luns, 19 de marzo de 2018

A horta de Simón






Alejandro, Rocío (2017). A horta de Simón. Ilustr. da autora, trad. Manuela Rodríguez. Pontevedra: Kalandraka, [44 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-348-7).

Breve descrición do formato e contido da obra: este é un álbum ilustrado encadernado en cartoné con tapas duras e formado por 44 páxinas. Na cuberta aparece a personaxe principal, o coello Simón, agochado detrás dun valado; na contracuberta atopamos un fondo laranxa con cenorias. O texto aparece de maneira alterna nas páxinas pares e impares. Está formado por oracións moi curtas, que ceden o protagonismo ás ilustracións, que ocupan por completo todas as páxinas. As gammas predominantes son as laranxa, marrón e branca. A historia que se recrea é a de Simón, un coello, non moi simpático, que coa chegada da primavera se dispuxo a plantar cenorias na súa horta, a cal preparou con moito esmero. Na recollida os seus “amigos” propuxéronlle axudar e repartir os froitos, ademais de se animaren a plantar entre todos na horta leitugas, tomates, berenxenas, millo, amorodos… segundo o que máis lle gustaba a cada un deles.



Potencialidades: con este álbum pódense traballar valores como a solidariedade, a capacidade para compartir, as boas relacións de veciñanza e as vantaxes do traballo colaborativo. Tamén é unha obra moi acaída para tratar cuestións relativas á alimentación, ao cultivo dos produtos da horta e os gustos e hábitos dos diferentes protagonistas que pululan ao longo da obra. Incluso é unha ferramenta adecuada para reflexionar sobre as consecuencias das accións do ser humano sobre o medio natural.

Recursos:

Becca SJ (2018). Contacontos "A horta de Simón" - CEIP RICARDO GASSET. Revisado en https://www.youtube.com/watch?v=PLK8gjc25T0 (consultado o 07/03/2018).

Ningún comentario:

Publicar un comentario