Carrasco Inglés, Aitana (2006). Ramona la mona. Ilustr. da autora. México: Fondo de Cultura Económica, col. Los Especiales de A la orilla del Viento, [33 pp.]. (ISBN: 968-16-8026-X).
Breve descrición do formato e do contido da obra: álbum ilustrado literario que combina diversas historias da vida cotiá. Este libro está escrito en castelán e ten unhas dimensións de 21 x 27 cm. A encadernación é de cartoné, polo que as tapas son duras. A ilustración que hai na cuberta e na contracuberta é continua, xa que vemos a Bruno xogando coa súa irmá. En canto ao corpo do libro, as ilustracións son a toda páxina e acompañan ao texto en todo o momento, están feitas con trazos ben marcados e destacando os fociños dos personaxes. Son en cores vivas e fortes. O texto é moi sinxelo e está en cor negra ou branca, en función do fondo no que estea escrito.
Bruno, o narrador/protagonista da historia, é un neno que nos conta como foi variando a súa familia co paso do tempo. Ao principio da historia eran 11 vivindo na casa: os avós, os seus pais, 5 peixes laranxas, un gato e Bruno. Aos poucos días morreron os cinco peixes e mercáronlle dous periquitos (Piojo e Lechuga) pero houbo outra baixa na casa porque o avó de Bruno faleceu de pulmonía. Ao día seguinte, a nai de Bruno díxolle que ía ter unha irmá e foi el quen lle puxo o nome de Ramona, en honor ao seu avó Ramón. Cando Ramona naceu e chegou á casa, Bruno púxose celoso porque os seus pais só estaban pendentes de Ramona e non lle facían caso. Co paso do tempo, a irmá de Bruno foi medrando e foron desaparecendo os celos e a relación como irmáns mellorou notablemente.
Potencialidades educativas: mediante este conto pódese tratar o paso do tempo e os cambios que afectan ás familias, especialmente no referido á morte e ao nacemento (morte dos peixes e do avó, nacemento da irmá, regalo dos paxaros). Por outro lado, tamén se pode tratar o tema dos celos, que Bruno sente co nacemento da irmá. Durante a lectura, obsérvase que as cousas ocorren cada día da semana, por isto tamén se pode traballar a aprendizaxe dos nomes dos días. Tamén aparecen os números e sumas e restas, polo que a lectura se pode aproveitar para iniciar aos nenos e nenas nos conceptos matemáticos. Outro recurso que presenta esta obra é o xogo coas combinacións silábicas que representan os nomes dos peixes (Gla, Gle, Gli, Glo, Glu), que permite traballar a conciencia fonolóxica e a iniciación á lecto-escritura.
Recursos educativos:
Videoconto: Programa de Fomento a la Lectura Letras Andantes LEA (2015). “RAMONA LA MONA” en Youtube https://www.youtube.com/watch?v=fAerRL7PkOE (consultado o 17/03/18).
Stop motion: Perez, Giovanni (2014). “Ramona la mona, stop motion” en Youtube https://www.youtube.com/watch?v=vEMGtsjgQKs (consultado o 17/03/18).
O libro en imaxes: Ginasua (2011). “Ramona la mona” en SlideShare https://es.slideshare.net/ginasua/ramona-la-mona-7718338 (consultado o 17/03/18).
Ningún comentario:
Publicar un comentario