Breve descrición do formato e contido da obra: álbum ilustrado narrativo de Ana Llenas.
Caracterízase por un formato cuadriculado e un tamaño de 27x27 cm. A súa
encadernación conta cunha cuberta e contracuberta de cartón duro, permitindo
que os nenos e nenas manipulen e experimenten co libro sen temor a que se
rompa.
Na cuberta preséntasenos a ambos protagonistas (Lolo e Rita), ademais do
título e o nome da escritora; na contracuberta recóllese unha breve sinopse da
obra, outras ilustración de ambos os protagonistas (desta vez menos agarimosos)
e os datos editoriais.
As gardas simulan o debuxo dun bosque realizado con diferentes materiais de
cartonaxe e a portada repite a mesma ilustración da cuberta.Os textos
caracterízanse por ser breves e por empregar unha linguaxe da vida cotiá. Aínda
así, cabe destacar que, reiteradamente, se empregan as metáforas coma recurso
literario, polo que será preciso acompañar na lectura aos máis pequenos. Así
mesmo, en cada frase, as palabras clave resaltan por ter un tamaño de letra
maior ou estar en negriña. Este formato, facilítalle a comprensión aos cativos,
sobre todo a aqueles que comezan as súas primeiras lecturas. Os textos
mestúranse coas ilustracións a dobre páxina, as cales acompañan, reforzan e
clarifican o que se vai narrando. Así mesmo, os debuxos caracterízanse por ser
coloridos, tenros e cunha sensación de relevo. Son debuxos simples que semellan
están realizados por nenos.
Por outro lado, a temática deste libro xira ao redor da amizade, do
respecto pola diversidade, a empatía, a tolerancia e as pautas para unha boa
convivencia.A historia conta con dous personaxes principais: Lolo, un bicho
bola “forte”, “misterioso”, “organizado”... e Rita, un vagalume “delicado”,
“imaxinativo”, “ao que lle gusta improvisar”... Ambos son os
protagonistas dunha historia de
amor/amizade de dous animaliños que sendo tan diferentes chegan a quererse
moito. A estrutura da historia divídese nunha introdución, un nó e un desenlace
feliz. Comézase coa descrición dos dous personaxes principais e faise fincapé
en que son moi diferentes, tanto física coma persoalmente, dando entender que son estas diferenzas as que fan
que se gusten. Despois ocorre o conflito, , xa que “Lolo e Rita ven que son moi
diferentes... e por iso se molestan”. E por último móstrase que “a pesar de ser
tan diferentes... quérense moito!” porque aprenderon que para ser amigos é
imprescindible saber ceder, respectar e empatizar cos demais.
Potencialidades educativas: antes de comezar a ler o libro sería
interesante que reflexionáramos cos nenos que todos somos diferentes, tanto por
fóra coma por dentro. Por exemplo, poderiamos facer unha ronda preguntado aos
nenos de que cor teñen os ollos, o pelo, cal é o seu xoguete favorito, cal é a
súa comida favorita... para que vexan que todos son diferentes. É importante
que a mestra ou mestre dea sempre a súa opinión, para favorecer a proximidade cos
cativos. Durante a lectura, outra actividade que se pode levar a cabo é que
ademais das diferenzas expostas no texto da obra, os nenos e nenas sexan
capaces de sinalar no libro outras (as antenas, as cores...) facilitando así a
súa participación e facendo a lectura máis motivadora.
Con estas dúas actividades estamos achegándonos aos conceptos de diversidade, diferenzas,
heteroxeneidade... Mentres que co desenlace do conto lles facemos reflexionar
que non hai nada malo en ser diferentes, que iso é moi bonito porque o mundo
sería moi aburrido se todos fósemos iguais.
Unha vez chegamos á parte na que ámbolos protagonistas comezan a ceder e
empatizar entre eles poriamos atención no concepto de amizade. É importante que
reforcemos a idea de que para ser amigos
non é imprescindible que sexamos iguais, nin que nos gusten as mesmas cousas, senón
que as relacións de amizade teñen que se construír dende o respecto e a
aceptación. Por último, unha actividade interesante sería establecer entre toda
a clase un “decálogo da amizade” para poñer na aula. Ademais, o texto está cheo de adxectivos, polo que
outra das súas potencialidades é que nos dá pé a traballar con eles e que os pequenos
amplíen vocabulario. Ademais, o xogo literario das antíteses tamén posibilita o
traballo coas palabras antónimas.
Recursos de interese:
Aulacylrkn cyl
(2016). AULA CyL Te Quiero Casi Siempre
PICTOS CUENTO. Recuperado o
21-02-2018 de: https://www.youtube.com/watch?v=jDWTlZbKzB0 Vídeo-conto con pictogramas.
Enma Cuentos (2018). Te quiero (casi siempre) en pop-up. Recuperado o 21-02-2017 de: https://www.youtube.com/watch?v=AX2c6t1EEKM
Gracia pc. (2017). TE QUIERO (casi siempre)
Cuentacuentos en familia. Recuperado
o 21-02-2018 de: https://www.youtube.com/watch?v=ye1a-vlr8xg Representación do conto polo CEIP
"Pilar Martínez Cruz" de Huelva.
Lecturas par infanti, sugerencias lectoras (2017).TE QUIERO (CASI SIEMPRE) Anna Llenas
Editorial Espasa Libros. Recuperado
o 21-02-2018 de: https://www.youtube.com/watch?v=tXJOGPZz3nM Vídeo-conto.
Llenas, A. (2017). Te quiero (casi siempre) Canción- Ana Llenas y Yo soy Ratón. Recuperado
o 21-02-2018 de: https://www.youtube.com/watch?v=mP6VdPZ_f4s É a canción oficial do conto en lingua
española.
Llenas, A. (2017).T'estimo (quasi sempre) CANÇÓ EN CATALÀ Anna Llenas & Yo soy Ratón. Recuperado o 21-02-2018 de:https://www.youtube.com/watch?v=uFsdVPZR53o Canción oficial do libro en catalán.
Rincón de una maestra (2016). Tres en raia de Rita e Lolo. Recuperado o 21-02-2018 de: http://rincondeunamaestra.blogspot.com.es/2016/04/tres-en-raya-rita-y-lolo.html
Tamén pode ser de interese consultar outra edición
desta obra en formato POP UP, como é Llenas. Ana (2017). Te quiero (Casi
siempre). Ilustr. da autora. Barcelona: Planeta. [22 pp.], (ISBN 978-84-0816-222-3).
Vila, U. (2017). Te quiero (casi siempre). Recuperado o 21-02-2018 de: https://primeiraslecturas.blogspot.com.es/2017/04/te-quiero-casi-siempre.html Análise da obra.
Ningún comentario:
Publicar un comentario