mércores, 14 de marzo de 2018

Mamá

Ruíz Johnson, Mariana (2012). MamáIlust. da autora. Sevilla: Kalandraka, col. Libros para soñar, [32 pp.]. (IBS:978-84-8464-828-4).

Breve descrición do formato e contido: libro ilustrado, de forma rectangular (18'5x25´5cm) e de pouco volume. Consta dunha cuberta e contracuberta de tapa grosa. Na cuberta aparece unha imaxe dun cativo coa súa nai ao pé dunha árbore e ao fondo un pequeno regato. O título da obra amósasenos no centro do libro en maiúsculas e pola contra o nome da autora aparece debaixo en pequeno. Na contracuberta o nome da editorial, Kalandraka. Consta dunhas gardas con moitos debuxos de plantas sobre un fondo amarelo, mentres que  na portada aparecen os protagonistas da historia (unha nai suxeitando ao seu fillo) co título do libro debaixo deles. 
As páxinas do seu interior son grosas e de textura suave, con imaxes sinxelas de cores vivas. Na parte superior de cada unha delas atópase un pequeno texto que nos relata a historia. Se seguimos pasando as follas xa nos metemos de cheo na historia onde o neno é o narrador. Vainos relatando que é a súa  nai para el. Como protagonistas secundarios aparecen diferentes tipos de animais: mamá osa e o seu fillo no ventre, as vacas e as súas crías, os paxaros, o leopardo, o crocodilo, o elefante tamén cos seus fillos/as.

Potencialidades educativas: é un libro  onde o amor materno é o elemento central, un canto á natureza das femias e á súa capacidade reprodutiva. Permite ensinarlle aos nenos e nenas a través dos elementos naturais as diferentes actitudes que mostra unha nai ante o seu fillo/a, é  dicir, o agarimo, o amor incondicional, os diferentes estados de ánimo ante as accións do descendente, tanto boa coma mala... 
Ao longo do álbum recréanse  diferentes ambientes onde se sitúan os dous protagonistas. En cambio o argumento da obra xira arredor do mesmo tema: a relación materno-filial, os coidados dende o inicio do embarazo, o alumbramento ata  cando o/a neno/a é adolescente e cando este/a é adulto/a.  

1 comentario:

  1. Paréceme unha lectura moi interesante para infantil. Traballar coa figura da nai tan ben como se describe nesta obra, explicandolle así aos nenos e nenas o amor e o cariño que ten unha nai cara o seu pequeno.
    Moi boa escolla e traballo!

    ResponderEliminar