Smallman, S. (2012). La ovejita que vino a cenar. Ilustr. de Joelle Dreidemy, trad. Alberte
Montserrat. Barcelona: Beoscasa, Col. Ya sé leer. [a partir de 4 años], [32 pp.]. (ISBN
978-84-488-2454-9).
Breve descrición do formato e do contido: álbum ilustrado narrativo de 26.5x23.2 cm,
encadernación de tapa dura e follas resistentes. Este material permite que os nenos/as manipulen e experimenten co libro sen
temor a que se rompa. A cuberta anticípanos quen son
os protagonistas (a ovelliña e o lobo) a través dunha ilustración na que se
deixa entrever que a posible historia do conto sexa que “a ovelliña que vén
cear” se acabe convertendo na propia cea, xa que o lobo parece ollar un libro
de receitas para cociñar un estufado. Na contracuberta recóllese unha sinopse
da historia e volven aparecer os dous protagonistas, esta vez máis agarimosos. Ademais,
as gardas amosan un fondo de cores vermellas e a portada mostra o título
acompañado dunha ilustración dunha mesa preparada para xantar.
Os
textos caracterízanse por
ser bastante extensos, empregar unha linguaxe da vida cotiá e enriquecer os
diálogos con continuas onomatopeas, as cales se distinguen por ter un tamaño de letra maior e estar en
negriña. Tamén acostuman a aludir a situacións tenras, sobre todo a través da
bebé ovella que aínda non sabe pronunciar ben, á par que valerse de expresións
retranqueiras para crear situacións cómicas. Ademais, aparecen mesturados con
ilustracións (a maioría a dobre páxina). Así mesmo, estas imaxes caracterízanse
por ser divertidas, coloridas, tenras e, sobre todo, moi expresivas. As facianas de ambos os protagonistas
representan con claridade os seus
sentimentos e estados anímicos. Por iso, considero que estas ilustracións
acompañan, reforzan e clarifican perfectamente o que se vai narrando.
O
conto relata a historia dun solitario e famento lobo que está farto de comer
sempre caldo de verduras. Inesperadamente, unha noite moi fría, peta na súa
porta unha pequena ovella que se encontra perdida no nevado bosque. O lobo, moi
astuto, convídaa a pasar á súa casa, pensando que estará deliciosa convertida
en estufado. Antes de comezar a cociñala trata de asegurarse de que a súa
futura cea se atope nas mellores condicións: coida de que non teña frío, fame,
hipo ou sono. Á par que lle ofrece todos os coidados, vaise encariñando da
pequena ovella e cando se dá conta dos seus sentimentos pídelle que se vaia da
súa casa porque el é “un lobo grande e malo” e se queda vaina comer. Ao cabo
dun tempo o lobo comeza a imaxinarse a pequena ovella na escuridade do bosque
perdida, conxelada, devorada por outro animal... e velozmente sae a buscala. Porén
non consegue atopala pero cando volta para a súa casa... encóntraa no medio do
salón! A ovelliña non tiña outro sitio a onde ir e o lobo decide que quede a
vivir con el xa que “non pode comerse a unha ovelliña que o necesita! Podería
darlle ardor de estómago!”.
Potencialidades educativas: é un libro que, a través do humor e a
parodia, invita a dramatizar e teatralizar, xa que ao longo de toda a historia se
recrean numerosos estados de ánimo:
tristeza (“¿Puedo entrar, Dobo?”), alegría (“Has vuelto!”), sorpresa (“¡Santo
cielo!”)... Ademais, o seu carácter repetitivo e as continuas onomatopeas
permiten que os nenos/as poidan participar e adiantarse á lectura. Así mesmo,
propicia a oportunidade de traballar a intelixencia emocional cos máis
pequenos. Ao igual que lle acontece ao lobo, son moitas as ocasións nas que
rexeitamos o que sentimos porque non se encadra dentro do “normal”, por iso,
sería interesante que os nenos/as se decaten da importancia de saber recoñecer,
aceptar e expresar o que sentimos. Sobre
todo, convida a traballar o concepto de amizade, reflexionando que para que
dúas persoas sexan amigas non é imprescindible ser iguais (tanto en gustos coma
fisicamente) o único requisito é quererse, coidarse, respectarse mutuamente,
como fan estes dous animaliños.
Recursos de interese:
Aula de Elena. (2015). La ovejita que
vino a cenar-Videocuento. Recuperado o 07-03-2018 de: https://www.youtube.com/watch?v=ee-Wkw2SnnI Vídeo-conto da obra contado por nenos/as.
Elbaulmagicoblog. (2016). La ovejita que vino a cenar. Recuperado
o 07-03-2018 de: https://elbaulmagicoblog.wordpress.com/2016/06/21/la-ovejita-que-vino-a-cenar/ Manualidade dun lobo e unha ovella para representar a obra con
marionetas.
Jimenez, S. (2017). La ovejita que
vino a cenar. Recuperado o 07-03-2018 de: https://cuentosparamatilda.wordpress.com/2014/03/07/la-ovejita-que-vino-a-cenar/
Opinión crítica sobre a obra.
Juani Guillén Bastida. (2017). Cuenta cuentos librillos la ovejita que vino
a cenar 03 02 17. Recuperado o 07-03-2017 de: https://www.youtube.com/watch?v=3b8mIh6dAb8 Representación teatral da obra.
Laura. (2016). Reseña del álbum “La ovejita que vino a
cenar”. Recuperado
o 07-03-2018 de: http://literaturarespetuosa.blogspot.com.es/2016/07/resena-la-ovejita-que-vino-a-cenar.html Comentario Crítico da obra.
Pio Pio family. (2018). La ovejita
que vino a cenar. Recuperado o 07-03-2017 de: https://www.youtube.com/watch?v=YtEjeamzabM Representación da obra con marionetas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario