luns, 2 de abril de 2018

Sígueme (unha historia de amor que non ten nada de raro)





Campanari, José (2007), ¡Sígueme! (unha historia de amor que non ten nada de raro), ilust. Roger Olmos, trad. Marisa Núñez. Pontevedra: OQO Editora, col. O, [48 pp.]. (ISBN: 978-84-96788-04-6).

Breve descrición do formato e contido:  álbum ilustrado de tapa dura. A cuberta con cores vivas e alegres presenta ao protagonista da historia sentado suxeitando unha rosa na trompa. A contracuberta representa unha cinta métrica de costura cunha folla, que emula á que a formiga usa para escribirlle ao elefante: Sígueme! As ilustracións realizadas por Roger Olmos, orixinais, alegres, divertidas e moi coloridas recrean espazos irreais e surrealistas que complementan e enriquecen o relato de José Campanari, no que se transmite unha historia de amor sen prexuízos, libre de estereotipos, na que expresa a diversidade e o amor sen recelos: un elefante gris con lunares morados namórase dunha formiga negra con cintura de avespa. Ámbolos dous se aman e a formiga emprende un longo camiño ao que invita ao elefante a seguila. Este non dubida en facelo e seguea para acabar vivindo xuntos o seu amor nun caracol mariño que está dentro dunha botella, situada na beira dun camiño,  no fondo dunha cesta da costura que está no cuarto da formiga, localizado  nun formigueiro  no medio da selva.


Potencialidades: con esta divertida historia do elefante de lunares e da formiga con cintura de avespa pódese traballar o concepto do amor e a diversidade  coas cativas e cativos, así como as  emocións, reflectidas especialmente polo elefante da historia, que dependen dos sucesos que van transcorrendo.. Coas ilustracións favorécese a imaxinación e a creatividade das nenas e nenos, sendo estas totalmente irrealistas e inverosímiles.

Recursos de interese: a obra narrada por alumnas/os do CEIP Carriona-Miranda, amenizada con debuxos realizados polas nenas e nenos das ilustracións do conto. Enlace: https://www.youtube.com/watch?v=u9TZFryrzAI (Visto a 21/03/2018).

Ningún comentario:

Publicar un comentario