domingo, 18 de marzo de 2018

O poliño da abeleira



Rubio, Antonio (2006). O poliño da abeleira. Ilust. Gabriel Pacheco, trad. Silvia Pérez. Pontevedra: Kalandraka Editora, col. Contos do trasno, [32 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-531-3). 

Descrición breve do formato e contido da obra: álbum ilustrado encadernado en cartoné, cunhas dimensións de 22x22 cm. Na cuberta atopamos un debuxo da maioría dos personaxes que aparecen na historia: a dona da casa, a galiña, o poliño, a abelá, a cabra e o zapateiro; dispostos de maneira circular. No medio da ilustración tamén aparece o título, o nome dos creadores e da editorial. Se abrimos o libro completamente, descubrimos que a contracuberta forma unha unidade coa cuberta, pois hai un pé do zapateiro máis algunhas plumas da galiña. Ao abrir o álbum atopamos as gardas: tanto as primeiras como as últimas son semellantes, a diferenza é que nas primeiras aparece no recuncho inferior esquerdo un bolso e uns calcetíns; mentres que nas últimas só hai un calcetín no recuncho inferior dereito. Xa no interior, preséntasenos un texto dialogado con letra en cor negra. Trátase dun relato rimado de estrutura acumulativa e circular, cun ritmo marcado pola repetición de versos de retrouso. Os debuxos, todos eles a dobre páxina, son dinámicos e caricaturescos, pois buscan o movemento dos personaxes e dos elementos que neles aparecen. O fondo das páxinas é claro para evitar a saturación, mentres que as ilustracións, pintadas a témpera, teñen tons máis rechamantes para manter a atención dos lectores. Complementan a información que se menciona no texto, fomentando desta maneira a imaxinación tanto de oíntes coma de lectores. O álbum conta a historia dunha galiña que se ve na obriga de acudir a diferentes personaxes para que a axuden a salvar o seu poliño. Cada un deles debe proporcionarlle un elemento que a súa vez é necesario para que outro poida realizar unha determinada función: a nube debe dar auga para que medre a herba do prado, que a súa vez debe alimentar a cabra para que lle dea o coiro que o zapateiro precisa para facer os zapatos da dona da abeleira, onde comen a galiña e o poliño.

Potencialidades educativas: este álbum ilustrado é unha adaptación dun conto tradicional orixinario de Cuenca, que conta cun texto rimado e acumulativo co que os alumnos e alumnas poden enumerar os personaxes que axudan á galiña a salvar o seu poliño. Ten ademais versos de retrouso na maioría das páxinas (“E non se faga de rogar, que pode afogar”) que fomentan a participación e captan a atención dos cativos e cativas, facilitando desta maneira a súa aprendizaxe da historia. Pode utilizarse para traballar a partir da súa lectura temas como a natureza, os animais, os oficios... Atópase dispoñible en tres idiomas: galego, castelán e italiano. Tamén cómpre destacar os premios que recibiu o álbum: Recomendación de lectura (Premio FNLIJ Brasil) en 2009 e Selección Ministerio de Educación (Arxentina) en 2014.
Recursos en liña:

Ningún comentario:

Publicar un comentario