Funke, Cornelia (2011). A princesa Sabela. Ilust. Kerstin Meyer, trad. María Xesús Bello. Vigo: Edicións Xerais de Galicia, S.A., [26 pp.]. (ISBN: 978-84-9914-212-8).
Breve descrición do formato e contido da obra: álbum ilustrado de tipo narrativo, de 22.5x27cm e tapa dura, escrito en lingua galega. Na cuberta aparece o título da obra con algúns dos personaxes do relato (a princesa protagonista coas súas dúas irmás, a raíña, o rei e os servente). Esta emprega cores escuras, ao contrario que na contracuberta, xa que neste caso o fondo é amarelo. Nela poden observarse a imaxe da nena protagonista á dereita e a dun porco á esquerda, ambas aparecen tamén no interior do libro; por último, móstranos un breve resumo da obra .
Nas gardas vese un fondo dourado cunha coroa no centro, aspecto moi relacionado co contido. Na portada atopamos outra vez o título do libro con letras laranxas, acompañado dunha imaxe da princesa coa coroa no chan e mirándose nun espello. Esta é unha imaxe moi curiosa posto que, se prestas máis atención, podes observar como no reflexo deste espello sae unha nena cunha coroa con expresión seria, pero a princesa en realidade está sacando a lingua mentres se mira nel. As páxinas están compostas dun fondo branco con pequenas zonas douradas, un texto negro de tamaño de letra grande. Nalgunha ocasión resáltanse palabras en negriña ou póñense aínda máis grandes ou con exclamacións, buscando chamar a atención do lector. En canto ás imaxes, a maioría teñen cores escuras e en todas elas aparece nalgún recuncho a imaxe da nena, seria ou triste, que varia cando consegue facer o que realmente quere, é aí cando a expresión empeza a cambiarlle. Nesta obra as imaxes ocupan a maior parte das páxinas, acompañadas do texto antes mencionado. Ademais esta historia é moi doada de ler, xa que as imaxes representan claramente o que se está a dicir.
No referido ao contido da obra, narra a historia dunha pequena princesa que sempre tivo que facer o que facía a súa familia e o que eles esperaban dela. A princesa Sabela e as súas dúas irmás tiñan unha vida baseada no luxo. As irmás disfrutaban alegremente, pero a protagonista non, non era feliz. Unha mañá, cansa de ser unha princesa, decide guindar a súa coroa ao estanque dos peixes. O rei, como castigo, ordena que Sabela traballe na cociña do palacio e no cortello dos porcos, esperando que vira que non era realmente o que quería. A nena deixou a todo o palacio abraiado, xa que nunca estivo tan contenta como nese día. O pai ao ver o que realmente facía feliz á súa pequena aceptou os seus desexos, xa que el o que realmente quería era iso, que fose feliz.
Potencialidades educativas: Este libro é adecuado para traballar con nenos a partir de 4 anos. A obra serve para explicarlle aos pequenos que eles teñen o poder para elixir que queren facer, o que eles sintan e aquelo que os faga verdadeiramente felices. Ademais daranse conta do apoio incondicional que ofrecen as familias, e que estas fan todo o que está nas súas mans para que estén ben. Trata temas moi útiles na aula de Infantil como pode ser a aceptación das diferenzas, tolerancia e convivencia; o respeto aos demais, a superación, a comunicación (neste caso a princesa era infeliz por non dicir o que realmente quería), os sentimentos e a búsqueda da felicidade.
Recursos:
Ficha técnica da editorial Xerais: https://www.xerais.gal/libro.php?id=2634658 (Consultado o 18/03/2018)
Cornelia Funke, páxina oficial da autora : http://www.corneliafunke.com/es/buecher (Consultado o 18/03/2018)
Ningún comentario:
Publicar un comentario