Uxía (2013). Rosalía pequeniña. Ilust. Marina Seoane. Vigo: Editorial Galaxia, col. Sonárbore,
[28 pp.]. (ISBN: 978-84-9865-484-4). Libro acompañado por CD.
Descrición de formato e contido:
volume encadernado en cartoné, de tamaño rectangular (24 x 21 cm) e tapas duras. É un álbum ilustrado de carácter poético que pon en contacto precoz coa estrutura poética dende unha visión musical, literaria e plástica. Ofrece unha experiencia lectora que esixe a implicación do lector para a produción de sentido, regalando ilustracións alegres e coloridas, pintadas a acuarela. O contido do texto vai acorde coas escenas representadas (Por exemplo, o poema “Como chove miudiño” está plasmado no papel con nenos e nenas xogando baixo a chuvia).
Os textos das composicións musicais son, na súa maior parte, versións actualizadas dos poemas de Rosalía de Castro. A selección baséase nos máis coñecidos, que son empregados para dar a coñecer a esta autora fundacional da literatura galega aos máis novos, de aí que se adopte unha perspectiva próxima á infancia, para facela máis accesible ao público ao que vai dirixida (a nenos e nenas a partir de 0 anos).
con este libro pódese facer unha aproximación á cultura e a lingua galegas. Os poemas, integramente escritos nesta lingua, permiten mellorar a competencia comunicativa, en especial pola música que os acompaña. Ademais permiten coñecer a produción de Rosalía de Castro, unha das autoras máis coñecidas e afamadas de Galicia, cuxos poemas son unha peza fundamental na historia da literatura galega. As creacións da autora teñen unha mensaxe de rebeldía e loita dirixida ás mulleres da súa época, as cales só podían soñar con ser nais, esposas, enfermeiras… sen permitirlles moitas máis opcións. Traballar cos nenos/as este tipo de exemplos poéticos dan pé para concienciar da necesidade da igualdade entre xéneros. Ademais o traballo coa lírica é fundamental nas escolas, que teñen que saír das lecturas habituais de textos narrativos e comezar a aprender a interpretar a poesía, a emotividade, o ritmo, a cadencia sonora, as estruturas silábicas, a sonoridade e a musicalidade dunhas composicións convertidas case en himnos.
Recursos de interese:
Son de interese os vídeos musicais que se poden visualizar na canle de Sonárbore e que contan con miles de reproducións https://www.youtube.com/watch?v=DviI2zrdtJ0 (Consultado o 25/02/2018).
Ningún comentario:
Publicar un comentario