Fernández Rodríguez, Julio (2015). Astropal. Un cometa con corazón. Ilust. Laura González González, trad. Charo Baleirón Sóñora. A Coruña: Hércules de Ediciones, [12 pp.]. (ISBN: 978-84-943868-7-9).
Descrición do formato e contido da obra: álbum ilustrado de carácter literario, no que as ilustracións e o texto se complementan mutuamente. De tapas duras e doce páxinas, ten unhas medidas de 32’5 x 22’5 cm. Na cuberta aparece o protagonista, Astropal, no medio do espazo e, na contracuberta, aparecen unhas estrelas nun fondo amarelo e azul. A ilustración da cuberta e a da contracuberta son independentes. Tanto na primeira coma na última garda aparecen estrelas sobre un fondo negro, que fai referencia ao espazo, onde transcorre a historia. As ilustracións son sinxelas e debuxadas con ceras de cores, que resaltan sobre un fondo negro que representa o espazo. Estas ilustracións seguen unha disposición de continuidade, ocupando a historia toda a páxina. O texto destaca en letra branca enriba do fondo negro, está integrado no medio das ilustracións e é de carácter moi breve, tanto nas achegas do narrador en terceira persoa, coma nos diálogos entre os diferentes personaxes: o narrador, a de Astropal e a do astronauta. Os potenciais destinatarios deste álbum é os nenos e nenas a partir dos 4 ou 5 anos. O tema principal que se aborda neste conto é o traballo cooperativo, xa que Astropal quenta as herbiñas e axuda ao astronauta a volver á Terra, aínda que tamén se traballa aspectos como o espazo e o valor da amizade. Astropal, un cometa con corazón, cóntanos a historia dun cometa que suca o universo quentando as herbiñas que nacen nos planetas da galaxia, saúda aos planetas e os asteroides… pero un día debe resolver un problema: un astronauta está perdido no espazo, poloque pensa co corazón e decide axudar ao astronauta a volver ao seu planeta.
Potencialidades educativas: a través deste libro pódense traballar conceptos sobre o espazo (asteroides, planetas, estrelas, astronautas…), introducir aos nenos e nenas no coñecemento do Sistema Solar (traballando cun pequeno planetario con luz despois da lectura do libro), das viaxes interespaciais (ensinarlles ‘a primeira viaxe á lúa’ de Louis Armstrong) e da ciencia. Tamén é un libro co que se pode traballar o valor de amizade, de compartir cos demais e a solidariedade.
A obra está escrita en castelán e traducida ao galego, polo que se pode traballar nas dúas linguas.
Recursos en liña:
- Taboada, María (2017). Astropal. Un cometa con corazón. Adaptación do libro a cómic: https://www.youtube.com/watch?v=x8hzLX3_olA (consultado o 5 de marzo de 2018).
Ningún comentario:
Publicar un comentario