mércores, 21 de marzo de 2018

Os tres bandidos


Ungerer, Tomi (2008). Os tres bandidos. Ilust. do autor, trad. Dolores Romay Calvo. Pontevedra: Kalandraka, col. Tras os montes, [38 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-620-4).

Breve descrición do formato e contido da obra: álbum ilustrado de 20x28 cm de tipo narrativo en lingua galega. A cuberta e a contracuberta son de tapa dura con encadernación de cartoné. Na cuberta aparece o debuxo dos tres bandidos, protagonistas da historia, cos seus chapeus e capas negras, tamén se pode encontrar a enorme machada vermella dun dos bandidos sobre un fondo azul escuro que representa a noite. O título encóntrase na parte inferior da cuberta en letras maiúsculas e brancas. Enriba do título aparece o nome do autor tamén en letras maiúsculas e amarelas. Nas primeiras gardas móstrase, na dereita e sobre un fondo violeta, una anaco da vestimenta dos bandidos, o chapeu e a capa negra. Nas últimas gardas aparece, na parte esquerda, a folla de créditos sobre un fondo violeta, mentres que na parte dereita aparece, outra vez, un anaco da vestimenta dos tres Bandidos, o chapeu e a capa negra. Cando te somerxes na historia podes observar que se combinan páxinas en branco  onde aparece o texto, con outras escuras onde aparecen os bandidos e as súas fazañas e mesmo os propios textos da historia sobre a escuridade. Respecto ás ilustracións, estas son de carácter figurativo,  con predominio de tons azuis, violetas e negros cando aparecen os protagonistas, que son representados por siluetas, e cores vivas para dar vida aos outros personaxes ou elementos da narración. Ademais este contraste de cromatismos móstranos coa cor negra, ao principio do conto, a noite e a maldade dos tres bandidos, mentres que na metade do conto aparece unha clara transición cara acores vivas que representa o cambio de actitude dos tres bandidos e a súa transformación en defensores da infancia. É unha historia lineal, caracterizada pola descrición, na que os protagonistas saquean as carruaxes todas as noites ata o día que atopan a nunha delas unha nena orfa, á que acaban por levar con eles. A nena failles reflexionar sobre o uso que lle ían dar aos tesouros que tiñan e con ela mudan o mundo que os rodea. No que respecta á lingua, o nivel está adaptado aos lectores potenciais, aínda que moitos pode que non coñezan, por exemplo, o significado de “nena orfa”, pero isto podémolo ver como unha potencialidade xa que así podemos adentrarnos no mundo das familias e dos nenos e nenas que non a teñen.

Potencialidades educativas: este álbum ilustrado permite a reflexión sobre os valores da solidariedade e a xenerosidade, así como coñecer a fronteira entre o que está ben e o que está mal. Os tres bandidos transmiten emocións que van dende o medo ata a tenrura, polo que tamén podemos destacar aspectos que fagan referencia ás emocións e aos sentimentos. Axuda tamén a introducirse no tema da orfandade, xa que a nena que fai cambiar a vida dos bandidos carece de proxenitores, pero é capaz de espertar a empatía, o afecto e a solidariedade de tres homes que encarnan a maldade. A obra pódese atopar traducida a diferentes linguas, como   o castelán, o catalán, o portugués e o éuscaro. Entre os premios que recibiu cabe destacar o Premio Andersen 1998 e forma parte tamén do Plano Nacional de Leitura de Portugal.

Recursos de interese:
- Blog dunha nai que fai actividades cos seus fillos máis un vídeo do conto en castelán e ideas de como facer un teatro de sombras sobre os tres bandidos:
Franch, Judith (2015).  Los tres bandidos. En El Club de los Peques Lectores http://www.clubpequeslectores.com/2015/02/llibro-infantil-los-tres-bandidos.html (Consultado o 01/03/2018).
- Film de la historia:
J.P. (2009): Los tres bandidos animación a la lectura https://www.youtube.com/watch?v=WTe8eABCnzs (Consultado o 21/03/2018).
- Canción sobre el cuento "Los tres bandidos" de Tomi Ungerer, escrita e interpretada por Juan Rafael Muñoz:
Poper (2016). Canción de los tres bandidos https://www.youtube.com/watch?v=cLD5wX_CWQ4 (Consultado o 21/03/2018).

Ningún comentario:

Publicar un comentario