martes, 20 de marzo de 2018

Bebé bigotes



Patacrúa (2006). Bebé Bigotes. Ilustr. Alessandra Cimatoribus. Pontevedra: OQO Editora. col. 0, [29 pp.].  (ISBN: 84-96573-51-6).

Descrición do contido e formato: conto ilustrado de tapa dura cunhas dimensións de 25x23 cm. Na cuberta mostra o título da obra en cor azul e abaixo o seudónimo da autora e o nome da ilustradora. Como se pode observar, hai unha imaxe dunha parella anciá paseando un coche de bebé sobre un fondo cálido. Na contracuberta aparece unhas árbores nun fondo verdoso cunha perspectiva descendente, isto ten relación coa parte na que o gato foxe en dirección ao bosque que rodea a casa do matrimonio. As imaxes son animadas e o que máis sobresae dos debuxos é a cabeza e o seu corpo, que semella máis pequeno do normal. Tal como se sinala no Informe de Literatura (Roig, 2007), o estilo utilizado nas figuras simplifica as formas e fainas amábeis e acolledoras; malia a estilización empregada os dous vellos transmiten distintos sentimentos nas expresións das súas faccións. A técnica empregada é a pintura, aplicada cunhas pinceladas que deixan ver a textura uniforme de todo o plano; a ilustradora tamén xoga con veladuras para matizar as cores, que son cálidas (ocres, amarelos, vermellos, laranxas,...). As composicións das escenas, a dobre páxina, son moi variadas con distintos puntos de vista, primeiros planos e imaxes cortadas. Son unhas ilustracións que complementan o texto con moita información do que lles vai ocorrendo aos protagonistas e que permiten unha lectura visual paralela enriquecedora.
A linguaxe é sinxela, o texto se agrupa nunha carilla e aparece nunha páxina e ten coherencia coa ilustración, aínda que esta sempre ofrece máis información visual e detalles que o escrito. O estilo combina a voz dun narrador que fala en terceira persoa cos diálogos entre os protagonistas, que son unha parella de anciáns. Ambos soñan con ter un bebé e intentar conseguilo de moitas maneiras, como por exemplo facendo unha nena de pau, un neno de trapo, escribíndolles  unha carta aos Reis, deixándolles mensaxes ás cegoñas e tirando moedas no pozo dos desexos, pero nada disto axudou a ter o que querían. Logo, déronse conta de que facer un fillo é moi complicado, polo que un día a velliña quedou na casa soa e tivo a idea de ter a un gato como fillo. Finalmente, as cousas non saíron como pensaban, pero tiveron un final feliz porque se deron conta que se tiñan un ao outro. Como dato significativo do conto é que se trata dunha reescritura dun conto tradicional de Mongolia.

Potencialidades: este conto é interesante porque aborda os anhelos e desexos non conseguidos, neste caso a maternidade/paternidade. Tamén propicia a reflexión sobre a soidade entre as persoas maiores. Isto demóstranos que a pesar da idade é importante manter a esperanza, a ilusión, e que os velliños tamén poden ter moita imaxinación, xa que intentan de moitas maneiras ter un fillo e buscar solucións por moito que sexa complicada a situación. Con isto, ensinamos aos nenos/as a loitar polos seus soños e a importancia da compañía.

Recursos de interese:
Andújar, Laura (2012). “Bebé Bigotes”. En Literatil

Roig, Blanca-Ana (2007). Informes de literatura. Santiago de Compostela: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. En http://www.cirp.gal/rec2/informes/upload/ver/inf2006/Informe_Literatura_2006.pdf (Consultado o 15/03/2018).

Ningún comentario:

Publicar un comentario