Francotte, Pascale (2008). ¡Vaya lío de familia! Ilust. da autora, trad. Lara Toro. Barcelona: Editorial La Galera. [24 pp.]. (ISBN: 978-84-246-2924-7).
Breve descrición do formato e do contido da obra: álbum ilustrado rectangular de medidas 24,0 x 16,5 cm. Conta cunha cuberta e contracuberta de fondo branco. Na primeira atopamos a imaxe de dous adultos (un home e unha muller) e dous nenos (un neno e unha nena). A imaxe transmítenos o momento en que se intenta conseguir un clima de confianza: un home achega a seu fillo fronte a unha muller que lle sinala que vaia onda ela, mentres que una nena se agocha detrás da mesma. É unha imaxe que nos adianta a temática central da obra, ao suxerirnos de forma bastante clara o tema principal da historia. Ademais tamén está incluída dentro do libro. Na contracuberta atoparemos soamente un breve resumo da historia xunto con dúas preguntas que invitan a ler a obra para poder contestalas. As ilustracións son imaxes que semellan debuxos en grafo, acompañan ao texto e dan visibilidade á historia. Todas as páxinas do libro teñen un fondo neutro, semellando unha folla en branco que se enche de cor grazas aos debuxos con lápis de cores claras. A escritora Pascale Francotte plásmanos a emotiva e terna historia en castelán dun neno que ve como, tras a separación dos seus pais, a familia se vai ampliando con membros procedentes doutras. O seu pai preséntalle a unha nova parella, que xa ten unha filla, Eulalia. Aínda que ao protagonista lle gusta xogar con ela, está preocupado porque non quere que a moza do seu papá ocupe o lugar da súa mamá. Ademais, outra das incertezas que vive é o feito de que súa nai terá un fillo co seu novo compañeiro, polo tanto a posibilidade de ter un novo irmán prodúcelle unha inmensa alegría e tamén certo desconcerto. Por todo isto, o protagonista da historia acaba reflexionando e argumentando que a vida é fantástica malia ser moi complicada.
Potencialidades educativas: que papá e mamá se separen ou se divorcien forma parte da vida de moitos nenos e nenas. Ás veces víveno na súa propia pel, pero outras veces será un amigo ou un primo quen estea pasando por esa desconcertante situación por iso é interesante a lectura destes libro non soamente aos nenos que pasan por este proceso, senón a todos e todas. Este libro ilustrado axuda a que os máis pequenos e pequenas cheguen a entender as consecuencias dunha separación, que mamá ou papá poidan ter novos compañeiros ou compañeiras ou que outras persoas comecen a formar parte das súas vidas, vendo que isto non supón unha desgraza, senón un motivo para estar felices, xa que coñecerán novas persoas que pasarán a ser membros da familia e a integrar os seus círculos afectivos e emocionais.
Recursos educativos:
Web onde se recomendan diferentes libros dedicados ao mesmo tema que ¡Vaya lío de familia!: http://www.agapeacultura.com/noticias/mis-papas-se-separan-recursos-infantiles-para-la-familia-n849 (Consultado 08/03/2018).
Ningún comentario:
Publicar un comentario