xoves, 12 de abril de 2018

¿Onde está Nubebebé?



Fariña, Anxo (2017). Onde está Nubebebé? Ilust. do autor. Vigo: Edicións Xerais de Galicia, col. Gliz o pastor de nubes, [23 pp], (ISBN: 978-84-9121-282-9).


Descrición do formato e contido: álbum ilustrado de cartoné de 16x16 cm. Na cuberta aparece o título do libro xunto co nome do autor e da editorial e o protagonista con cara de sorpresa por ver a Nubenai chorando, feito que nos adianta parte a trama da historia. Tamén se mostra a Nubo preocupado e ao gato ninja observando a situación. Na contracuberta podemos ver outros títulos da colección. O álbum conta con dúas gardas que están pensadas para que o neno/a debuxe e pinte nelas elementos relacionados coa historia. A última páxina é un xogo de discriminación visual. No interior, antes de introducirnos no conto, preséntanos a todos os personaxes da familia Nube e a Gliz, o protagonista. Na seguinte páxina explícanos a relación que existe entre eles. As ilustracións son a dobre páxina, coloridas e con debuxos ben definidos cun carácter infantil. O texto combina diálogo con narración e inclúe onomatopeas. Ademais, destaca algunhas frases aumentando o seu tamaño e o seu formato para darlle máis relevancia.
O álbum conta a historia da desaparición de Nubebebé e a busca por parte da súa familia. Para atopalo, contan coa axuda de Bot, o robot; Matís, o pintor de flores e dos ninjas pixameiros. Estes últimos son os que descobren que Nubebé se atopa nunha árbore e axúdanlle a baixar dela. 


Potencialidades educativas: o exemplar permítenos traballar a discriminación visual grazas a un xogo para buscar pequenos chupetes agochados nunha imaxe. Tamén potenciamos a discriminación figura-fondo e o desenvolvemento da motricidade fina cos debuxos que aparecen para colorear ou completar, ademais disto, o neno ou nena á hora de pintar a Gliz pode facelo como queira, non ten por que cinguirse ao protagonista orixinal (Ex. Pode converter a Gliz nunha nena, nun Gliz doutra etnia, nun Gliz con distinta roupa…) e o mesmo co resto de personaxes. Na historia introdúcense os temas dos números, feito que nos serve para inicialos na competencia matemática. Tamén entra en xogo o tema da amizade, xa que tanto a familia como os amigos/as, aínda que sexan diferentes animais e teñan diferentes opinións, únense e traballan todos/as xuntos/as para buscar á pequena nube. Se ao neno ou nena lle atrae este libro, podemos amosarlle as diferentes aventuras que lle ocorren a Gliz no resto de libros da colección.



Recursos de interese: 

3 comentarios:

  1. Historia que recolle un sentimento que se debe potenciar dende a primeira fase da vida ata a ultima. Con el podemos empezar a traballar nel ou reforzalo dunha maneira ludica e sinxela. O recurso é moi interesante xa que con el podemos acceder a historia e volver a repasala as veces que queiramos.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitas grazas polo comentario Jonathan. Estamos de acordo coa túa aportación!

      Eliminar