domingo, 1 de abril de 2018

O soño do galo


Casal, Susana e López, Xosé (2002). O soño do galo. Ilust. Pepe Carreiro. Vigo: A Nosa Terra, col. Contos do Miño, [24 pp.]. (ISBN: 978-84-95350-84-X).

Breve descrición do contido e forma da obra:  libro ilustrado de forma rectangular (23 x 25 cm) coas tapas duras. Na cuberta pódese observar ao protagonista principal da obra, un galo que soñaba cun animal espantoso acompañado do seu principal antagonista, a astuta raposa, quen de verdade era o pesadelo do galo. Respecto á contracuberta, vemos que aparece unha imaxe  do raposo acompañada dun pequeno texto que resume o contido da obra, así como información dos autores da mesma. As gardas son sinxelas, dunha cor escura e nelas aparecen  destellos grises que evocan  a atmosfera da noite na que ten lugar a historia. A portada da obra fai un ofrece algunhas secuencias que terán lugar ao longo da historia e nela aparecen os protagonistas principais e outros personaxes que irán aparecendo na obra, acompañados todos eles de ambientes característicos da noite (a lúa chea, as estrelas...).
O contido da obra está formado por frases curtas e sinxelas de comprender acompañadas de imaxes que axudan a entender a trama e tamén axudan a presentar ao protagonista da obra, un galo que vive nunha granxa e que durante unha noite de verán soña que un animal malvado entra no curral. Debido a isto, botará un tremendo berro que espertará a unha das galiñas máis vellas. Esta aconselloulle ir botar unha ollada para que quedara máis tranquilo e vira que non pasaba nada. Non obstante, alí se atopou cunha astuta raposa, que buscou enganalo dicíndolle que tiña un gran canto (despois de escoitar o berro que dera) pero que cantaba mellor o seu pai. Como o galo quería ser mellor comezou a cantar e a raposa aproveitou para agarralo do pescozo e fuxir con el do curral. O galo tiña moito medo, máis decidiu enfrontarse a ela e enganala como fixera anteriormente a raposa co galo. Utilizou a súa astucia e librouse da boca da raposa, na cal non volveu confiar xa que aprendera a lección esa noite.

Potencialidades da obra: Este conto popular é unha lectura  axeitada para manexar en Educación Infantil con nenos e nenas a partir dos 3 anos. O seu contido é unha recreación dos contos populares protagonizados polo galo e a raposa, na que ambos os protagonistas encarnan valores como a habelencia, a intelixencia e a capacidade para saír das situacións comprometedoras. O texto que presenta é doado de ler e conta con imaxes que axudan a complementalo. Entre as potencialidades da obra está o aproveitamento da historia para  traballar a autoestima e a capacidade de superación, posto que se fomenta a empatía co protagonista e a posibilidade de se poñer no lugar do galo e ver como un se pode enfrontar a un problema, xa sexa dentro da escola como na súa vida cotiá. Así mesmo, con esta obra tamén se pode ensinar a superarnos no noso día a día e ser mellores cada vez, podendo resaltar as nosas capacidades e habilidades.

Ningún comentario:

Publicar un comentario