martes, 3 de abril de 2018

Selva / Cores





Gallaway, Fiona (2015). Selva. Animais. Deseño: Claire Munday. Vigo: Engaiolarte Edicións, col. Toca Toca, [12pp.]. (ISBN: 978-84-9423-885-7).

Gallaway, Fiona (2015). Cores. Animais. Deseño: Claire Munday. Vigo: Engaiolarte Edicións, col. Toca Toca, [12pp.]. (ISBN: 978-84-9423-887-1).

Breve descrición do formato e contido da obra: álbums ilustrados de tipo divulgativo e expositivo. O formato dos libros é cadrado, de pequeno tamaño, de cantos redondeados e de cartoné. Na cuberta observamos unha mesma estrutura: o título sitúase na parte superior co mesmo formato e cada letra nunha cor diferente. A imaxe principal é a dun animal (neste caso un camaleón e un tigre) en relevo, o que favorece a interacción do neno/a co conto. As ilustracións son figurativas, con relevo e cores vivas. Cada páxina presenta unha escena diferente, incidindo textual e visualmente no concepto que se quere transmitir. No volume Cores cada unha das cores que aparecen (amarelo, vermello, verde, azul, laranxa, púrpura, rosa e gris)está representada por un animal diferente, caracterizado con expresións alegres e que busca a empatía co lectorado agardado. Os animais ocupan a maior parte do espazo e van enmarcados por unha franxa da cor que se traballa para reforzar a adquisición do concepto. Na última páxina recóllese toda a gama favorecendo a memorización dos conceptos traballados ao longo do volume. De características similares é o volume a Selva no que se representa a cada animal no seu hábitat. Dependendo da forma do debuxo, o termo aparece nun lugar determinado (xeralmente na parte superior ou inferior). Na última dupla páxina final recóllese a todos os animais compartindo espazo que favorece a recapitulación dos conceptos aprendidos e propicia a recreación dunha historia común.

Potencialidades educativas: álbum interactivo cuxo formato está pensado para a interacción táctil de nenas e nenos que poden experimentar percibindo as diferentes texturas que configuran cada unha das representacións dos protagonistas. O pequeno formato favorece a manipulación dende idades tempranas e favorece a súa estimulación sensorial, en concreto do tacto e da vista. As imaxes e palabras simples permiten coñecer aos nenos de forma sinxela conceptos como as cores e os animais. Este tipo de libros son ideais para que os máis pequenos se familiaricen coa lectura.

Recursos de interese:
Outros libros similares da colección toca-toca da Editorial Combel: https://www.combeleditorial.com/es/coleccion/toca-toca (Consultado o 23/03/2018).

Ningún comentario:

Publicar un comentario