mércores, 2 de maio de 2018

Unha chea de familias



Neira Cruz, Xosé A. (2008). Unha chea de familias. Ilustr. Rodrigo Chao. Vigo: Galaxia, [41 pp.]. (ISBN: 978-84-9865-104-1).

Breve descrición do formato e do contido da obra: álbum ilustrado divulgativo que expón algúns dos diferentes tipos de familias que existen. Está encadernado en cartoné, polo que as tapas son duras, e as dimensións son de 29 x 25 cm. Na cuberta e contracuberta preséntase unha ilustración conectada na que se amosan un conxunto de edificios. A obra está escrita en lingua galega. No corpo do libro, cabe destacar que hai moitos diálogos, unha breve canción e interveñen numerosos personaxes. As ilustracións son a toda páxina e dan sensación de proporción, son moi expresivas, descritivas e están realizadas en cores vivas. Acompañan en todo momento ao texto, o que facilita que o neno/a poida seguir a historia sen ningún problema.
O contido xira ao redor de Mariña, unha nena que vive con seu pai e cada domingo pregúntalle porqué a súa nai non está con eles, pero a nai de Mariña faleceu. Un día o tema vai máis aló e pregúntalle porqué ela non ten nai e os demais nenos e nenas si. O pai dille que non todos os nenos e nenas teñen nai ou pai. Para explicarllo proponlle a Mariña ir pasear polo edificio e coñecer todos os tipos de familias que existen e, de paso, coñecer aos veciños. Mariña e o seu pai percorren todo o edificio e van coñecendo familias formadas por un pai, unha nai, un fillo, unha filla e un hámster, outra cunha filla asiática que adoptaron, outra familia de orixe marroquí. Tamén se atopan cun fillo e a súa nai que é moi vella e unha parella de homes que pensan en adoptar un par de nenos. No ático coñeceron a unha familia de músicos e Mariña atopouse cun compañeiro de clase, co que foron xantar. Alí coñeceron que os pais de Xoán, o compañeiro de Mariña, estaban separados e había outro home que era o noivo da nai. Mariña con tantos exemplos de familias xa se decatara de que había moitos tipos distintos de organización familiar, pero que todas estaban unidas polo amor.

Potencialidades educativas: este álbum é unha boa ferramenta para explicar aos nenos e nenas os diversos tipos de familias que existen máis alá das tradicionais formadas por pai, nai, fillo e filla. A obra tamén axuda a tomar consciencia da diferenza que hai ao noso redor, pois a través da veciñanza coñécense diferentes tipos de relacións sociais, de convivencia e de respecto, polo tanto incídese no coñecemento da contorna na que vivimos e nos desenvolvemos. Entre as referencias ao espazo, destaca a alusión ás illas Cíes, polo que se pode traballar cos nenos e nenas o coñecemento dun espazo natural concreto, as illas que forman o Parque Natural das Illas Atlánticas: colocalas no mapa, coñecer a flora e fauna que posúen, coñecer outras similares que temos en Galicia. A obra tamén nos dá pé a traballar coa música, pois pódese aproveitar a canción que está escrita ao final do libro para cantala na clase. Unha alegría e forma de expresión dos sentimentos que contrasta con outro concepto que se sinala na obra, a depresión, enfermidade moi usual na sociedade actual que se pode explicar aos máis pequenos para que sexan conscientes das súas consecuencias.

Recursos educativos:

Ningún comentario:

Publicar un comentario