martes, 20 de marzo de 2018

A árbore xenerosa


Silverstein, Shel (2015). A árbore xenerosa. Ilust. do autor, trad. Chema Heras. Pontevedra: Kalandraka, col. Tras os montes, [52 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-962-5).
Breve descrición do formato e contido: álbum ilustrado en lingua galega de 25’5x19 cm formado por unha cuberta e contracuberta de cartón duro de vibrantes cores verdes que contrastan coa ilustración do seu interior. Na cuberta podemos ver unha árbore dándolle unha das súas mazás a un neno. O interior do libro está formado por 52 páxinas nas que  se mostra a relación de amizade incondicional entre os dous personaxes da cuberta, ata o punto de que un deles xa non é capaz de ofrecerlle nada máis ao outro. Tamén se reflicte o paso do tempo e as distintas etapas da vida dunha persoa. Esta historia reflíctese a través de debuxos sinxelos realizados con trazos negros sobre a folla branca, facéndose evidente a inexistencia de cor.
                                        
O texto está composto por frases curtas que mesturan narración e diálogo. Ademais, exponse a dependencia emocional que sofre a árbore para ser feliz mediante a frase: “E a árbore quedou feliz” repetida en varias ocasións. Tamén se debe recalcar o emprego continuo da conxunción “e” durante o transcurso da obra, quizais para unificar a historia e facer visible o paso do tempo.

Potencialidades educativas: A árbore xenerosa ofrece unha ampla variedade de temas que poden ser aproveitados para traballar cos nenos e nenas. O máis evidente é a amizade incondicional entre a árbore e o protagonista. Isto pode servir para ensinar o importante que é ter un bo amigo, pero tamén o necesario que é coidar as amizades para que estas perduren no tempo. Débese recalcar que as amizades deben ser xustas e correspondidas na mesma medida polas dúas partes que a forman, ao contrario do que se mostra neste libro.
Por outra banda, tamén se reflicte con claridade  o paso do tempo, ao representar ao neno protagonista nas diferentes etapas da súa vida (infancia, adulto e ancián). Un percurso vital que se pode  aproveitar para falar sobre estas etapas a través dos diferentes familiares que teñen os rapaces e como se reflicte neles o o paso do tempo e as súas consecuencias. Un exercicio que serve para traballar a autoestima e tomar consciencia da finitude.
Outro tema de especial relevancia é a necesidade de coidar a natureza, xa que se non o facemos, podemos acabar con ela tal e como lle pasou á árbore. É indispensable facelos reflexionar sobre como os humanos tratamos a natureza e se esa forma de facelo pode ser sostible ou non. Podemos introducir aquí actividades sobre a reciclaxe ou o medio ambiente.
En último lugar, a inexistencia de cor no interior do libro pode servir para que cada neno coloree esta historia ao seu gusto, tentando que se sintan identificados cos protagonistas e tomen conciencia da importancia que teñen todos os valores mencionados anteriormente.
Recursos de interese:
·         Fernández, María (2017). “A árbore xenerosa”. En Primeiras lecturas
·         CPI Mosteiro (Meis) (2016).
https://www.youtube.com/watch?v=lpzNj82y0ks (Consultado  15/03/18). Narración acompañada polas imaxes do libro nun vídeo de Youtube realizado polos nenos de 5º de Primaria.

Ningún comentario:

Publicar un comentario