luns, 19 de marzo de 2018

O coelliño branco


Resultado de imagen de o coelliño branco
Ballesteros, Xosé, (adapt.) (2015). O coelliño branco. Ilust. Óscar Villán. Pontevedra: Kalandraka, col. Os contos do trasno,[26 pp.] (ISBN: 978-84-8464-548-1).

Breve descrición do formato e o contido: álbum ilustrado adaptado por Xosé Ballesteros a partir dun conto popular portugués galardoado con numerosos premios, como o Premio Nacional de Ilustración no ano 1999. Presenta un formato cadrado (22x22 cm) cunha cuberta de cartoné. Tanto a cuberta como a contracuberta teñen un fondo morado, onde, por un lado, aparece o protagonista da obra: o coelliño branco e, polo outro, o debuxo da formiga. Na garda dianteira, sobre un fondo morado, aparecen na parte superior as grandes orellas entrelazadas do coelliño e, na garda traseira, na parte inferior, as patiñas da formiga.
Destaca o seu texto polo xogo coa rima, que lle imprime un carácter áxil áxil, divertido e moi fácil de memorizar polos nenos/as, xa que a estrutura vaise repetindo ó longo de toda a narración.
As ilustracións que aparecen neste conto son realistas á vez que divertidas, acompañando moi ben o relato, transmitindo o que acontece sen necesidade da lectura do texto, podendo seguir ben a historia simplemente por medio das imaxes. As personaxes e 
ambientes aparecen sobre un fondo de cor morado, con cores rechamantes. Tamén se xoga cos tamaños e proporcións desmesuradas para destacar certos trazos dos personaxes, o que chama realmente a atención. A técnica empregada (témpera) aporta carácter e orixinalidade aos debuxos.
Resultado de imagen de o coelliño branco


No referido ao contido, a historia trata dun coelliño que, tras ir buscar coles á súa horta para facer un caldiño, volve á casa e atópase coa Cabra Cabresa, unha cabra moi grande que non lle deixa entrar e que lle di “- Eu son a Cabra Cabresa, e se non marchas, sáltoche por riba da cabeza-”. Nese momento, o coelliño emprende a súa aventura na procura de alguén que lle axude. Polo camiño vaise atopando con diferentes animais, pero ningún se atreve a plantarlle cara á Cabra Cabresa. Finalmente, encontra unha formiga do máis valorosa que logra que a cabra fuxa e deixe o coelliño tranquilo, o que reflicte que polo feito de ser grande non hai que abusar dos demais e que, aínda que se sexa pequeno/a non hai que ser nin menos valente nin menos astuto. Ao final da obra aparecen todos os animais que o coelliño fora topando polo camiño cun gran sorriso.

Potencialidades educativas: Conto baseado na repetición, con gran número de xogos de palabras e rimas, o que favorece a memorización, a participación e anticipación dos/as oíntes, á vez que se traballa a conciencia fonolóxica. (Repetición dos animais que atopa o coello branco, que un tras outro lle din que non lle axudarán, e repetición da historia polo coello branco).
Conta con ilustracións moi vistosas  e que axudan a que os nenos/as sexan capaces de seguir a historia . Danse a coñecer algúns dos animais que podemos atopar no rural.
Trabállanse aspectos do currículo como son os tamaños (pequeno e grande) e temas como os da  amizade e a solidariedade, á vez que se axuda a que os nenos/as sexan capaces de desenvolver a empatía fronte a situacións de abuso. O texto, baseado nunhas rimas divertidas e sonoras, complementa as ilustracións, que reflicten perfectamente  unha historia sobre a valentía, non só por enfrontarse á cabra, senón tamén porpedir axuda.
Fai reflexionar aos nenos/as sobre como o aspecto físico ou o tamaño non é determinante para ser valente senón que iso depende doutros factores.
Esta obra está  traducida a moitos idiomas como o portugués, inglés, éuscaro, catalán, castelán, galego e italiano.

Recursos 
  • Canción orixinal do conto. Recuperado de https://www.youtube.com/watch?v=-oUd4n4WPtg a 12 de Marzo do 2018.
  • Fernández Martínez, Mª del Carmen (2018). “O coelliño branco”. En Entrada ao blog Recuncho da lectura de Mª del Carmen Fernández Martínez. Recuperado de http://recunchodalectura.blogspot.com.es/search?q=o+coelli%C3%B1o+branco a 12 de Marzo do 2018.
  • Iglesias, Aloia (2017). “O coelliño branco”. En Entrada ao blog Primeiraslecturas por Aloia Iglesias. Recuperado de https://primeiraslecturas.blogspot.com.es/2017/02/o-coellino-branco.html a 12 de Marzo do 2018.
  • Narración en rede acompañada de divertidas figuras a modo guiñol por Marisa Pata (Español) . Recuperado de https://www.youtube.com/watch?v=Jh4AZ85QqDA a 12 de Marzo do 2018.
  • Seoane, Carolina (2017). “O coelliño branco”. En Entrada ao blog Primeiraslecturas. Recuperado de https://primeiraslecturas.blogspot.com.es/search?q=el+conejo+blanco a 12 de Marzo do 2018.

Ningún comentario:

Publicar un comentario