luns, 2 de abril de 2018

Teño medo!




Bowley, Tim (2013). Teño medo! Ilust. Alicia Baladan, trad. María Luisa Núñez Álvarez. Pontevedra: OQO Editora, [36 pp.] (ISBN: 978-84-9871-444-9).

Descrición do formato e contido da obra: é un álbum ilustrado de forma cadrada e de tapa grosa e dura, o que lle permite unha mellor manipulación aos nenos e nenas. A obra conta cunha cuberta na que se atopa un neno agochado detrás dun adulto, mentras mira a un cangarexo con cara de medo, o que nos indica que a historia pode estar situada nunha praia. Ao mesmo tempo o título xa nos indica o que acontece e o que pode ocorrer durante o contido da obra. As ilustracións son relevantes na obra, posto que complementan e amplían ao texto. Ademais, a través da linguaxe visual é moito máis doado para un neno ou nena descubrir o que acontece mediante as imaxes. A ilustradora realiza un xogo coas imaxes; por un lado, debuxos que representan escenarios e personaxes recoñecibles e, por outro, os que representan os medos dunha forma esaxerada, dándolle desta maneira credibilidade ao medo do neno. En canto a técnica utilizada, os primeiros debuxos foron realizados a trazo con tinta china, pero a medida que avanza o contido da obra introdúcese a cor, alternando imaxes orixinais a lapis e témperas. O contido da obra céntrase nun neno que estaba sentado co seu avó mirando o mar desde unha rocha. O neno queixábase de que non lle gustaba esa rocha, xa que podía aparecer un barco pirata polo hirzonte. Tiña medo.

Potencialidades educativas: esta obra é unha historia acompañada con ilustracións que reflicten a emoción do medo por enriba de todo. É importante traballar as emocións cos máis pequenos. O medo é un mecanismo de autoprotección moi útil no crecemento psico-emocional dos nenos e nenas, por iso este libro intentará axudar aos máis pequenos a superar os seus medos. O que nos transmite a obra é que non debemos ignorar nin negar a súa existencia, senón que hai que axudalos a combater o medo, como fai o avó do neno no conto. A familia é un dos piares máis importantes para o noso desenvolvemento en todos os ámbitos da nosa vida.

Recursos de interese:
· Blog de contos de medo chamado “soñando cuentos”: http://sonandocuentos.blogspot.com.es/2013/03/tengo-miedo.html. Publicado o 19-03-2013 (visto o 15-03-2018).
·         Fernández Etreros, Carmen (2013). “¡Tengo miedo! De Tim Bowley”. Pizca de papel. Web especializada en Literatura Infantil y Juvenil. En: http://elblogdepizcadepapel.blogspot.com.es/2013/11/tengo-miedo-de-tim-bowley.html (consultada o  15-03-2018).

Ningún comentario:

Publicar un comentario