Ruíz Johnson, Mariana (2014). Mamá. Ilustr. da autora, trad. Manuela Rodríguez. VI Premio Internacional Compostela para álbums ilustrados no ano 2013. Pontevedra: Editorial Kalandraka, [24 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-841-3).
Breve descrición do formato e contido da obra: emotivo álbum ilustrado en galego que nos describe o que é unha mamá. O formato do conto é rectangular, cunhas dimensións de 18,5 x 25,5 cm. Cuberta e contracuberta representan unha imaxe conxunta. Na cuberta recréase a escena dunha nai e o seu fillo sentados ao pé dunha grande árbore e un río que transcorre detráss; na contracuberta continúa esta paisaxe coa ilustración dunha nai paxaro cos seus filliños ao carón do mesmo río. As ilustracións figurativas que acompañan o texto ao longo da historia representan imaxes tenras e conmovedoras sobre a maternidade, representada por animais (unha osa, unha crocodrila, unha vaca, unha elefante etc.) acompañadas polas súas crías. Cabe destacar a importancia da presenza da natureza nas vistosas imaxes ilustradas con cores intensas e cálidas: vermellas, laranxas e amarelas. O seu contido inspírase no estilo ornamental da arte popular latinoamericana. Dende o punto de vista cromático, pola forza expresiva e poética das ilustracións, tamén rende homenaxe a pintores como Paul Klee.
En canto ao contido da obra, Mamá vainos explicando páxina a páxina de forma lírica o que é unha nai: “Mamá é tantas cousas… É unha casa morna, redonda e andante. Móstranos camiños atrás e adiante. Tróuxome a este mundo pequeno e espido. Protéxeme sempre pequeno e durmido” Mariana Ruiz Johnson quixo plasmar con esta obra a súa experiencia da maternidade dende un enfoque artístico e literario. Tal como sinala Carina Rodrigues (2015), o texto está construído “como un poema sinxelo, cuxos versos van desfilando paulatinamente ao longo das súas dobres páxinas, este libro trata dun topos universal e particularmente próximo á infancia, ofrecendo, cun rexistro sustentado pola metáfora, unha profunda reflexión sobre a maternidade en toda a súa extensión”. Ademais foi merecedor do VI Premio Internacional Compostela para álbums ilustrados no ano 2013.
Potencialidades educativas: mediante este libro os nenos e nenas poden entender mellor o fermoso vínculo entre unha nai e o seu fillo/a, o amor incondicional dela e a entrega que cara a el/a demostra ao longo da vida (traelo ao mundo, protexelo, mostrarlle o camiño a seguir etc.). Así mesmo, os nenos e nenas, a través da lectura deste tenro conto, poden explicar cal é a relación que teñen coas súas nais, falar sobre os sentimentos e a afectividade. No libro tamén ten unha especial presenza a natureza e os animais, o que poderá ser aproveitado para sensibilizar sobre a necesidade de respecto ao medio e aos seus habitantes, ademais de aprender cos nosos alumnos e alumnas aspectos da vida destes e as súas crías.
Recursos educativos:
Contacontos realizado por “canto conto canto?” (2017) Mamá: https://www.youtube.com/watch?v=so0NUaYmY_I (consultado o 08/03/2018).
Contacontos realizado pola biblioponte de Lugo (2014) Mamá: https://www.youtube.com/watch?v=uuOVJwOlqxk (consultado o 08/03/2018).
Rodrigues, Carina (2015). “Canto sinxelo á maternidade”. En Mociño e Roig (coords.). Libros en galego de onte e hoxe para a nenez e a mocidade. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela, pp. 65-66.
Senís Fernández, Juan (2014). “El álbum ilustrado como agente de educación artístico-literaria y de género. El caso de Mamá de Mariana Ruíz Jhonson”. Dossiers Feministes, 19, 115-133.
Ningún comentario:
Publicar un comentario