Cáccamo, Pepe (2016).Ganapán das palabras. Ilust. María Xosé Fernández. Pontevedra: Kalandraka editora, col. Demademora, [26 pp.], (ISBN: 978-84-8464-917-5).
Breve descrición de formato e contido: álbum ilustrado, cun tamaño de 22 x 22 cm e feito de tapa dura. Esta é unha edición especial publicada con motivo do dezaoito aniversario da primeira edición e coa que Kalandraka quere recuperar unha obra emblemática da Literatura Infantil e Xuvenil galega que segue tendo plena vixencia.
Na cuberta e na contracuberta atopámonos con imaxes de laranxas durmindo e o título está inscrito dentro dun ganapán, redundando no sentido do propio título. Xógase de forma suxestiva coas palabras xa dende o título, que forma un anagrama coa vogal A: “Ganapán das palabras”. As gardas representan a media ducia de laranxas durmindo, que van enmarcadas entre dous signos de interrogación e que semellan representar a un neno.
Ao comezar o conto encontrámonos cun neno que tiña cen palabras envoltas en papel de celofán. As ilustracións do interior do libro son moi coloridas e visuais, de estilo ecléctico e vangardista e destacan polo seu carácter expresionista, os contrastes cromáticos e os xogos entre as formas e as letras. O conto ofrécenos unha divertida historia rimada sobre cinco palabras aventureiras que caen nun espello e vólvense do revés. Pedra, cama, laranxa, lúa, pan... Que pode ocorrer? Que se volven do revés. E como as imos ler nós entón??? Con rimas nos versos todo pode suceder.
Pontencialidades educativas: a través da poesía e da rima favorécese a socialización e os procesos de crecemento e aprendizaxe dos/as nenos/as Estes xogan a través do libro cos versos e cos inversos, aprenden palabras novas, adquiren o significado das palabras e usan a súa imaxinación. Desta obra poética pódese gozar a calquera idade, xa que con ela podemos favorecer a creatividade das crianzas, ampliar vocabulario, coñecer os mecanismos e funcionamento da lingua, gozar do ritmo e a rima de cada composición e das ilustracións que as acompañan.
Recursos :
É de gran interese visitar e revisar este artigo e esta páxina web:
- Roig Rechou, Blanca-Ana, Neira Rodríguez, Marta e Agrelo Costas, Eulalia (2009). A poesía no século XXI en Galicia. En Blanca-Ana Roig Rechou, Isabel Soto López e Marta Neira Rodríguez (coords.). A poesía infantil no século XXI (2000- 2008). Vigo: Edición Xerais de Galicia / LIJMI, pp. 77- 108.
- Nesta páxina web pódese encontrar distintos tipos de recursos de literatura popular infantil : Orella pendella
Ningún comentario:
Publicar un comentario