luns, 2 de abril de 2018

Mis pequeñas alegrías


Witek, Jo (2016). Mis pequeñas alegrías. Ilust. Christine Roussey, trad. Virtudes Tardón. Madrid: Editorial Bruño, col. Sello Cubilete, [30 pp.]. (ISBN: 978-84-696-0569-1).


Descrición do formato e contido da obra: álbum ilustrado de forma cadrada e de tapa dura e grosa. Na cuberta aparece o título en letra grande enriba dunha estrela troquelada e rugosa, mentres que debaixo aparece a nena protagonista sorrinte e mirando cara á estrela. A súa expresión engade interese e abre expectativas tanto para  os nenos e nenas coma para os adultos, incitando a que entremos no libro. Na contracuberta aparece o debuxo da protagonista facendo o xesto de gardar un segredo xunto con outros debuxos representativos da obra como son a casa, a cereixa e a estrela e tamén cun breve resumo da historia. As gardas son amarelas e vermellas, respectivamente, e con debuxos de pequeno tamaño que  remiten cara á historia. Xa na portada aparece  a estrela da cuberta con aspecto rugoso, de cor amarela e con brillantina. No interior as  ilustracións resultan preciosistas e tenras. Configuradas a dobre páxina, van acompañadas dun breve texto e presentan uns trazos sinxelos que dan a sensación de ser debuxos feitos a lapis e coloreados con rotuladores con cores cálidas e suaves, o que crea un efecto harmónico no conxunto. As solapas forman parte das ilustracións onde podemos atopar agochadas todas as alegrías que sente a protagonista, o que converte o álbum nun libro interactivo e dinámico. Esta obra é a historia dunha pequena nena á que un día a súa avoa lle di que xa é maior e lle regala unha caixiña moi bonita para que nela garde os seus tesouros, e así cada noite abrila e poder sorrir. En cada páxina imos descubrir cada unha desas cousas importantes para ela dunha forma máxica e diferente.

Potencialidades educativas: é unha obra centrada nas emocións e nos sentimentos dos máis pequenos que serven para traballar a súa intelixencia emocional, polo cal é unha ferramenta esencial para proxenitores e mediadores para  educar á vez que os máis pequenos se entreteñen. A nena protagonista ensínanos a valorar todo aquilo que temos ao noso redor, as pequenas cousas do día a día, pois na historia o que a rapaza garda na súa caixa de tesouros non son xoguetes nin obxectos senón  sentimentos, como saltar nos charcos, a ledicia de ver crecer a súa irma ou os bicos dos seus pais. Isto permitiranos preguntarlle a nenas e nenos que gardarían eles nesa caixiña, que é o que máis valoran da súa vida, que é o que lles fai estar alegres ou tristes etc.

Recursos de interese:
·   Contacontos bilingüe por parte de Dulcinea, que tivo lugar en Granada no ano 2017 xunto con manualidades do propio conto http://www.minigranada.com/evento/dulcinea-cuentacuentos-bilingue-mis-pequenas-alegrias/ (Visto o 27-03-2018).

Ningún comentario:

Publicar un comentario