luns, 2 de abril de 2018

Pakolas



Cerdeira, Paco (2017). Pakolas. Ilus. Laura Romero. Vigo: Galaxia, Col. Sonárbore, [24 pp.]. (ISBN: 978-84-9151-084-0).

Descrición do formato e contido da obra: álbum ilustrado de formato rectangular,(24x 21cm) e tapas duras. Na cuberta pódese observar unha camisa que conforma o fondo, na marxe superior esquerda aparece o título da obra acompañado do nome do autor; na marxe dereita, a imaxe dun CD que contén cancións presentes na obra; no centro aparece un rato e unha guitarra dentro do peto da camisa. O feito de aparecer este instrumento débese a que o estilo das cancións da obra son rock and roll. Ademais, aparecen diversos animais esparexidos pola cuberta, posto que cada canción presenta relación cun animal diferente. Na parte inferior, móstrase o nome da ilustradora e a colección deste. Na contracuberta aparece unha breve descrición da obra e o nome da editorial. Adornando a camisa, que contén o peto que aparece na cuberta, pódense ver un par de animais. As gardas son iguais, presentando  tanto ao comezo como ao final unha ra e unha mosca.
No interior da obra, descóbrese que é de carácter poético, coa intencionalidade de poñer en contacto coa estrutura lírica aos nenos e nenas dende unha visión musical e literaria. As ilustracións, de tipo figurativo, son orixinais, alegres e coloridas e imitan a pintura de acuarela. A súa función é recrear o que transmiten as letras das cancións, cuxos títulos presentan tipografías de maior tamaño e en letra maiúscula. Destacan o xogo de palabras e as rimas en cada unha das composicións, propio da linguaxe musical e do marcado ritmo das composicións.
Potencialidades: Con esta obra pódese traballar a competencia lingüística e a dicción, xa que o Colexio Profesional de Logopedas de Galicia colaborou na súa elaboración. Deste xeito, convértese nun recurso de grande apoio para os nenos e nenas para poder reforzar esta competencia. Ademais, pódese traballar: os animais e o medio no que viven, as cores presentes en toda a obra, os ritmos podendo entoar as pezas con distintas velocidades e o baile facendo diferentes coreografías. Por último, tamén se traballa a transmisión de valores familiares a través da identificación de familias de animais comparándose coas propias familias de cada neno e nena.

Recursos:



Ningún comentario:

Publicar un comentario