa caramelo e están privadas de liberdade. A nosa protagonista esfórzase e non o consegue, é recriminada e debido a isto decide marchar cara á liberdade que gozan os elefantes grises. Esta decisión de Margarida fará que todas as demais elefantas decidan facer o mesmo ca ela, gozando da súa liberdade co resto da manda.
Potencialidades: Esta historia baséase principalmente na non discriminación por razón de sexos, a liberdade e a igualdade, acompañada das ilustracións, que potencian a mensaxe do texto a base de figuras realistas e cores vivas. Aínda que tamén se tratan outras importantes cuestións como un superficial culto á imaxe ou unha crítica a unha sociedade que predestina o futuro dos seus individuos e os clasifica en función do seu xénero. A través deste conto podemos crear nos nenos/as un pensamento crítico que dará lugar a que se loite contra os estereotipos sexistas e a discriminación de sexos. Desta maneira pouco a pouco conseguirase cambiar a mentalidade da sociedade e construír un mundo máis coeducativo. A través da elefanta Margarida recréanse sentimentos onde se reflicten o malestar de que existan cores,xoguetes,xogos ou roupa que se clasifiquen en función do sexo.
Recursos:
- Teatro de marionetas realizado por “AMPA San José de Calasanz” https://www.youtube.com/watch?v=n1_TSzD8bno Data de consulta 8 de marzo de 2018
- Videoconto realizado por “Construyendo igualdad” https://www.youtube.com/watch?v=qqJx-a09dT8 Data de consulta 8 de marzo de 2018
- Videoconto realizado por “Cuentos infantiles por la igualdad” https://www.youtube.com/watch?v=NO3pwZMcV10 Data de consulta 8 de Marzo de 2018
Ningún comentario:
Publicar un comentario