Cotton, Katie (2017). O camiño á casa. Ilust. Sarah Jacoby, trad. Fe González Fernández. A Coruña: Hércules de Ediciones, 32 pp. (ISBN: 978-84-946502-9-1).
Descrición do formato e contido: álbum ilustrado de formato rectangular (27 x 20 cm.) de carácter poético. Posúe unha cuberta e contracuberta de cartón duro para favorecer a manipulación por parte dos nenos e nenas. A cuberta fainos intuír como serán as ilustracións que atoparemos ao longo de todo o volume. A garda dianteira é de cor azul e branco, semellando o amencer e na garda traseira atopamos este mesmo ceo con cores alaranxadas, evocando o atardecer. Trátase de imaxes pintadas con acuarelas e onde predominan as cores apagadas coma o gris, azul, verde e vermello fundamentalmente, quizais porque as imaxes reflicten diferentes situacións de perigo e por iso non abundan cores vivas, xa que estas se asocian a situacións alegres. Son ilustracións que chaman a atención e convidan a deterse minutos observando cada un dos detalles presentes. Así mesmo, as imaxes reforzan e clarifican o que se narra no texto, facilitando a interpretación do conto.
A estrutura do texto é rimada e repetitiva. Este conto relata a historia de diferentes parellas de animais e o duro que é o camiño á casa durante o inverno. Primeiro, un paxaro foxe coa súa cría, despois un rato constrúe un niño para o seu fillo e os coellos escapan dos lobos que vagan polos bosques ao escurecer. As diferentes situacións narradas protagonízanas parellas de animais que desenvolven unha actividade ou labor propia da súa especie coa chegada do inverno. O adulto reflexiona co seu pequeno sobre a súa dureza e sobre a importancia daquílo que teñen que facer, que se antepón ao frío, ao cansazo e aos perigos do bosque. Cada secuencia narrada finaliza coa idea de que “é un camiño duro, un camiño longo, este camiño á casa, de retorno”.
É un libro que a través da natureza nos amosa a solidariedade, o afán de protección e supervivencia, as ensinanzas que os mais vellos lles trasmiten aos mais pequenos/as, así como o cariño, o amor e a amizade.
Potencialidades educativas: este libro sérvenos para traballar cos nenos e nenas o tema da natureza e os animais, ampliando vocabulario, aprendendo qué animais viven no bosque, como son, qué comen, como se moven... os motivos que os levan a emprender ese longo camiño, ao tempo que lles inculcamos valores de respecto á natureza. Pero sobre todo este libro permítenos traballar o concepto de amizade, a cooperación, o apego, a convivencia, a tolerancia, a diversidade... É un recurso que posibilita traballar o concepto de diversidade cos máis pequenos/as para que entendan que o feito de ser diferentes nos fai a cada un de nós especiais, cada un temos as nosas propias virtudes e fortalezas que permiten enriquecernos os uns aos outros, podemos exemplificalo mediante o libro amosándolles que cada parella de animais ten unhas características e virtudes distintas das doutros animais que lles axudan á súa supervivencia.
Tamén amosa que se traballamos conxuntamente é máis doado alcanzar os obxectivos que pretendemos conseguir, creando un clima de confianza e seguridade onde os posibles conflitos se resolven pacificamente, o que contribúe de forma positiva á cohesión do grupo.
Outro aspecto a traballar con este libro é a educación artística, xa que o uso de acuarelas permítenos propoñer actividades deste tipo para favorecer a expresión e a creatividade dos máis pequenos/as. Ademais, outra forma de traballar a creatividade sería a través dun teatro de sombras, xa que facilita a interpretación do conto dunha maneira distinta á habitual, o que chamará a atención dos cativos/as.
Recursos de interese:
- Blog “Abracitos de papel” (2017). Reseña sobre a lectura e potencialidades. https://abracitosdepapel.blogspot.com.es/2017/10/resena-el-camino-casa-de-katie-cotton-y.html
- Blog “Bichitos lectores” (2017). Reseña sobre a lectura (O camiño a casa). http://www.bichitoslectores.es/el-camino-a-casa/
Ningún comentario:
Publicar un comentario