luns, 2 de abril de 2018

O paseo do elefante



Nakano, Hirotaka (2015). O paseo do Elefante. Ilust. do autor. Trad. Suevia Sobral Santiago. .Madrid: Latas de Sal, col. Vintage, [32 pp.]. (ISBN: 978-84-943696-3-6).


Breve descrición do formato e contido: é unha historia clásica xaponesa que pasou de xeración en xeración e atopamos nun álbum ilustrado de tapas duras. Cuberta e contracuberta forman unha imaxe única dos seus protagonistas: un elefante que carga nas súas costas cun hipopótamo, un crocodilo e unha tartaruga. Os debuxos son moi sinxelos, planos e con pouca variedade de cores. O texto tamén destaca pola súa sinxeleza, son frases moi curtas, a maioría diálogos dos personaxes. A historia iníciase nun fermoso día no que o Elefante, protagonista da historia, está moi animado e decide saír a dar un paseo. Polo camiño atopará algúns dos seus amigos e estes pediranlle que os suba no seu lombo para continuar a expedición. O final sorprende ao lectorado.

Potencialidades: pese a ter un texto e unhas ilustracións moi sinxelas, é unha obra moi acaída para a iniciación á lectura. Ademais de amosarnos animais salvaxes e asociar as súas relacións e características (como por exemplo cal é máis grande ou máis pesado) tamén nos amosa o traballo cooperativo e a importancia da amizade e de ter bos amigos cos que gozar dun bo paseo (literal e figuradamente). En nenos e nenas de máis idade tamén podemos traballar a asertividade e a importancia de aprender a dicir non cando non poidamos ou non queiramos facer algo, aínda que a persoa que nolo pida sexa o noso amigo ou amiga.

Recursos en liña:

Ningún comentario:

Publicar un comentario