martes, 20 de marzo de 2018

Quen lle ten medo á Carapuchiña Vermella?



Sakinkanat, Sara (2013). Quén lle ten medo á Carapuchiña Vermella?. Ilustr. Aysen Ian Alican, trad. Manuel Ramos. Premio ao Mellor Libro ilustrado 2009 IBBY Turkey Chapter. Ourense: LINTEO. [25 pp.]. (ISBN: 978-84-96067-84-4). 

Breve descrición do formato e contido da obra: álbum ilustrado literario narrativo dun conto orixinal. Está escrito en galego e ten unhas dimensións de 30 x 23 cm. As tapas son duras e está encadernado en cartoné. Na cuberta vemos aos protagonistas da historia e a carapuchiña vermella. Tanto a ilustración dela coma o título da obra e os nomes dos autores teñen unha textura brillante. Polo tanto, observamos que se xoga con diferentes texturas na tipografía, tanto nas cores, que brillan e mudan en función da luz; coma no tacto, que dan sensación de frialdade (sangue, medo). As texturas realzan o significado do propio título. Na contracuberta vemos ao lobo disfrazado de carapuchiña vermella e a capa está coas mesmas texturas brillantes descrita anteriormente. 
Nalgunhas páxinas vemos ilustracións cunha dobre escea: a nai do lobo preguntándolle a este que faría en cada situación e as ilustracións representando ditas accións. Nunha páxina, o texto ten forma dun sorriso, simbolizando o entusiasmo e alegría do lobiño. Os animais da obra están humanizados. 
A obra fai alusión ao conto popular da carapuchiña vermella e tamén a outros contos populares. É interesante destacar que a figura da carapuchiña aparece en todas as páxinas do libro, en forma de boneco ou en esbozos infantís.
A autora fai alusión á historia da carapuchiña vermella desde o punto de vista do lobo. Un lobiño quere sair ao bosque, polo tanto a mamá lobo faille unha serie de preguntas para confirmar que está preparado para ir só e que non ten medo. Estas preguntas baséanse nas accións do lobo protagonista da carapuchiña e o lobiño responde todo o contrario do que fai o lobo da historia, demostrando así que os lobos non son os malos do conto.

Potencialidades educativas: con esta historia os nenos e nenas traballarán o tema dos prexuízos. En todas as historias aparece o lobo como o malo do conto, pero con este libro descubrirán que este animal non é tan malo como din. 
No conto tradicional este animal representa ao home, e é a carapuchiña a que debe ter coidado con el (visión androcéntrica). Nesta historia, sen embargo, amosa como se educa ao lobo (home) para que sexa el o que teña a conciencia de non atacar ás mulleres, neste caso á carapuchiña.
Esta historia da pé a reformar e rectificar as historias tradicionais para adaptalas á actualidade, desenvolvendo así un pensamento crítico nos nenos e nenas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario