Battut, Éric. (2014).
La noisette. Ilust. do
autor. Paris: Didier Jeunesse, col. Les PEtits Didier, [23 pp.]. (ISBN:
978-2-278-07602-4).
Breve descrición e contido da obra: libro ilustrado de 16x16 cm de tipo
narrativo en lingua francesa. A cuberta e a contracuberta son de tapa branda.
Na cuberta aparece o título en letra minúscula, en cor negra, sobre un fondo
amarelo. Ao lado do título, aparece o protagonista principal da
historia, Souris Verte, portando unha abelá mentres se está lambendo, o que nos
proporciona xa unha pista do argumento da historia. O protagonista está
colocado fronte ao título, mirando cara á esquerda, de modo que a figura da
abelá queda xusto ao carón da palabra que a representa. Na contracuberta pódese
observar un breve resumo da historia ao carón de Souris Verte, saltando enriba
da abelá, tamén sobre un fondo amarelo. A portada é a mesma que a cuberta sobre
un fondo branco, onde aparecen ademais os créditos.
As ilustracións
son de tipo figurativo, xa que representan a realidade. Os animais preséntanse
sobre un fondo branco de forma animada mediante debuxos con cores vivas que semellan
feitos á técnica de rotulador. Nas páxinas impares aparecen os animais
encadeados uns enriba doutros, mentres que nas páxinas pares aparece o animal
que se vai unir á cadea. O argumento baséase na historia dun pequeno rato verde
que encontra unha abelá. O seu desexo é comela e para iso é necesario abrila.
Decátase de que el só non é capaz, polo que solicita axuda doutros animais para
saltar enriba dela. Finalmente descobren que dentro da abelá vive alguén e
consideran que o máis acertado é pedirlle desculpas polas molestias causadas.
As ilustracións
acompáñanse con texto que se distribúe maioritariamente sobre as páxinas pares,
aínda que tamén nalgún caso nas páxinas impares. Consta de repeticións ás que
se van sumando os distintos animais pouco a pouco, seguindo a mesma estrutura
ata que o habitante da abelá aparece (“Le lion, le zèbre, le lapin, la tortue
et Souris verte sautent, sautent sur la noisette. Ils ont beau sauter, la
noisette ne veut pas se casser”).
Potencialidades educativas: destaca neste conto
a solidariedade, o traballo en equipo e a axuda, así como a capacidade e a
importancia de pedir desculpas. Ás veces non somos conscientes de que podemos
estar molestando a alguén, por iso cando ocorre, é preciso saber desculparse. Ademais,
permite que o lector poida familiarizarse con distintos animais e o froito da
abeleira (asociación de froito coa árbore froiteira) en lingua francesa coa
axuda dea repeticións, que dan musicalidade e facilitan a memorización dos conceptos.
Recursos de interese:
·
Contacontos: Médiathèque Loudun: “La noisette” (06/06/2014) en https://www.youtube.com/watch?v=6Nk6k0rxpYo (Consultado o 21/02/2018)
·
Fichas para imprimir e colorear: Didier Jeunesse. “Les coloriages
de Éric Battut” en Didier Jeunesse http://www.didier-jeunesse.com/parents-enfants/coloriages/?illustrateur=eric-battut-coloriages (Consultado o
21/02/2018)
Ningún comentario:
Publicar un comentario