luns, 9 de abril de 2018

O libro dos medos





Canosa, María (2016). O libro dos medos. Ilust. Olaya Naveira. Santiago de Compostela: Bolanda, [42 pp.]. (ISBN:978-84-617-4510-4).

Descrición do formato e o contido: álbum ilustrado de cartoné,de carácter poético e cunhas dimensións de 21,5x27 cm. Na cuberta aparecen un neno e unha nena abrazados e sorrindo sentados no brazo dunha figura abstracta que podería ser o medo. Na contracuberta atópase a mesma figura abstracta erguida a carón do mesmo cativo, cun saco que podería representar os medos. Nas primeiras gardas aparece un can que busca a complicidade dunha nena que está chorando para xogar. Nas gardas traseiras atópanse dúas nenas felices mentres debuxan, máis un mexacán que acompaña á protagonista durante a historia; un posible significado deste símbolo é que axuda a protagonista a espantar a medo cada vez que sopra os seus pistilos. O seu contido divídese en cinco bloques cuxo elo son os medos infantís, nuns casos, a elementos da contorna asociados coa noite, noutros casos aos animais, aos médicos, pallasos e a seres simbólicos. Antes de comezar cada secuencia, hai dúas follas de transición nas que aparece unha mancha negra (que fai referencia ao medo), unha nena (que semella facer fronte aos seus medos) e unha estrofa dun poema de diferente autores galegos acorde á temática que se traballa en cada bloque.


Nas ilustracións minimalistas predominan cores apagadas, sobre todo branco, negro e gris e están debuxadas a lapis. As imaxes caracterízanse polo seu estilo figurativo, configurando unha unidade imaxe /texto a dobre páxina. O ilustrador xoga a representar os debuxos dos medos en follas de cadernos.As personaxes son expresivas e reflicten o terror que senten en cada momento. En canto ao texto é de carácter literario poético e cada un dos poemas trata sobre diferente medos que teñen os nenos/as e que poden ir superando pouco a pouco.

Potencialidades: A principal potencialidade é traballar  os medos dos cativos/as, á vez que se lle dan estratexias para poder ser superados. Nun primeiro momento, podemos preguntar a que lle teñen medo; despois leriamos o libro e, a medida que se vai contando, poderiamos preguntarlles se eles/as tamén lle teñen medo ao mesmo que o que acontece na historia. Sería oportuno ter mexacáns para todos os nenos/as e así utilizalos coma a protagonista do libro, para liberarnos dos nosos medos.
Por tratarse dun álbum poético permite aos nenos/as achegarse ao xénero literario da poesía, algo máis esquecido na literatura infantil. Este carácter da obra facilita traballar a rima e o xogos de palabras. Ademais a estrutura dos diversos poemas que o compoñen axudan a que os nenos/as os memoricen e poidan afrontar os seus medos ao recitalos ou recordalos. Así mesmo, ao ser pezas breves e sinxelas fáciles de memorizar, posibilitan desenvolver habilidades de expresión (mellorar a súa pronunciación e vocalización) e comprensión oral (adquisición de novos conceptos e vocabulario).

Recursos:
Díaz, A. (2018). Bibliopazos. Recuperado de https://bibliopazos.blogspot.com.es/2018/01/o-libro-dos-medos.htmla a 2 de Abril do 2018.Recensión do libro.
Villar,H. (2016). Caderno da crítica. Recuperado de https://cadernodacritica.wordpress.com/2016/12/29/o-libro-dos-medos-de-maria-canosa/ a 2 de Abril do 2018. Recensión do libro.
Sitio web do libro recuperado de http://www.bolanda.es/olibrodosmedos/ a 2 de Abril de 2018.

Ningún comentario:

Publicar un comentario