Litchfield, David (2017). O xigante secreto do avó. Ilust. David Litchfield, trad. Raquel Senra. A Coruña: Hércules de Ediciones, [32 pp.]. (ISBN: 978-84-946502-7-7).
Descrición breve do formato e contido da obra: álbum ilustrado narrativo en lingua galega. A cuberta e a contracuberta son de tapa dura. Na cuberta aparece o debuxo dun xigante, de Billy e do seu avó, as personaxes principais da historia. O título encóntrase na parte superior da cuberta en letras maiúsculas, brillantes e destacando a palabra “xigante”. Nas primeiras gardas aparece unha vila coas súas casiñas e todo isto cunha cor escura como se fora de noite, nas gardas do final vemos ao xigante camiñando por unha vila con luces e con cores máis vivas. O texto está composto por frases sinxelas que mesturan narración e diálogo. A historia trata a relación dun neno chamado Billy e do seu avó, quen lle conta a historia dun xigante que axuda aos que o necesitan. Porén o rapaz cre que se trata dunha invención do avó, que en realidade o xigante non existe e non se fía do que o ancián lle transmite. Porén, cando están a facer un mural e non consegue pintar a parte máis alta, Billy descobre sorprendido que o xigante está a pintar ese mural ás agochadas de todos. A razón de que o faga así é porque o xigante axuda aos demais en silencio e sen chamar a atención, xa que as cousas que son diferentes asustan á xente desa aldea e ao velo os veciños corren e berran. A historia remata co xigante sendo amigo de Billy e completamente integrado na aldea coma un veciño máis.
Potencialidades educativas: é un álbum ilustrado que permite facer unha lectura en clave de diálogo interxeracional. A historia pon en valor a importancia de coñecer e respectar a sabedoría que atesouran os maiores, a relevancia da imaxinación nas nosas vidas e tamén na aprendizaxe dende a máis tenra infancia. A través da lectura desta obra tamén se aborda a diversidade, o importante que é ser aceptado, xa que todos somos diferentes e é iso o que nos fai ser especiais e únicos, polo que debemos aceptarnos tal e como somos. Ponse en valor tamén a amizade e a importancia que ten aceptar aos demais sen prexuízos.
Recursos de interese:
• Curtametraxe “El valor de la amistad”: https://www.youtube.com/watch?v=FannW447MgU&t=120s (consultado el 18/03/18)
As miñas compañeiras de grupo (Laura, Lucía, Elena e Uxía) e mais eu, consideramos de moi boa calidade esta proposta que fai a nosa compañeira Laura Masid e coincidimos con ela na importancia que ten a sabedoría dos maiores e o sinxelo que é axudar aos demáis sen esperar nada a cambio.
ResponderEliminar