luns, 19 de marzo de 2018

Os tres porquiños




Méndez, Raquel (2008). Os tres porquiños, ilust. Helga Bansh, Pontevedra: OQO editora, [29 pp.] (ISBN: 978-84-9871-050-2).
                                         
Breve descrición do formato e o contido: álbum ilustrado baseado nun conto popular de formato cadrado (25x24 cm) cunha cuberta dura de cartoné. Tanto a cuberta como a contracuberta teñen un fondo ocre, onde aparecen no bosque, por un lado, os tres porquiños tremendo co medo, e, polo outro, o debuxo do lobo agochado entre as árbores. Na garda dianteira e na traseira aparecen debuxados tulipáns de cor vermella sobre un fondo da mesma cor. Nesta obra destaca tanto a simboloxía dos personaxes, como as accións que realizan e o posterior desenlace, metáforas do proceso de crecemento e desenvolvemento da personalidade dende que somos cativos.
O seu texto é repetitivo (tocar na porta de cada casa, o diálogo entre os porquiños e o lobo ao chegar á casa de cada un deles e o lobo soprando para derrubalas ) e xoga coa rima, creando un texto áxil, divertido e moi fácil de memorizar polos nenos/as, con numerosas onomatopeas e sons, o que permite que eles mesmos participen. En canto ás ilustracións, son a dobre páxina e utilízanse elementos propios dos seres humanos, como roupa ou lentes, o que aporta un ton humorístico a toda a obra. Son realistas á vez que divertidas, acompañando moi ben o relato, no que se xoga  cos ollos e os primeiros planos para darlle un toque máis dramático á historia. Hai pequenos detalles que enriquecer cada imaxe. Priman os tons pasteis. Polo xeral, as páxinas mostran fondos de tons ocre onde aparecen os personaxes e diferentes elementos da contorna. Son cores cálidas e moi matizadas que aproximan a unha historia coñecida. As gardas están pensadas para este álbum, cun deseño propio, cheo de flores e a cuberta amosa unha ventá dende onde saúdan os tres porquiños. As imaxes son sempre composicións a dobre páxina nas que se incorpora o texto, variando a grafía segundo quen fale. Nalgunhas páxinas os berros do lobo están impresos nunha grafía máis grande que se estende pola páxina e se fai moi visíbel. As composicións están centradas nos protagonistas con referencias ao contorno, con árbores no exterior e con detalles das habitacións das casas dos porquiños. No tratamento das imaxes aprécianse características pictóricas nas mesturas, veladuras, pinceladas soltas sobre diferentes bases: lisas, con anacos de periódico, de cartóns ou de papel engurrado. As cores que predominan son cálidas: beiges para os fondos, grises cálidos, ocres, brancos rotos, etc. con toques de laranxas e vermellos. A secuencia de imaxes presenta unha historia sinxela, na cal a configuración dos personaxes -con actitudes de persoas- resulta atractiva para os nenos, e consegue crear unha narración fluída grazas ao conxunto que forman texto e imaxes (Roig, 2009).

Resultado de imagen de os tres porquiños oqo

O seu contido reflicte a historia de tres porquiños que vivían no medio do bosque e que, un día, escoitaron que por alí andaba un lobo feroz, polo que decidiron facer cada quen unha casiña para protexerse. O porquiño máis novo, que non tiña moitas ganas de traballar, fixo unha casa de palla; o mediano, que traballou algo máis, fíxoa de madeira, e o máis vello, que traballou moito para construír a súa casa, fíxoa de ladrillo. De súpeto, o lobo chegou á casa do primeiro porquiño e preguntou: - Abre porquiño, que te quero ver.- Ao que o porquiño lle dixo:- Non abro non, que me queres comer!- -pois, se non abres a porta, soprarei e soprarei e a casa derrubarei!-,  e o lobo púxose a soprar ata que derrubou a casa do porquiño máis novo, tendo que escapar cara á casa de seu irmán mediano; isto ocorre de novo na casa de madeira,  fuxindo os dous irmáns á casa do mais vello, a casa de ladrillo. Unha vez aló, o lobo tratou de derrubala soprando pero, exhausto de intentalo e non logralo, decidiu gabear ata o tellado e entrar pola cheminea; foi entón cando os porquiños o sentiron e puxeron un pote de auga ao lume, polo que, cando o lobo se meteu pola cheminea queimou o cu e saíu correndo, sen volver nunca máis a molestar os tres irmáns.

Potencialidades educativas
Trabállanse aspectos do currículo como son tamaños (grande, mediano e pequeno) ou posicións (arriba e abaixo).
 A súa estrutura de repeticións provoca que os nenos/as memoricen partes da historia e permite que queiran participar, anticipando o que vai ocorrer.
O álbum presenta unha forma fácil e divertida, con imaxes visuais, o que facilita a súa comprensión sen necesidade da lectura do texto.
As ilustracións amosan perfectamente o medo e angustia que senten os personaxes, o que axuda a que os nenos empaticen con eles.
Fomenta o valor do esforzo e do traballo planificado e ben feito, xunto co inxenuo e a habelencia para resolver os novos problemas segundo van ocorrendo.
Dáselle importancia á amizade, a ser solidarios e cooperar para superar problemas da nosa vida. Os tres porquiños simbolizan a evolución e o progreso do ser humano desde a inmadureza á súa condición de adulto, para aprender a manexar os conflitos de maneira intelixente, sendo o neno/a o que debe sacar as súas propias conclusións trala lectura do conto.

Recursos
· Adaptación en rede por Sandra Oliveira. Recuperado de https://www.youtube.com/watch?v=njOhY_IaeM0  a 12 de Marzo do 2018
· Libro carrusel do conto clásico adaptado por Carmen Gil. Recuperado de  https://www.infantilandia.es/cuentos-clasicos/1219-los-tres-cerditos-libro-carrusel.html a 19 de Marzo do 2018
·       Videoconto desta edición con música de Koi en Kojiki, de Kitaro (Geffen), narrado por Sara Iglesias. Recuperado de https://www.youtube.com/watch?time_continue=15&v=7sWVMS-szjI a 12 de Marzo do 2018.
·      Roig Rechou, Blanca-Ana (2009). Informe de literatura 2009. Santiago de Compostela: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Recuperado de http://www.cirp.gal/rec2/informes/informes.html (consultado o 16/03/2018)

Ningún comentario:

Publicar un comentario