luns, 2 de abril de 2018

Grisela



 

Vries, Anke 2001). Grisela. Ilus.Willeum Min, trad. Arianne Faber e Pilar Martín, Pontevedra: Kalandraka, col. Demademora, [32 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-284-8).



Breve descrición e contido da obra: libro ilustrado con forma cadrada. Na cuberta atópase o debuxo dunha ratiña gris pintándose de cores: de cor branca as pernas e os brazos, o corpo de cor verde con puntos vermellos, as orellas de vermello e amarelo, mentres se mira nun espello. As páxinas son grosas e de textura suave. Despois da páxina de título de créditos, a modo de garda, aparece de novo a protagonista en actitude que nos anticipa que é o que vai acontecer e quen é a protagonista desta obra. Ao pasar a folla entramos de cheo na historia de Grisela, unha ratiña, que se sente triste, tan triste coma a cor da súa pel e pensa que cambiando o seu aspecto se sentirá mellor, polo que toma a iniciativa de coller unha brocha e poñerse mans á obra. Píntase de tantas cores como pode, pensando que quedará bonita. Unha vez rematado todo decide saír á rúa e observar a reacción dos demais, pero a reacción  non é a esperada, xa que os animais comezan a burlarse dela. Grisela, triste e decepcionada por non verse fermosa, decide meterse no río para sacar toda a pintura que recubría o seu corpo. Deste modo, os demais descobren a fermosa pelaxe gris que ten Grisela, o que provoca o alborozo de todos e a alegría da ratiña.
Potencialidades: é un conto sinxelo, pero cunha mensaxe moi clara, que é a importancia de ser un mesmo e valorarse tal e como se é. Tamén permite reflexionar sobre a importancia de non deixarse levar polo que os demais digan e a non facer caso das burlas e críticas  que poden facer que se teña baixa autoestima. A través deste conto preténdese ensinar aos nenos e nenas máis pequenos que aínda que moitas veces teñamos ganas de ser outra persoa, a verdadeira felicidade se atopa no noso interior e cando a descubrimos somos moito máis fermosos do que pretendemos ser.

Ningún comentario:

Publicar un comentario