xoves, 29 de marzo de 2018

Brinca Vai!


Nogueiras, Paco (2014). Brinca vai!. Ilust. David Pintor. Pontevedra: Kalandraka [56 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-877-2).
Descrición do formato e do contido: libro acompañado de cd e dvd de tapa dura. Na cuberta temos figurado a Paco Nogueiras, o autor, coas gafas e o sombreiro que nos axuda a recoñecelo. Ademais, tanto o título como o debuxo está representado dunha forma que simula adquirir movemento, o que anima a abrir o volume para descubrir o que garda dentro. A contracuberta contén a lista de cancións das que se reproduce a letra no libro, que van precedidas polos comentarios laudatorios de diferentes persoas, como por exemplo, Juana Vázquez Silva, coordinadora dunha Biblioteca Escolar. Na parte final do volume tamén se recolle unha entrevista con Paco Nogueiras, no que desvela algúns  “segredos” do Brinca Vai. O contido da obra recolle 12 cancións baseadas en temas como a natureza, os xogos tradicionais ou as festas, como poden ser o Nadal ou o Magosto. Igualmente, ao ler as letras podemos comprobar que está presente o tema da amizade, entre outros. Cada unha das doce cancións conta coa súa imaxe na que aparece, na maior parte dos casos, Paco Nogueiras. As imaxes son de estilo infantil e animadas con cores alegres. As letras das cancións conteñen en letra negra os retrousos das composicións. É de salientar que a obra conta cun DVD de Sr. Sagüillo que está ligado á última parte do libro na que se lle explica aos pequenos e pequenas como poden facer para facer o seu propio videoclip das cancións. O CD danos a oportunidade de facer karaoke coas cancións.
Potencialidades: Brinca Vai! é unha boa maneira de presentar as tradicións aos nenos e nenas. A través da música, do baile e do ritmo, podemos ensinar na aula. Ademais, é unha boa maneira de crear relacións entre os nenos e fortalecer a amizade e compañeirismos. Mentres nos divertimos, os nenos coñecen festividades celebradas en Galicia e en que consisten cada unha delas. Podemos utilizar as cancións para poñer en práctica e mellorar a creatividade dos nenos, xa que poden ser eles mesmos quen propoñan pasos e creen un baile. Outra opción é que en asemblea, unha vez que todos coñezamos as cancións e as saibamos máis ou menos de memoria, un por un propoña un paso para cada cacho e facer un baile cooperativo. Este exemplar é un bo método para introducir o magosto cando estea próximo ou o Nadal. En canto a este último, contamos coa figura do Apalpador para dar a coñecer o Papá Noel galego, xa que a maioría dos nenos e nenas non son conscientes da figura que temos na nosa comunidade. Ademais, os complementos do CD e DVD abren moito o noso abano de posibilidades para traballar na aula.
Recursos en liña:
Representación da canción “Meu o mundo é!” por Paco Nogueiras (2014). No seu perfil conta con máis representacións: https://www.youtube.com/watch?v=F1e0wAcXcgw (consultado o 20/03/2018).
Domínguez, Jéssica (2017). “Brinca Vai!”. En: Primeiraslecturas https://primeiraslecturas.blogspot.com.es/search?q=brinca+vai (Consultado o 20/03/2018).

Ningún comentario:

Publicar un comentario